Primer encuentro con los lectores de La Voz | Gómez-Reino: «A nosa coalición identifícase coa alma máis transformadora do espazo de progreso»

Antón Gómez-Reino confesou que era necesario que as tres forzas que pretenden gobernar a Xunta (BNG, PSdeG e GeC) expresen de xeito máis claro a súa colaboración mutua

;
Encuentro con Antón Gómez-Reino Los suscriptores de La Voz preguntan al candidato de Galicia en Común a la presidencia de la Xunta

Redacción / La Voz

La Voz de Galicia puxo en marcha unha serie de encontros dixitais para que os nosos subscritores poidan facer as súas preguntas de xeito telemático aos candidatos para as eleccións galegas do 12X. O primeiro en participar foi Antón Gómez-Reino, candidato á Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas

María José Fernández: Como é posible que con programas tan bos lles vaia tan mal nas plataformas nas que se presentan?

Antón Goméz-Reino: Creo que o noso espazo viviu un proceso de maduración moi rápido no que pasamos de ser “xente normal” a estar nas institucións. Ese proceso terminou coa nosa presenza no Congreso e cunha ministra como Yolanda Díaz fronte ao Ministerio de Traballo, que no primeiro mes xa ofreceu unha mensaxe moi importante coa suba do salario mínimo. O certo é que este espazo agora vai completamente unido e cun horizonte definido logo de chegar a un acordo coas mareas, Anova e Esquerda Unida, que era o que pedía a cidadanía. Creo que aprendimos a lección e que o proceso de maduración nos levou a ser agora unha peza fundamental en Galicia.

 Pablo Sanz (A Coruña): Vostede afirmou no debate que Feijoo vai marchar para Madrid, pero vostede non deixou a acta no Congreso. Marchará para Madrid tamén? Por que non renunciou ao escano no Congreso?

Teño unha responsabilidade moi importante cos galegos e máis nun momento tan difícil como este, porque teño nas miñas mans a Comisión de Traballo. Pero haberá unha transición coa entrada doutros compañeiros, niso estamos. É un asunto que está pechado, o meu interese agora está en cambiar o país desde Galicia.

 Xosé (Santiago): Por que non lle poñemos as nosas rúas os nomes en galego?

Estou de acordo, hai que deixar atrás ese tempo escuro. Eu o que podo é falar do traballo que se fixo desde o Concello da Coruña e de Compostela cos gobernos das mareas nos que si se abordaron esas cuestións. Sen abrir feridas, pero unha sociedade avanzada ten que deixar fóra ese periodo da historia e penso que é significativo, nese sentido, recuperar topónimos vinculados aos lugares e non ten sentido que, por exemplo, na Coruña, siga habendo unha rúa que se chama Riego de Agua cando é Rego da Auga. Paréceme magnífico que as rúas teñan alma.

 Jorge (A Coruña): En que se diferenza Galicia en Común do BNG o PSdeG ou Marea Galeguista?

Tendo en conta que a alternativa que propoñemos ao goberno de Feijoo ten tres almas, nós identificámonos coa alma máis transformadora, co espazo máis comprometido. Os nosos programas son sempre os que van un pouco máis alá na defensa das medidas sociais e da economía pública e do estado do benestar. Eu teño un contrato coa sociedade e teño que poñer enriba da mesa ese currículo, e tamén o compromiso de que o programa sempre se cumpre.

 Pepucho (Arteixo): Non pode Galicia en Común ser confundida con Marea Galeguista?

Os cidadáns saben identificar perfectamente as papeletas que queren. Cambiamos de nome varias veces e a xente sabe ben cal é o espazo que fai políticas máis avanzadas.

 Juan: Cre necesario cambiar a lei do xogo para evitar as adicións que está a provocar?

Cando nos reunimos coaas persoas afectadas por ese problema ou coas súas familias, sempre din que a ludopatía é algo moi semellante ao que pasou coas drogas nos anos 80, un enorme problema social. Hai que poñelo no debate público de forma clara como está a facelo o Ministerio de Consumo, pero tamén hai que abordalo desde a Xunta de Galicia. Xa sei que hai importantes intereses económicos no xogo, pero non podemos permitir algo que afecta tanto á saúde da cidadanía. Hai que lexislar, facer unha norma e que sexa moito máis restritiva.

 Manuel (Vilaxoán): A lei do cambio climático pon en risco empresas que están no dominio marítimo-terrestre. Que se vai facer ao respecto?

A ministra de Transición Ecolóxica xa dixo con claridade no Congreso que non ía haber problema nas rías coas concesións e que quen non tivera os permisos actualizados íase traballar con eles para acadar unha solución, porque para Galicia en Común é fundamental que esas empresas continúen a producir.

Óscar Martínez (Redondela): Cre sinceiramente que unha forza galeguista, nacionalista e periférica casa ben con outra centralista como Podemos?

Creo que o fundamental é construír e entender este país, e que o espazo orgánico no que eu estou tense que relacionar, confederar e articular de acordo coa realidade da plurinacionalidade que agora mesmo se dá no conxunto do Estado español. Temos unha ministra galega que é dunha forza política galega e creo que iso é unha fotografía clara das potencialidades que ten que unha forza política do noso país teña alianzas con outras organizacións do ámbito estatal. Eu, particularmente, só lle atopo virtudes.

 Ángel Seoane: Que solución hai para salvar os postos de traballo de Alcoa?

Estamos, precisamente, a un quilómetro da planta de Alu Ibérica na Coruña, antes Alcoa. Son dúas problemáticas moi diferentes pero hai que salvar todos os postos de traballo. Nós levamos unha lei antideslocalizacións, que agora todo o mundo fala de que hai que relocalizar as industrias, pero ata o de agora non se vía ben. Nós si a temos porque, ao noso xuízo, máis alá de que hai que aprobar o prezo da enerxía para as electrointensivas, é fundamental que a Xunta, facendo uso das competencias en Industria que lle dá o artigo 30 do Estatuto de Galicia, participe en sectores estratéxicos do noso país e que estea nos consellos de administración desas empresas como marco xeral. No caso de Alcoa, como xa se ve que o problema non é o prezo da enerxía e ademais insiste en que tampouco quere vender, pois creo que o que temos que facer nós o día 13, desde a Xunta, é participar nesa empresa e que o goberno galego interveña nela. É o que fixo o goberno sardo con Alcoa en Italia. O Ministerio de Industria está traballando, pero, que fixo o goberno de Feijoo nestes tres meses? Pasaría o mesmo se fora Citroën en Vigo, Coren en Ourense ou Inditex na Coruña? Seguro que non. O que hai que facer é unha intervención pública decidida.

 Francisco Gómez: Teño 19 anos, que pode ofrecer Galicia en Común para a xente nova?

Hai uns días estiven cos tres reitores galegos e apostamos por unha universidade gratuíta e por un reforzo do sistema de becas, e nós imos desenvolver un paquete de medidas para os mozos para que, por exemplo, poidan participar nun sistema de compra de vivenda. Onte, no debate, recordámoslle a Feijoo que non se trata só de ter traballo, que hai que poder vivir dese traballo, que non se pode traballar para seguir sendo pobre. Somos un espazo político que quere parecerse á parte máis dinámica da sociedade, que é a xente moza.

 Andrea Lorenzo: Candidatos como Ana Pontón non coñecen outra experiencia laboral que non pase por ser deputados do seu partido. En que cre que beneficia a un candidato a súa experiencia laboral?

A semana pasada fun a un foro do Círculo de Empresarios en Vigo, e na presentación que me fixeron comentaron o de que fun autónomo por uns anos. Eu creo, humildemente, que é importante coñecer de primeira man diferentes ámbitos de traballo por conta allea, pero tamén por conta propia. No meu caso é certo que teño un percorrido profesional moi ecléctico e ata traballei en medios de comunicación. Dá unha visión de conxunto das demandas que ten a cidadanía. É certo que eu agora levo tres anos e medio de deputado e as institucións tenden a aillarte do teu espazo social e creo que é importante ter e manter relacións e amizades doutros momentos da túa vida que che dan un termómetro das preocupacións da sociedade.

 Antón Lois (Arcade): Propoñen desesnvolver unha nova estratexia galega de educación ambiental. Podería citar algunha liña estratéxica concreta dese proxecto e cales serían os principais axentes sociais destinatarios?

Se falamos dunha estratexia ampla que ten que ver co ambiental, son paquetes normativos moi amplos para os que hai que falar cun amplo abano de sectores sociais; coa sociedade civil, coas organizacións ambientais, cos sectores económicos que poden verse implicados… O primeiro que hai que facer é abordar, dunha vez por todas, o saneamento integral das rías, que son ecosistemas importantes, pero tamén elementos produtivos. Logo, abordar a pérdida de riqueza dos ecosistemas, e no ámbito estatal estase a tratar de desenvolver unha lei de biodiversidade vinculada ao noso país nun momento no que o cambio climático está a alteralos. E creo que hai outro elemento fundamental, que é o ámbito forestal, que fala dunha forma de relacionarnos co noso entorno pero tamén de incendios e de como abordar as súas políticas.

 Amalia Fernández: Que medidas propón para potenciar o interior de Galicia, unha zona despoboada? Que nos quedará aos que vivimos no interior e non queremos marchar?

Aínda estamos a tempo. Hai zonas non urbanas que seguen a manter a súa poboación porque teñen actividade económica; zonas de produción láctea, por exemplo. Cando se fala de manter vivo o rural, fálase de servizos públicos, do paritorio, do banco, da escola… E iso hai que garantilo, pero tamén hai que garantir a economía a través dos sectores produtivos. O sector lácteo é un exemplo moi claro, porque alí onde está, tamén hai menos incendios, xa que facilita que o campo estea limpo e ordenado.

 Laura (A Coruña): A pandemia do coronavirus puxo de manifesto a necesidade de axudas ás familias monoparentais. Que ten pensado facer o seu partido se chega ao goberno?

Creo que é moi importante abrir unha reflexión, sobre todo naqueles ámbitos nos que a sociedade vai por diante do lexislador, e este é un claro exemplo; temos diferentes formas de familia e o ámbito lexislativo aínda non se adaptou a esa situación. Estase a traballar en medidas de conciliación e en políticas públicas como a renda de garantía, que é complementaria do ingreso mínimo vital e permitiría que, como vai suceder no País Vasco, os galegos e as galegas que teñan dificultades a ese nivel poidan ter uns ingresos equivalentes ao salario mínimo interprofesional de 950 euros. Falamos tamén de medidas que van a fomentar o consumo nun momento no que a tenda de barrio, a panadería ou a froitería precisan que os veciños teñan recursos.

 Jesús (Lugo): Aceptaría como militante da esquerda percibir o mesmo que polo seu traballo renunciando a compensacións e dietas?

Nós xa temos en Podemos un código ético polo que eu cobro tres salarios mínimos dos de antes, e tamén cobro medio máis por cada fillo ao cargo, porque eu teño dúas fillas. Eu xa o fago, e o digo con humildade. En Podemos facémolo desde 0 2015. E tamén é unha satisfacción para min que con eses recursos se teña irrigado o tecido social que máis está a sofrir a través de diferentes proxectos que se puxeron en marcha.

 Enrique (A Coruña): Con quen ou con que formacións contemplaría posibles pactos de goberno?

Hai a posibilidade dun goberno a tres cos compañeiros do BNG e do PsdeG, e onte desliceino no debate, que sería a mellor noticia para activar o voto progresista nos doce días que quedan de campaña que continuáramos na senda de expresar a cooperación que creo que se expresou onte entre o BNG, Galicia en Común-Anova Mareas e os compañeiros do PsdeG, creo que sería o elemento que faría que o votante progresista e socialdemócrata, o votante nacionalista e o votante de esquerda foran a votar masivamente o 12 de xullo. Para activar ese voto creo que é necesario que se vexa que ese goberno é posible. Creo que onte esbozouse. O certo é que en todos os procesos electorais houbo maiorías claras progresistas e de esquerdas en Galicia. Se a xente vai votar, hai un cambio político o día 12.

  Óscar Martínez (Redondela): Por que despois de ter gastado miles de millóns nas infraestruturas, ir de Redondela a A Coruña para unha familia de dous adultos e dous nenos costa 105 euros, ida a volta. Que solucións aporta para a mobilidade en Galicia?

É certo que fronte a outras zonas do Estado, a única posiblidade de percorrer Galicia en tren é da Coruña a Vigo. Necesitamos cercanías e necesitamos outras formas de mobilidade. En canto á AP-9, seguimos cunha privatización que non ten lóxica. Non ten lóxica que o Estado invista nunha infraestrutura e logo lla entregue a unha empresa privada. Temos que desandar o camiño. A candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, rachou onte no debate cos tiques da autopista, cando Ciudadanos votou en contra do traspaso da autopista a Galicia. O importante é que os cidadáns deixen de pagala, e é certo que cómpre por en marcha a comisión para a transferencia, pero hai que ir máis alá. Que os galegos deixen de pagar na peaxe, si, pero que tampouco entre todos teñamos que pagar desde o Estado a unha concesionaria, porque ao final pagaremos igual. Hai que desandar ese camiño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Primer encuentro con los lectores de La Voz | Gómez-Reino: «A nosa coalición identifícase coa alma máis transformadora do espazo de progreso»