Francisco Jorquera: «Miña filla di que son un pouco Phil, o pai de Modern Family»

O alcaldable polo BNG ao Concello de A Coruña fai unha semblanza da súa persoa, sobre os seus gustos, algunhas viaxes que lle traen recordos e como adapta o seu ocio ás novas plataformas audiovisuais


A Coruña / La Voz

A foto faise na céntrica praza de Vigo, as esixencias da campaña impiden que Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) se desprace a un dos seus lugares favoritos da cidade, o Campo da Rata, onde están os menhires de Manolo Paz. Licenciado en Xeografía e Historia, o candidato do BNG é un rostro familiar da política galega. Foi portavoz do Bloque no Congreso e despois no Parlamento. Experto orador, volve ás orixes, ao seu concello, para debater, desta vez, no pazo de María Pita.

 1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

Depende, sobre unhas sete. Cando chego á casa preciso un tempo de desconexión e ata a unha da madrugada case nunca apago a luz. Desde hai uns dez anos non lembro o que soño. Non sei se terá que ver coa idade... [sorrí].

2. Que serie está a ver ou cal foi a última viu? Ten plataformas de pago?

Vexo bastantes de humor pola miña filla. Ultimamente, Modern Family, en Netflix. Aquí fago unha confesión: a filla di que son un pouco coma Phil cando trato de ser simpático e contar algún chiste.

3. Se lle deran a elixir, con quen se tomaría agora un café ou unha caña? Xa postos, é máis de cañas, viños...?

Teño ganas de tomar unha con Xurxo Souto, unha persoa que admiro e que é parte da historia viva da Coruña. Polas présas, non tiven tempo a sentarme con el de vagar. En canto ao que tomar, son moi de cafés e de cañas.

4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

Un lugar ao que volvería sería a Florencia, coa miña muller. Estivemos hai máis de vinte anos, chegamos na hora do solpor. Sen ser grandilocuente, puiden comprender que é iso do síndrome de Stendhal. Co momento, quédome co da miña adolescencia no instituto de Zalaeta, foi unha etapa decisiva para min.

5. Cando foi a última vez que convidou a alguén a tomar algo?

Seguramente onte, son moi dado a convidar e pouco ‘agarrado’ nese sentido.

6. E cando se foi por última vez a cear con amigos?

Hai xa unhas semanas, a noite do peche de campaña do BNG nas xerais, fun cos meus compañeiros da Coruña, que son tamén amigos, a cear, entre algúns deles, con María Xosé Bravo.

7. Cando chega á casa o primeiro que fai é...

Pór roupa cómoda, axudar nas tarefas domésticas e, se podo, ver algo na tele.

8. Por política, nunca faría... Por exemplo, renunciar ao aniversario da súa parella...

O que nunca faría é traizoar as miñas conviccións e os meus principios, como dicía Groucho Marx, nin desatender á miña familia. Xa pode chover e tronar que en xuño estarei na festa de graduación da miña filla na Universidade de Santiago.

9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

Seguro privado non teño, son usuario do Sergas. Tarxetas teño dúas, de débito! Unha de Abanca e outra do BBVA.

10. Ten coche? Cal e desde hai cando? E nos móbiles, é fiel a algunha marca?

O Citroën C4, ten cinco anos. Antes tiña o Xsra, fixen uns 45.000 quilómetros ao ao ano percorrendo Galicia. ¿Móbil? Un BQ.

11. Vivenda propia ou en aluguer?

Un piso en propiedade, rematamos de pagar a hipoteca, no barrio coruñés do Castrillón.

12. Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

Gustaríame descansar e osixenarme. Creo que non será así.

O que di a súa letra

Por Luis Alamancos, grafólogo e responsabel de Inpeval

;
O que di a letra de Francisco Jorquera O político é o candidato do BNG á alcaldía da Coruña

Firma e grafía ascedente: extrovertido e optimista.

Aínda que a marxe dereita prevén sobre certa inquedanza ao futuro, que podería afectar ao rendemento. A marxe esquerda ensanchándose, indícanos que é unha persoa económicamente xenerosa. Bo planificador. As letras en grilanda avanzan que ten bos sentimentos. A C maiúscula pechada sinala que ten boa capacidade de observación.

Que lle preguntarías a Francisco Jorquera, candidato do BNG á alcaldía de A Coruña?

Iago García

O candidato nacionalista percorrerá mañá mércores ás 14 horas o entorno da rúa Barcelona e a praza das Conchiñas na cidade herculina. Poderás velo en directo no Facebook de La Voz e atoparte directamente con el pola rúa. A túa proposta será recibida directamente

Foi deputado autonómico, no Congreso e mesmo senador. Agora Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) preséntase como candidato a alcalde en A Coruña. A súa longa traxectoria política, que inclúe unha candidatura á presidencia da Xunta, súmase agora esta loita pola alcaldía da cidade herculina.

Na serie de entrevistas en directo en Facebook que La Voz de Galicia pon en marcha con diferentes candidatos nas cidades pódese interactuar directamente con eles, algo insólito nunha campaña de eleccións municipais. Hai varias maneiras de facelo, nun formato que supón un reto para os candidatos, que nunca saben con que veciño se poden atopar e que proposta, queixa ou felicitación pode saír durante a emisión, tendo que enfortarse a elas sen ter un guión previo. A todo iso súmanse os comentarios á emisión en Facebook e os que cheguen antes, a través dos comentarios que se poden deixar a esta noticia máis abaixo. Iago García é o encargado de conducir este espazo, no que sae á luz o lado máis humano, simpático e dialogante dos cabezas de lista das sete cidades galegas.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Francisco Jorquera: «Miña filla di que son un pouco Phil, o pai de Modern Family»