Antón Gómez Reino: «Galicia non é unha autopista ou un AVE, é unha sociedade»

Cre que haberá unha coalición e que estarán nela: «Vamos a Madrid con aspiración de gobernar»


santiago / la voz

Nin con En Marea nin con Anova; Podemos non foi quen de reeditar as súas alianzas en Galicia e, malia iso, Antón Goméz-Reino (A Coruña, 1980) é optimista.

-Pasar de seis deputados no 2015 a dous que lles dan as enquisas non é un fracaso?

-Aspiramos a ter representación nas catro provincias. Cantos máis deputados de En Común Unidas Podemos mellor, porque vai ser o garante, non só de que Galicia teña voz propia en Madrid, senón de que haxa un Goberno de progreso no que estea Galicia. Cremos que vai haber un goberno de coalición e aspiramos a que Galicia estea nel.

-En Marea, ou mesmo o BNG, din que nestes anos non se escoitou a voz de Galicia en Madrid.

-Están aí os números, as iniciativas, os proxectos de lei, de proposicións non de lei, de preguntas ao Goberno, de preguntas en pleno, de intervencións en pleno... Eu creo que nunca Galicia tivo tanta representación en Madrid. Non só nos temas da axenda galega, senón xogando un papel determinante en políticas de Estado, que é ao que aspiramos nós; nas negociacións para o salario mínimo de 900 euros, nas pensións e noutras materias. Nós vamos a Madrid con aspiración de gobernar.

-De quen foi a culpa da ruptura de En Marea?

-O espazo galego segue a ser forte e os aliados en Galicia seguen a ser os mesmos. Vimos de asinar un acordo para as municipais con Anova...

-Pero non houbo acordo con Anova para as xerais.

-Respectamos a súa decisión e seguen a ser os nosos aliados.

-Non quere falar de culpas?

-Falaría de responsabilidades. Para min é un capítulo pechado.

-Non resulta difícil facer campaña en Alcoa ou na Coruña cuns orzamentos cativos?

-É que os orzamentos que temos son os do PP e iso dificulta facer políticas de apoio ao sector industrial galego, que para nós é estratéxico. O Estado ten que intervir; que unha internacional que se instala no noso territorio non se poida ir en dez anos e, se se vai, que deixe cada euro de inversión pública que se lle deu.

-Os orzamentos de Sánchez non eran mellores para Galicia...

-O preacordo que lle arrancamos a Pedro Sánchez era o máis progresista en política social. Nun país como o noso, no que hai un 25 % de pensionistas, chegar a un acordo para que as pensión se revaloricen co IPC é importante. Que nun dos países con salarios máis baixos suba o salario mínimo beneficia a milleiros de galegos. En todo caso, o que se votaba era a admisión a trámite dos orzamentos. Nós fomos o primeiro grupo parlamentario que dixo que eses orzamentos tal como estaban non ían ser aprobados, pero tiñan que tramitarse para non quedar como agora, que estamos cos orzamentos do PP.

-A ministra Montero dixo que Galicia recibía fondos de máis.

-A ministra dixo dúas cousas; dixo que eses orzamentos non ían quedar así e que coñecía as nosas demandas, e dixo tamén o que todos sabemos, que unha parte moi importante dos orzamentos nos últimos anos en Galicia foron para o AVE, e que agora o AVE xa non está nos orzamentos. Pola nosa parte que dicimos? Que eran uns orzamentos sociais e que o noso país necesita infraestruturas, sen dúbida, pero Galicia non é unha autopista ou un AVE, é unha sociedade.

-O PSOE condonou a débeda do porto de Valencia e non o da Coruña. Como se defende iso na Coruña?

-Non o defendemos en absoluto. A Marea Atlántica reivindicouno e nós levámolo a Madrid. O PSOE fai política partidista e condona esa débeda porque goberna Ximo Puig e nós temos que aspirar a construír un goberno no que Galicia e a cidade da Coruña estean dentro e haxa un compromiso para que non sexan os coruñeses os que paguen unha débeda xerada por gobernos do PSOE e do PP no Porto da Coruña.

-E no caso de Ence?

-Un goberno valente ten que facer convivir tres cuestións: O dereito ao traballo do persoal de Ence, a salvagarda das nosas rías e unha reformulación da política forestal, máis alá do monocultivo do eucalipto. Os gobernos do PP non se comprometeron nunca cos sectores estratéxicos, o público ten que intervir neses sectores estratéxicos. É algo que fai Macron en Francia, que fai o goberno italiano e o alemán. Se Alcoa ou Ferroatlántica pechan, esas plantas vanse abrir en Francia ou en Italia. O bipartidismo non tivo unha posición clara en defensa dos sectores industriais estratéxicos.

-Di Villares que o programa de En Común é similar ao de En Marea, pero que eles van cumplilo.

-Villares o que fixo foi copiar o programa noso. A axenda galega polo cambio a fixo o grupo parlamentario en Madrid. E paréceme ben que a defenda.

-Os alcaldes do cambio non din por quen van votar.

-Ferreiro dixo que por unha candidatura que represente ás maiorías sociais do Estado.

-¿Votará Podemos?

-Que vai votar, senón?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Antón Gómez Reino: «Galicia non é unha autopista ou un AVE, é unha sociedade»