Luís Villares: «Está claro que o problema non é noso; Podemos ten liortas en toda España»

Ondea a bandeira da coherencia: «A culpa da ruptura tena quen incumpriu os acordos da axenda galega»


Luís Villares (Lugo, 1978) afronta a campaña electoral cunha sensación agridoce; xa ninguén cuestiona o seu liderado de En Marea, pero á custa do divorcio con Podemos e o sector crítico, que concorrerán ás xerais noutra candidatura.

-As enquisas non dan para festas...

-A enquisa que vale é a o 28 de abril. A do CIS é a enquisa do PSOE, así que a comente o PSOE. Hai outras que si nos dan resultados positivos.

-De quen é a culpa da ruptura?

-A culpa é de quen incumpriu os acordos. Nós tiñamos unha axenda galega do cambio que Podemos non cumpriu, como se viu nos Presupostos do Estado. Tivemos que votar en contra porque, por exemplo, ían contra o programa da Marea Atlántica e non podiamos aceptalo. Tanto foi así que algunha que outra candidata [por Yolanda Díaz] tivo que se presentar por outra provincia. Eran uns orzamentos inasumibles para A Coruña, para Ferrol, para a área metropolitana de Vigo... Dixémoslle a Podemos que non podiamos apoiar uns orzamentos que discriminaban a Galicia nun 40 % respecto da media estatal, e a Podemos deulle igual. Dixémoslle que estabamos dispostos a arrimar o ombro pola subida das pensións e o salario mínimo, pero que non se menosprezara a Galicia. O principal problema en Galicia é que os mozos marchan porque non teñen futuro. Hai que crear emprego, e sen investimentos non se crea emprego. O dos orzamentos foi o último, pero había outras cuestións da axenda galega que queriamos facer visibles e non podiamos porque sempre estabamos á cola das iniciativas de Podemos; e cada vez foi a máis, ata que se fixo insoportable.

-Yolanda Díaz cambiou de provincia por medo a non ser elixida.

-Nós non facemos cálculos tacticistas, a nosa principal bandeira é a coherencia. En Marea quería un goberno progresista que desaloxara aos corruptos e acabara cos recortes, e quixemos facelo antes e Podemos impediuno. Por nós, Mariano Rajoy non tería gobernado dous anos; iso xerou unha desilusión na cidadanía porque xa había a mesma maioría que houbo despois. Todos respiraríamos aliviados coa fin dos recortes e da corrupción institucional, pero deixouse gobernar ao PP dous anos máis. E logo, a moción de censura foi un cheque en branco co que nós tampouco estabamos de acordo, e así llo fixemos saber á dirección de Podemos. A partir de aí, actuamos en positivo para ampliar os dereitos de todos, para Galicia pero tamén para España. Iso é o que nos diferencia doutras forzas políticas galegas, que nós estamos interesados en participar da gobernabilidade porque pensamos que é útil tecer alianzas para ampliar os dereitos da xente e para que a xente viva mellor. A cidadanía ten que ter claro que a única forza política que vai sumar dereitos sociais e desenvolvemento económico para Galicia é En Marea. E temos un aval: que somos coherentes. E os que defendan outros intereses que rendan contas na provincia na que se presenten, sexa cal sexa.

-A subordinación a Podemos pasoulle tamén factura a Anova?

-Pasou. Está claro que o problema non é noso, de En Marea; Podemos ten liortas en toda España.

-Membros da Marea Atlántica participan no programa e nos actos de Podemos. Cre que é incoherencia? Hipocrisía?

-É subordinación. Seguro que o noso programa e o de En Común teñen moitas propostas compartidas. Van levar a condonación da débeda do porto da Coruña? Seguro que si, pero se non se cumpre nós imos votar en contra. Esa é a diferenza. O proxecto galego non pode ter ataduras, podemos sumar para o salario mínimo pero non podemos sumar en contra de Galicia, duns orzamentos que nos humillan. E que non nos conten milongas, que a subida do SMI e a revalorización das pensións non teñen que ver cos orzamentos.

-Cre que Pablo Iglesias traizoou a Galicia?

-Creo que se esqueceu totalmente de Galicia. Non entendeu que non queremos un país subsidiado, que queremos ter futuro e non depender dos demais.

-Falou con Beiras estes días?

-Falamos cando temos ocasión. Pero o proxecto de En Marea é o proxecto de Beiras, un espazo cidadán que deixa atrás os partidos políticos, e por iso En Marea apenas notou a ruptura no sen censo, só un cento de persoas se deron de baixa.

-E con Martiño Noriega?

-Temos unha relación fluída.

-Que pensa de que os alcaldes das mareas non queiran dicir para quen votan?

-Na medida en que aspiran nos seus concellos a captar todo o voto que agora vai ir dividido, o normal é que non se pronuncien para que todo o voto vaia unido nas candidaturas municipais, cousa que nós desexamos, e por iso nos parece moi axeitada a súa prudencia.

-Tería sido mellor ter ido ao grupo mixto?

-Visto en perspectiva tería sido mellor, si. Pero En Marea apostou por Podemos ata o final, foi Podemos o que non apostou nin por En Marea nin por Galicia.

-Non supón outro fracaso que nas municipais haxa mareas de En Marea e mareas de En Común?

-En xeral non van concorrer no mesmo concello, non se vai dar en máis de dez casos. Nós ofrecémoslles ir nun espazo común e rexeitárono. Pero dez concellos de 313 non é un fracaso, e estamos satisfeitos porque pensamos que haberá máis dun cento de mareas municipalistas.

-Como van ir ás europeas?

-Con Compromís e outras forzas como Més per Mallorca, Nueva Canarias ou Chunta Aragonesista, e En Marea terá o número dous da candidatura. Significa tecer alianzas con espazos irmáns tanto en Europa como en Madrid, o que nos vai permitir ter un diálogo fluído tamén no Congreso.

-Como lle senta que lle queiran quitar o cargo de voceiro do grupo parlamentario?

-Quen me puxo de voceiro foron os inscritos e os galegos, e quen pense que está por riba deles equivócase. Non sei o que van facer, pero eu teño a tranquilidade da lexitimidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Luís Villares: «Está claro que o problema non é noso; Podemos ten liortas en toda España»