Robustiano Labraña: «Levei algunha sorpresa non moi agradable con Noriega»

Labraña sumase á lista do BNG logo de ser edil por Anova en Cedeira


redacción / la voz

Logo de case catro anos no goberno local como concelleiro do grupo de Anova, aínda que sen militar no partido, Robustiano Labraña, Tiano, quixo renovar o acordo co BNG e co PSOE que permitiu gobernar Cedeira nesta lexislatura. Non sendo posible, decidiu sumarse á lista do Bloque como número 3, con posibilidades de saír elixido. O seu compañeiro de Anova Camilo Casal tamén o fará, pero non nos postos de saída.

-Apostou por unha alianza co BNG e o PSOE. Por que?

-Hai como un ano propúxenlles tanto ao PSOE como ao Bloque que, xa que había unha dinámica moi positiva de entendemento e eficaz na xestión, na medida en que estes catro anos foron un tempo de aprendizaxe moi interesante, continuar o acordo para unha xestión aínda mellor. Non puido ser, e levar adiante de novo unha candidatura da marea pola miña conta non era posible, así que decidín, xa que o entendemento coas compañeiras do BNG era absoluto e elas mo propuxeron, aceptar un posto, e ademais de saída, xa que se non hai cambios irei no número 3 do BNG.

-Como ve a liorta de En Marea?

-Sempre vin En Marea como un proxecto ilusionante e integrador, pero producíame certa vertixe e receo coincidir nun mesmo proxecto e espazo con xente de Podemos, EU e Anova, porque ían aparecer as contradicións que ao final saíron. Levei algunha sorpresa non moi agradable con Martiño Noriega, que eu pensaba que podería ser a bandeira dese beirismo que eu idealizara, e creo que non se cumpriron as expectativas. E mesmo coa Marea Atlántica, que optou por enfrontarse a Villares, a quen teño unha estima persoal moi grande e considero que segue a ser unha persoa de fiar. Eu podería concordar con esa filosofía que transmite Villares. Agora non podo comprometerme, pero nas xerais igual lles boto unha man.

-Está decepcionado?

-Estou bastante frustrado porque estamos abonados a unha ruptura fratricida cada vez que podemos facer cousas. Decepcionado e preocupado, por certo.

-En que non concorda con Martiño Noriega?

-Desilusionoume a actitude, que non fose quen parecía que era. Eu pensaba que era un referente. Xa que Beiras, unha persoa moi clarividente, é xa octoxenario, el podería ter abandeirado desde Compostela Aberta un proxecto ilusionante para a xente que estabamos fóra do Bloque; preto, pero fóra, porque hai cousas do Bloque que sempre critiquei, e de feito nunca militei.

-Pensa que agora o entendemento de En Marea co Bloque xa non é posible?

-Creo que o proxecto de Villares é o único que pode confluír finalmente, non sei se a curto ou medio prazo, co Bloque.

-Vostede sería partidario?

-Eu sería partidario, si. Hai que buscar puntos de encontro, porque de desencontros xa abonda, e é moito máis o que nos une que o que nos separa. Pero as feridas están abertas dun lado e do outro. Con todo, o BNG superou xa esa hexemonía da UPG, ese certo ensimesmamento que tiña, e creo que a chegada de Ana Pontón dulcificou esas diferenzas.

-É cuestión de tempo?

-Si, pero non hai moito tempo, coa ameaza de radicalización dos partidos e da sociedade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Robustiano Labraña: «Levei algunha sorpresa non moi agradable con Noriega»