«Cun goberno de catro, nunca mellor se traballou en Narón»

ELECCIONES 2016

JOSÉ PARDO

Xogador de tute, José Manuel Blanco, candidato de Tega en Narón, di que os veciños nunca lle cantaron as corenta pola rúa

11 may 2015 . Actualizado a las 07:08 h.

Anda José Manuel Blanco (Ferrol, 1952) entre A herencia, de John Grisham, e un libro de diferentes autores sobre Podemos. «Hai que estar ao día», di o candidato de Terra Galega (Tega) en Narón. Leva na corporación desde o 83 e ten o bastón de mando desde o 2009. O seu é dos poucos municipios de Galicia que gañan veciños. Chegou aos 40.000. Blanco explícao «co chan industrial que se ofreceu cando a reconversión naval dos oitenta, a autopista con saída ao centro do municipio, e servizos coma as escolas infantís ou o auditorio». O de que Narón sexa territorio do Tega resúmeo cun: «Somos distintos»

-Fálase de amplas maiorías. Pero aquí hai un cuadripartito.

-Tivemos a maioría en todos os mandatos, pero só unha vez a absoluta. Foi o peor mandato, como se nos collera unha soberbia e souberamos de todo. Nós pactamos con todos. EU, PP, BNG, PSOE...

-Algúns dirán que pactan con calquera.

-O que se quere sumar ao noso proxecto, faino. Houbo temas, como o saneamento da ría, no que un dos grupos do goberno se abstivo e o outro opúxose. Pero non rompeu o pacto. Dicíannos: «É unha loucura, catro nun goberno». A min gustaríame ter gobernado cos cinco grupos. Estes catro anos, con catro grupos no goberno, nunca mellor se traballou. Catro sensibilidades e un goberno. Non coma o reino de taifas do bipartito do PSOE e o BNG na Xunta. Iso non ía consentilo. Na Xunta e en Madrid é máis difícil pactar. O Parlamento trata as súas cousas, moitas veces fóra da realidade.

-Pensa que é certa a impresión desa burbulla de certos políticos.

-Si. Tratan asuntos que ninguén lles pide que traten. O aborto, as taxas xudiciais... Teñen que lexislar para que ninguén pase fame en España, e que a educación e a sanidade sexan públicas, gratuítas e de calidade.

-Pero está a débeda...

-En Narón temos dous millóns de superávit. É denigrante que obriguen a pagar débeda e non se poda gastar en servizos públicos. O crédito máis grande que temos é un de 5 millóns. ¿Co Euribor case a cero vou pagar? Négome. Como me nego a que se diga que todos os políticos son corruptos.

-¿Algunha espiña cravada?

-A nós cedérannos 30.000 metros cadrados de zona verde. Pero chegou a autopista. Ou se litigaba para paralizala ou se deixaba pasar. Optamos polo segundo e perdemos un pulmón no centro.

-Saíron protestóns co centro de saúde, as escolas infantís...

-O PP quedou doído. Pensaban que ían gañar aquí. Notouse na Deputación da Coruña e na Xunta. Tivemos que ir ao Defensor do Pobo e ao xulgado por certos convenios. ¿É tan difícil fixar criterios nas axudas para evitar o clientelismo? Somos o cuarto concello da Coruña. Que en catro anos o presidente da Deputación non nos visitara oficialmente...

-¿Como é o trato con Ferrol?

-Moi difícil. Había un acordo marco para varios temas. Pedimos unha reunión un mes despois das eleccións e aínda estou esperando.

-Dunha fusión nin falamos.

-Se non hai acordos puntuais, ¿como vai haber fusión?

-¿Tega podería ter ocupado o espazo dos novos partidos?

-Non somos cabeza de nada, queremos formar parte dun proxecto nacionalista e progresista para Galicia que aínda non chegou. Non creo que os novos partidos sexan a solución, pero fan espabilar aos grandes e iso era necesario.

-¿Como ve aos seus aliados naturais en Galicia?

-BNG, Somos Nós, Anova... Para chegar a unha alternativa nacionalista e progresista temos que baixar da burra dos protagonismos persoais. Agora mesmo é utópico.

-¿Chega en forma ás eleccións?

-Levaba anos indo ao ximnasio e tamén indo a andar. Pero nestes últimos cinco meses non fixen nada e engordei cinco quilos. Teño a ficha para volver ao ximnasio en setembro. Reláxame moito.

-Si que xoga ás cartas.

-Son un profesional. Sobre todo do tute. Traballei 36 anos en Fenosa e facíamos campionatos. Temos unha vitrina chea de trofeos.

-¿Quen lle cantou as corenta ultimamente?

-Hai visitas de nenos ao concello e unha das preguntas me fan ultimamente é se me insultan na rúa. Pero nunca tiven un incidente.