Ana Pontón: «A decepción coas mareas é unha opinión que se palpa na rúa»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2020

SANDRA ALONSO

A portavoz nacional do BNG reivindica que a xestión do partido nos concellos axuda a «mellorar a calidade de vida das persoas»

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ferrol, Narón, Betanzos e Lugo son os puntos que onte tocou Ana Pontón (Sarria, 1977) nunha campaña á que está entregada para intentar confirmar a recuperación electoral do BNG e a súa utilidade para mellorar a vida da xente dende os concellos.

-Aos domicilios chegan cartas do BNG coa súa foto para votar, pero non é candidata.

-Non, pero son portavoz nacional e apostamos por esa vía porque é máis barata. É bo aforrar gasto público nunhas eleccións.

-Quen é o adversario do BNG?

-Non nos presentamos contra ninguén, senón a favor de poñer en marcha políticas transformadoras nos concellos. No BNG sabemos facelo, e presentámonos a favor dos veciños.

-Que foi da «dereita cavernícola» contra a que loitaban nas xerais?

-A dereita segue a ser igual de cavernícola, só que tivo un gran correctivo nas urnas, e do que estou convencida é de que o BNG está en cambio de ciclo, somos unha forza política á alza, e imos ter un gran resultado.

-Á alza, pero con cal obxectivo?

-Imos a por todas, sen poñernos límites. Hai moita xente que volve mirar ao BNG, que confía noutra Galicia posible fronte á decepción do bipartidismo e desas fórmulas que viñan a mudalo todo e que non son capaces de xestionar o día a día.

-A ver, escolla un modelo: Muras ou Pontevedra?

-Os dous forman parte do mesmo proxecto, que consiste en utilizar todo o potencial para mellorar a vida das persoas. En Muras fixémolo utilizando os recursos dos muíños de vento para abaratar a factura da luz da xente, e en Pontevedra fixemos unha transformación que é referente internacional en mobilidade e calidade de vida, premiada pola ONU.

-Feijoo adoita dicir que Pontevedra é cidade referente en paro.

-Mente. A cidade de Pontevedra está entre as que teñen menos paro de Galicia. Sorprende que Feijoo culpe aos alcaldes do paro, e non asuma que ten expulsado a 200.000 mozos de Galicia en dez anos por falta de expectativas laborais. Só se dedica a facer oposición a quen o fai ben.

-Neste mandato o BNG votou moito con Marea Atlántica e Compostela Aberta. Poderán agora gobernar xuntos?

-Non podemos falar de pactos antes de que falen os cidadáns. O que temos moi claro é o compromiso evidente de que non imos permitir que goberne a dereita.

-Pero ve ao BNG gobernando con Noriega en Santiago?

-O que me gustaría ver é a Goretti Sanmartin de alcaldesa, porque encarna o proxecto que necesita unha cidade que pasou catro anos en branco e negro co PP e outros catro de decepción con Compostela Aberta.

-Francisco Jorquera tamén fala de decepción coa xestión da Marea Atlántica da Coruña.

-A decepción coa Marea é unha opinión que se palpa na rúa.

-Só na Coruña?

-Non, tamén noutras cidades, como Ourense, onde hai moita decepción pola parálise que provocou un PP que non foi capaz de aprobar un só orzamento en catro anos. O proxecto do BNG quere ilusionar fronte á decepción que deixaron uns e outros.