Rafael Rodríguez Villarino: «Unha serie que me fixo moita graza foi a de ''Vota Juan''»

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE

ELECCIONES 2020

Santi M. Amil

Recorda a súa infancia e momentos da vida na universidade como dúas das etapas máis gratas da súa vida. O candidato socialista ten unha especial querenza pola familia, ata o punto de que reside na casa dos seus sogros. Está moi familiarizado coas tecnoloxías, como as plataformas audiovisuais

15 may 2019 . Actualizado a las 19:08 h.

O candidato do PSOE á alcaldía de Ourense é Rafael Rodríguez Villarino (1965), psicólogo, profesor universitario, secretario provincial do partido e rexedor -ata hai só uns días- do municipio veciño de Amoeiro. As enquisas dano como gañador e el xa se ve como alcalde da capital ourensá tralas eleccións. Cre, ademais, que os socialistas conseguirán que o PP perda tamén a Deputación.

 1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

Durmo seis ou sete, e a verdade é que non me lembro case nunca dos meus soños.

2. Que serie está a ver ou cal foi a última que viu? Ten plataformas de pago?

Eu a verdade é que non son de series. A última que vin foi El embarcadero e anteriormente vin unha que me fixo moita graza, que foi a de Vota Juan, e que obviamente é unha parodia do PSOE. Teño Netflix e Movistar.

3. Se lle desen a elixir, con quen tomaría agora mesmo un café ou unha caña? E, xa postos, café, caña, refresco...?

Coa miña muller, porque case non estou con ela. E, se teño que elixir, depende da hora do día. Normalmente tomo café e ás veces Coca-Cola Zero polo tema do azucre. E, se estou nunha situación de relax, pois unha caña.

4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

Teño que dicir que non teño queixa con respecto á miña vida. Non tiven momentos malos, pero dos bos, bastantes. Podería retornar á miña infancia, ou aos momentos da vida na universidade, que foron moi ditosos, de experimentación, cultura, de apertura a un novo mundo fóra do ámbito familiar...

5. Cando foi a última vez que convidou a alguén a tomar algo?

Pois hoxe mesmo a amigos e coñecidos. É moi normal na nosa terra o costume de convidar a alguén cando estás tomando algo.

6. E cando foi por última vez a cear con amigos?

A última vez foi hai unha semana. Despois do traballo saímos a tomar algo e nada máis.

7. Cando chega á casa o primeiro que fai é...

O  primeiro que fago é ir onda a miña muller e os meus fillos, darlles un bico e despois poñer o pixama, e, se me dá tempo, como algo antes ou, se non, un iogur e pouco máis.

8. Pola súa actividade política a que non estaría disposto a renunciar?

Non renunciaría a moitas cousas importantes na vida. A política é unha cousa máis, pero non é o único na vida, nin o máis relevante. Non podería dicir unha soa cousa. Non renunciaría a moitas.

9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

Non, non teño seguro privado de saúde. Tarxetas teño dúas, unha Master Card e unha Visa.

10. Ten coche? Cal e desde hai canto? E que móbil?

Teño un Audi A4 do 2003 e un Volvo que fai sete anos agora, e ás veces facemos quendas a miña muller e mais eu para levar un ou outro. O meu móbil é un iPhone XR, o último.

11. Ten vivenda en propiedade ou en alugueiro?

Vivo en propiedade desde hai bastantes anos. Teño unha casa compartida cos meus sogros e a casa propia como tal está comprada desde hai moitos anos, pero en construción e sen rematar. Ou sexa, que agora mesmo estamos vivindo coa familia da miña muller.

12. Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

Supoño que descansar. Non sei se terei moito tempo, pero espero que si.

O que di a súa letra

Por Luis Alamancos. Grafólogo e responsable de Inpeval

BO COMUNICADOR. Grafía inclinada e firma á dereita indican que é un bo comunicador. Gústalle o debate, e tamén impoñer os seus criterios con vehemencia. De carácter nervioso, implícase moito no que fai. Firma ilexible, riscada e con ángulo cara a abaixo, indica unha persoa que non sempre se mostra como é: ten cousas que lle gustaría cambiar. Os bucles curvos reflicten o seu grande idealismo.

MÁS ENTREVISTAS PERSONALES A CANDIDATOS