Elena Candia, candidata do PP en Lugo e presidenta provincial do partido: «Xa estou traballando para gañar as eleccións municipais do 2027»

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

<span lang= gl >Elena Candia, candidata do PP en Lugo e presidenta provincial do partido. </span>
Elena Candia, candidata do PP en Lugo e presidenta provincial do partido.  AINHOA GARCIA

Adianta que proporá un pacto aos candidatos do PSOE e o BNG para gobernar o Concello

03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Elena Candia (Mondoñedo, 1978) acadou o pasado domingo os segundos mellores resultados do PP de Lugo desde que perderon a maioría absoluta en 1999, pero como ela mesmo di: «Hai anos non existían listas de Ciudadanos e de Vox que nos restaron votos». Logo de acariciar a maioría (43,57 % dos votos e 12 concelleiros), Candia tomouse uns días de descanso, pero xa volveu co mesmo impulso co que hai dez meses anunciou a súa candidatura para gañar ao bipartito PSOE-BNG, con Lara Méndez como alcaldesa. E volve tomando a iniciativa.

—Ao estar varios días en silencio, falábase de que podía renunciar a estar catro anos na oposición.

—Débome aos milleiros de persoas que nos votaron e debo asumir as responsabilidades. E se estamos na oposición, defenderemos o noso proxecto co mesmo traballo que fixemos na campaña, sendo construtivos. A alcaldía do 2027 comeza a gañarse dende o día seguinte de celebrarse as eleccións, e para iso vou traballar.

—Fala de estar na oposición...

—Nós gañamos as eleccións e estamos lexitimados para intentar gobernar, dende unha nova maneira de facer e de construír en política. Enviarei unha carta tanto ao PSOE como ao BNG para ter unha reunión, na que lles propoñerei un acordo das tres forzas políticas, un pacto transparente coa cidadanía, sen liñas vermellas e no que o PP teña a alcaldía como forza gañadora das eleccións. Creo que é unha fórmula útil e na que entre todos podemos arrimar o ombreiro.

—Pero tanto o PSOE como o BNG, que levan catro anos gobernando, xa comezaron as conversas para seguir outro mandato máis.

—Non sei como reaccionarán á miña carta, pero deben saber que o PSOE obtivo 8 de 25 edís, e o BNG 5 de 25. Eles presentáronse ás eleccións por separado e cun proxecto propio. E creo que non deberían esquecer que hai unha gran parte da poboación que non os votou. Os lucenses mandaron unha mensaxe na que din que estamos obrigados a entendernos.

—Que fallou, se fallou algo, para que non chegasen á maioría?

—Con dúas candidaturas como Cs e Vox, é moi difícil conseguir a maioría absoluta. Gañamos nas 125 mesas electorais do municipio, pero a lei electoral é así. Respectando a todas as candidaturas, eu xa dixen en campaña que para facer un cambio no Concello tiñan que apoiarnos.

—Que lle pareceron as palabras de Lara Méndez sobre que os lucenses votaron a favor das boas persoas? Sentiuse aludida?

—Non me sentín aludida, porque non ofende quen quere, senón quen pode. Que na primeira entrevista que che fan, en vez de falar de proxectos para Lugo e de marcar estratexias, a pesar de perder as eleccións, digas iso, pois paréceme inxusto. Creo que iso non o esperaban os lucenses. Elena Candia veu traballar, sempre para sumar, pero non para faltar ao respecto nin atacar a ninguén. Honestamente, creo que estivo desacertada.

—Vostede vai seguir sendo vicepresidenta primeira do Parlamento, pero tamén voceira municipal. Xa ten decidido o seu equipo?

—Si, o luns darei a coñecer o organigrama de traballo, segundo a orde da lista. Cada concelleiro encargarase dunha área para construír e para fiscalizar. Tamén axudará a xente que non saíu elixida.

—A outra gran mágoa para vostedes da noite electoral foi que quedaron a unhas ducias de votos de acadar a maioría na Deputación.

—Nós subimos, mentres que o PSOE baixou. O PP de Lugo obtivo os mellores resultados do partido en Galicia e fomos a quinta provincia en España, tras Almería, Salamanca, Segovia e Málaga, o cal demostra que somos unha formación forte. Os resultados déronnos alegrías e tristuras, como o da Deputación, ou alcaldías nas que levamos moitos anos, e por uns poucos votos perdemos, como Antas. Pero tivemos a maioría en municipios onde non gobernabamos, como Ribadeo, O Páramo e Rábade, e gañamos e imos intentar gobernar, porque nos sentimos na obriga, en Viveiro, Vilalba, O Valadouro ou Monterroso. Mobilizamos moita xente na campaña e sobre todo xente nova.

—A vostedes a convocatoria de eleccións xerais cólleos ben, enchufados e con moral gañadora?

—A todos, incluídos aos do PSOE, nos colleu por sorpresa a decisión de Sánchez de convocar eleccións, pero nós estamos preparados para esa cita e traballaremos igual que en clave local, e como fixemos nas autonómicas. O que parece claro é que estes comicios, no verán, non se fixeron pensando en España, en Galicia ou en Lugo, senón pensando nos intereses persoais do señor Sánchez.

—Vai haber cambios nas listas do PP de Lugo no Congreso e no Senado?

—Temos dúas semanas para decidilo. Joaquín García Díez (exalcalde de Lugo e deputado desde o 2004) xa anunciou na xunta directiva que prefería deixar paso á xente máis nova. Non podo dar os nomes, pero si queremos que sexa xente que traballe pola provincia.