Rodríguez Villarino: «Quero que Ourense sexa coma o resto das cidades, onde se chega a acordos»

O aspirante máis votado necesita pactar para gobernar con estabilidade, e non descarta a Jácome


ourense / la voz

Liortas internas situárono como candidato do PSOE á alcaldía de Ourense de forma inesperada. Pero Rafael Rodríguez Villarino conseguiu ser o máis votado este domingo. Agora recorda con sorna que na campaña Feijoo referíase a el como «un señor de Amoeiro» e que o aspirante popular á reelección, Jesús Vázquez, dicía que ve ovnis. «Non tiveron argumentos», conclúe.

-O PSOE foi a forza máis votada e todos os ollos miran para vostede. Que pasos vai dar agora?

-Os pasos do PSOE son os de mudar esta terra. E digo esta terra porque non podemos pensar na cidade como algo independente da provincia, senón todo o contrario. Os números son claros, e non temos unha maioría que nos permita gobernar con suficiente fortaleza, pero se é posible chegar a acordos pois benvidos sexan, e se non é posible veremos de levar o goberno adiante de modo minoritario. O obxectivo é conseguir que cambien as cousas no Concello e tamén na Deputación, onde é preciso si ou si a unión de todos os grupos políticos para que o caciquismo e o clientelismo deixen de ser a bandeira desta provincia.

-Salvando as distancias, no Congreso pasa algo similar e Pedro Sánchez parece preferir un acordo simplemente de investidura a un goberno de coalición. E vostede?

-Eu o único que quero é facer cousas por esta cidade. Non queremos parálise, queremos facer cousas, e faremos todo o posible para poder conseguilo.

Baltar vai facer o imposible para seguir agarrado a ese trono herdado

-E que sucedería no caso de non chegar a acordos? Tería nove concelleiros, un menos que os que tivo o PP neste complexo mandato. Teme a debilidade dese eventual goberno seu en solitario?

-Ourense non é a única cidade que ten pluralidade política na súa corporación. É a nota característica en todo o Estado, e en todos os sitios se chega a acordos. A excepción neste caso é Ourense, pero eu non quero ser a excepción. Quero que Ourense sexa coma o resto das cidades, onde se chega a acordos.

-En vista das diferenzas ideolóxicas con Jácome, líder de DO, non tería o PSOE que renunciar ao seu programa para pactar con el?

-Teremos que sentarnos, en primeiro lugar. Eu a única que vez que me reunín con Jácome foi cando intentou no seu momento levar adiante unha moción de censura. Eu expliqueille os mecanismos e os procedementos que segue o partido para ese tipo de cuestións e quedou aí a cousa. Non cheguei a negociar nada. Cando sentemos para ver en que disposición está veremos en que medida é posible ter liñas de actuacións comúns.

-Vostede alertou durante a campaña dun suposto pacto de PP con DO e de que sumarían para gobernar. Realmente cre que é posible?

-Non me cabe ningunha dúbida que Baltar vai facer o imposible para seguir agarrado a ese trono herdado que lle permite seguir xogando a ser dirixente. Eu confío en que a sociedade, que está moi atenta a esta situación, non permita que fagan ese tipo de acordos. Sei que o vai intentar con el, con Ciudadanos, co BNG ou co demo se fose preciso.

«O pacto de Ciudadanos con Baltar é imposible. Hai moita xente mirando»

Rafael Rodríguez Villarino (Ourense, 1965) é psicólogo e profesor asociado no campus de Ourense. Foi alcalde do veciño municipio de Amoeiro durante doce anos, ata o pasado mes de abril, cando presentou a súa renuncia para asumir a candidatura en Ourense.

-A Baltar chegaríalle cunha abstención de Ciudadanos para seguir como presidente. Contempla ese escenario?

-Iso é indefendible. Un partido político que fala de rexeneración, que fala de transformar a vida pública, que está en contra da corrupción e que se pon como un abandeirado da limpeza baixo ningún concepto debería nin podería explicar publicamente manter, ben cunha abstención ou cun voto favorable, 31 anos dunha familia onde pasaron de pai a fillo vía condena xudicial por 104 casos de enchufismo, xunto a todos os casos de corrupción que houbo na historia. Como vai Ciudadanos mostrarse como un paladín da rexeneración e da limpeza facilitando que continúe? Iso é imposible. Hai moita xente mirando.

-Se finalmente hai cambio na Deputación, quen sería o presidente socialista?

-Non o temos pensado, nin sequera nos puxemos a iso. Ese é un aspecto secundario.

-Non o teñen planificado porque non o esperaban?

-Non, porque nós primeiro imos ás eleccións, logo vemos os resultados e despois decidimos. Non facemos coma outros, que se presentan como presidentes da Deputación provincial e se anuncian en grandes valos. Nós non enganamos a ninguén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rodríguez Villarino: «Quero que Ourense sexa coma o resto das cidades, onde se chega a acordos»