Ana Pontón: «Imos recoller unha parte do voto de xente que noutros momentos estivo co PP»

«Hai que pór en marcha Galiza con novas ideas, non con vella política», avisa a candidata do BNG ante posibles alianzas

O selfi da candidata: Pontón, co seu equipo de campaña, nunha foto tirada esta semana en Santiago
O selfi da candidata: Pontón, co seu equipo de campaña, nunha foto tirada esta semana en Santiago

REDACCIÓN / LA VOZ

Xunto ao candidato do PP, Ana Pontón (Sarria, 1977) é a única aspirante que repite na foto das eleccións do 2016, mais agora con expectativas ben diferentes. Hai catro anos non se atrevía apenas a falar dunha presidenta do BNG en San Caetano, e hoxe esa, presidenta, é a palabra que máis repite na conversa.

 —Todo apunta a unha forte suba do BNG este domingo. Volve estar o nacionalismo onde cre que debería?

—O que creo é que hoxe todos os galegos que queren unha candidatura sen ataduras a Madrid saben que o seu partido é o Bloque Nacionalista Galego. Sabemos que hai partido, que podemos deixar atrás os Gobernos do PP, co BNG á fronte, facendo historia cunha muller na presidencia e coas mans libres para defender os intereses dos galegos.

—Para que haxa presidenta o BNG ten que quedar por diante do PSdeG. É posible?

—Nós saímos a por todas, coa convicción de que é posible ter unha presidenta, e para iso queremos concentrar todo o voto nacionalista, galeguista e inconformista. Se concentramos o voto no BNG, faremos historia.

—Fala moito nos mitins diso, da concentración. Teme disgregación de voto de esquerdas, agora que hai unha forza nova como é Marea Galeguista?

—É importante que todo voto que quere cambio vaia ao BNG.

—Para alcanzar ese obxectivo, o de ser presidenta, non debería recoller tamén voto do espectro do PP, do centrodereita?

—Nós temos un proxecto transversal. Para votar BNG o único que se necesita é amor por esta terra e ilusión por que sairemos desta crise. Este proxecto non se pon límites. Eu estou segura de que moita xente, votase o que votase no pasado, está de acordo con moitas das cousas que estamos a propor.

—Mesmo votantes do PP?

—Estou convencida. Imos ter unha parte do voto de xente que noutros momentos estivo co PP e que agora ve que Galiza vai a menos.

—O BNG ten experiencias de coalicións co PSdeG, pero non coas mareas. Cre que funcionará?

—Temos experiencia de gobernos municipais que fan políticas transformadoras. Pero neste momento o importante é estar á altura. Se o 12 de xullo os galegos apostan polo BNG, maior solidez vai ter ese cambio e maiores garantías de que será un cambio real e en clave de país, sen subordinacións.

—Unha parte deses aliados sería Anova, integrada en Galicia en Común. Son excompañeiros que marcharon con moito ruído do BNG. Hai rancores?

—Os galegos teñen que saber que haberá un Goberno que estará á altura. Non hai nin roces nin rancores, o que temos que poñer por diante é o interese por Galiza. Hai que pór en marcha este país con novas ideas, non con vella política. Demostramos que, cando o BNG é decisivo, a Galiza vaille ben, conseguimos máis cun acordo en Madrid que once anos de Feijoo.

—Pois ese acordo está sen desenvolver, non sei se pola pandemia ou por desinterese...

—Hai cousas que se teñen desenvolvido, logo chegou a pandemia, e agora veremos cos orzamentos do Estado. Sánchez ten que cumprir con Galiza.

—Con que, por exemplo?

—Para empezar, coas rebaixas nas peaxes da AP-9. Esa sería a primeira demanda. E despois, ter un trato xusto nos fondos de reconstrución.

—Que cantidade sería a xusta?

—Habería que velo.

—E non vai pedir unha solución para Alcoa?

—É que iso depende de vontade política. O Estado acaba de aprobar un fondo extraordinario para rescate de empresas, e o que lle pedirei eu a Sánchez se son presidenta é que diga cantos cartos hai para nacionalizar a fábrica de San Cibrao e salvar o emprego.

—Seguindo na Mariña. O BNG vén de pedir a suspensión das eleccións na comarca polo rebrote. Pero non din como se recuperarían eses comicios. Que habería que facer?

—A cuestión é outra: é xusto someter á veciñanza da Mariña ao dilema de elixir entre preservar a saúde e ou exercer o dereito a votar? Eu digo que non é xusto e que o prudente sería aprazar as eleccións nesa comarca até que puidesen ir as urnas coas máximas garantías sanitarias, como no resto do país.

—Cre que hai risco para a saúde indo ao colexio electoral?

—Desde o BNG estamos facendo un chamamento á mobilización masiva. E claro está, dou por suposto que imos votar coas máximas garantías sanitarias en todos os colexios electorais. 

;
Encontro dixital con Ana Pontón Os subscritores de La Voz foron os encargados de formularlle as preguntas á candidata do BNG

«A primeira decisión se son presidenta será un gran acordo de país para a reconstrución»

—Ímonos poñer a finais de agosto, e vostede é investida presidenta de Galicia. A primeira decisión sería...

—Chamar a Pedro Sánchez para intervir Alcoa. Pero tamén un acordo de país para a reactivación e reconstrución económica e social.

—Pensei que diría derrogar o decreto do galego...

—Tamén, porque é unha vergoña.

—Que transferencias pediría?

—Levamos 11 anos en dique seco porque Feijoo non confía no autogoberno. Hai que activar a comisión mixta para reclamar todas as que permite o Estatuto. A primeira, a AP-9. E logo deberíamos falar doutras, como seguridade viaria e marítima.

—E como sería o inicio de curso escolar con vostede á fronte?

—Moi diferente do que ten pensado o PP, que o que lles di aos centros é que busquen a vida, como se non houbese unha pandemia, cando vemos rebrotes tamén no país. Habería que ter un plan A e un plan B. O primeiro, cun curso presencial e menos nenos por aula reforzando o profesorado, garantindo todas as medidas. E un plan B, oxalá non, cun ensino a distancia perfectamente preparado, non como sucedeu co confinamento, e garantindo o acceso e os medios a todo o alumnado. E ten que dar tempo, traballando desde o día 13.

«O modelo fiscal do País Vasco e de Navarra é perfectamente válido para Galiza»

O programa económico do BNG aposta forte polo sector público: en educación, en sanidade, en investigación, en servizos sociais...

—De onde pensa sacar os cartos para sufragalo todo?

—Primeiro temos que reclamar ao Goberno os cartos para a reconstrución que lle corresponden a este país, non como no primeiro reparto, no que Galiza no tiña o seu peso nin por poboación nin por PIB. E iso sucedeu porque a Xunta non estivo facendo o seu traballo. Tamén temos que avanzar co rescate que prepara Europa, sen que supoñan recortes, e con cartos que queremos xestionar desde aquí. E segue pendente a reforma do sistema de financiamento. Queremos ter a chave dos nosos cartos, como no País Vasco ou Navarra.

—Cre de verdade que é transferible ese modelo?

—Perfectamente. Hai un imposto, o de sociedades, que non forma parte da cesta de impostos autonómicos, e o Estado recada aquí 1.800 millóns con esa figura. E mire o que poderíamos facer con eses cartos! Non vexo a ninguén no País Vasco ou en Navarra pedindo volver ao réxime fiscal xeral. É un sistema que funciona.

—Galicia ten capacidade de crear impostos propios, ou mesmo tocar os seus para ingresar máis.

—Pero tes pouca capacidade. Podes crear novos impostos? Si, pero limitados. Nós levamos propostas como o imposto as grandes superficies comerciais, a fiscalidade verde... Pero os elementos centrais do sistema fiscal dependen de Madrid. Queremos que as grandes rendas tributen máis, fronte ás rendas do traballo.

—Vai subir o IRPF no seu tramo autonómico?

—Si, ás rendas máis altas, e baixaría para as máis baixas. E tamén acabariamos con esa situación que supón que se tes dous pagadores e cobras máis de 22.000 euros tributas máis, algo que penaliza aos traballadores precarios e aos emigrantes retornados.

—E co imposto de sucesións que baixou o PP?

—Hai que volver á situación anterior porque é unha forma de ter máis ingresos.

Ana Pontón promete en Cambados defender el sector del mar «con unllas e dentes»

Sara Dorado, B. C.

El BNG coloca en el centro de su política la mejora de las rías y de las condiciones laborales de las mariscadoras

La candidata a las próximas elecciones autonómicas por el BNG, Ana Pontón, visitó esta mañana Cambados, recorriendo su costa hasta la zona de San Tomé, donde anunció su compromiso de mejorar el sector marítimo-pesquero y hacer de este un «eixo de desenvolvemento do país». Pontón calificó a la ría de Arousa como una de las más productivas de Galicia, pero atacó la gestión de los recursos que se ha llevado a cabo hasta ahora: «O BNG porá en marcha medidas que permitan que o sector teña un aliado no goberno e non o que leva pasando nestes anos, cun abandono importante que provoca que perdamos oportunidades de emprego. O BNG defenderá o sector con unllas e dentes».

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
114 votos
Comentarios

Ana Pontón: «Imos recoller unha parte do voto de xente que noutros momentos estivo co PP»