
A cantante galega cree que é necesario impulsar «un servizo de saúde mental de calidade» e facer programas de acompañamento psicoemocional para toda a xente
10 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Sabela Ramil deixa por un intre o micrófono e sitúase en San Caetano dirixindo o Goberno galego. Cal sería a primeira medida? «Para empezar, sacar a froita podre do froiteiro, que pode contaminar, para non podrecer eu tamén», sinala entre risas. E logo buscaría un lema: «Na miña casa sempre poño follas nas paredes con mensaxes, e na Xunta poría algo como “Sempre se pode mellorar”. Esa sería a clave».
En xeral, Sabela Ramil di que buscaría «mellorar a calidade de vida das persoas». De maneira máis específica, nótase que é terapeuta ocupacional. Apunta a necesidade de mellorar un aspecto moi concreto da sanidade: «Faría un servizo de saúde mental de calidade, con persoal suficiente para toda a poboación, e tamén programas de acompañamento psicoemocional para toda a xente de Galicia. Non fai falta estar mal e ter unha enfermidade para intervir», di.
Estas melloras propiciarían, dende a súa visión, o acceso ás terapias, sexa a un logopeda, a un psicólogo ou a terapia ocupacional. «O que non pode ser é ter que esperar un ano por un terapeuta, paréceme incrible». Toda esa preocupación pola saúde mental conéctaa coa educación: «Protexería un 100 % aos nenos e ás nenas. Eles non son culpables desta sociedade. Protexería a súa saúde psicoemocional desde pequeniños, e valoraría que a educación fose mais alá, que tivese esa compoñente psicolóxica, física e nutricional».
Noutro ámbito, Sabela Ramil tentaría fomentar «un modelo de economía máis sostible e circular», así como «o respecto á diversidade funcional, que hai que protexer». Neste punto precisa que sería «non só nun sentido paternalista, senón recoñecendo os dereitos». Por último, fala tamén da cultura, fomentando «o amor pola diversidade», e tamén do coidado do medio ambiente, «o primeiro de todo».