Goretti Sanmartín: «Convido moito. O de pagar cadaquén o seu non vai comigo»

Serafín Lorenzo REDACCIÓN - LA VOZ

ELECCIONES 2020

SANDRA ALONSO

A ENTREVISTA PERSOAL Á CANDIDATA. Persoa enérxica e con destacada capacidade de análise, Goretti Sanmartín adoita ler ou escoitar música nos escasos momentos libres que lle quedan. Amiga dos seus amigos, afirma que nunca deixará de ser quen é

14 may 2019 . Actualizado a las 18:02 h.

Vicepresidenta da Deputación da Coruña, edil en Compostela e candidata á alcaldía polo BNG, a filóloga Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) elixe ser fotografada na escalinata da praza da Quintana, pola que cada ano pasan miles de peregrinos. Positiva e enérxica, lamenta que «a imaxe conta excesivamente e as ideas moito menos».

1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

De seis a sete horas, depende dos días. Son moi de madrugar e de deitarme cedo, cando podo. É raro que lembre os soños. Durmo profundamente.

2. Que serie está a ver ou cal foi a última que viu? Ten plataformas de pago?

Vin algúns capítulos de O conto da criada. Son máis de cine e teatro que de series e televisión. Non teño ningunha plataforma de pago.

3. Se lle deran a elixir, con quen tomaría agora mesmo un café ou unha caña? E, xa postos, café, caña, refresco...?

Nestas semanas tomei moitos cafés con veciñas e veciños de Santiago que quixeron escoitar as propostas do BNG e trasladarnos as súas opinións sobre o concello. Gustaríame tomar unha infusión (non tomo café) ou un viño (mellor que cervexa) con Vero Boquete, pois no pouco que a coñecín en actos institucionais pareceume unha muller chea de enerxía positiva.

 4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

Penso que cos anos gañamos e que ningún tempo pasado foi mellor. Gústame moito o presente. Mais, de volver, volvería ás xuntanzas na Casa Encantada cando comezamos coa Marcha Mundial das Mulleres. Había algo especial na maneira de nos relacionar desde as diferenzas de cada persoa ou grupo que nos facía moi fortes... E felices, que diría Bego [Caamaño].

5. Cando foi a última vez que convidou a alguén a tomar algo?

Onte, tras unha xuntanza. Son moi de convidar. Niso vou pola vella. O de pagar cadaquén o seu non vai comigo.

6. E cando foi por última vez a cear con amigos?

Hai tres días, xusto antes de comezar a campaña. Fomos até o Gamela tomar algo.

 7. Cando chega á casa o primeiro que fai é...

Poñer as zapatillas e roupa cómoda. Nesta época de tanto traballo, tras descansar un pouco, é imprescindible mirar a axenda e repasar temas. Antes de ir para a cama sempre ler un pouco ou escoitar música. E aproveito para facer algunhas chamadas ou enviar mensaxes á familia e amizades.

8. Pola súa actividade política a que non estaría disposta a renunciar?

Renunciar ao que creo, deixar de ser quen son. Infelizmente vivimos nun mundo onde conta excesivamente a imaxe e moito menos as ideas.

9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

Son da Seguridade Social. Teño unha tarxeta bancaria.

10. Ten coche? Cal e desde hai canto? E que móbil?

Teño un Toyota Auris que fai agora 6 anos. O outro día aínda estiven cunha prima que conserva, para facer pequenas viaxes pola aldea, o meu primeiro coche, un Peugeot 205. O meu teléfono é un Samsung Galaxy 7.

11. Ten vivenda en propiedade ou en alugueiro?

Teño media vivenda en propiedade, aínda non pagada na súa totalidade.

12. Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

Ir até o Concello a iniciar unha nova etapa ilusionante, para botar a andar moitos proxectos que queremos que sexan realidade. E o tempo fai falta, así que hai que comezar axiña!

 

O que di a súa letra

Por Luis Alamancos. Grafólogo e responsable de Inpeval

GRAN CAPACIDADE DE ANALISE. É unha persoa ordenada e moi imaxinativa, como reflicte o punto do i en círculo. O ce pechado transmite que é moi observadora e as xambas longas que invaden as liñas indican a súa gran capacidade de contracción e análise. Ten dotes de mando: maiúsculas altas e a letra sobrealzada. Hai elementos do seu pasado cos que está insatisfeita e que lle gustaría borrar: firma riscada.

 más entrevistas personales a candidatos