Olga Louzao, candidata de Ciudadanos en Lugo: «Nunca pensei que estou no partido equivocado»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Olga Louzao na Fonte dos Ranchos
Olga Louzao na Fonte dos Ranchos ALBERTO LÓPEZ

A cabeza de lista de Cs reparte críticas ao goberno local e ao PP

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A candidata de Ciudadanos á Alcaldía, Olga Louzao, naceu en Lugo en 1979 e criouse no barrio da Residencia. É licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Traballou nun banco e logo, cunha socia, nunha axencia de seguros. É concelleira de Cs desde o 2015 e actual voceira deste partido en Galicia. Responde a un cuestionario de dez preguntas sobre aspectos da campaña e persoais.

—Defina ruído electoral.

—É a distorsión xerada polo bipartidismo nos medios de comunicación para evitar que se fale dos temas que lle preocupan aos veciños. O ruído erve para desviar a snosa mirada do importante ao irrelevante. Dos problemas de saturación de vivenda pública no Castiñeiro, ás promesas baleiras de sempre; da degradación da Milagrosa, ás chocolatadas; da falta de oportunidades laborais, ás obras faraónicas. O ruído electoral serve para que nada cambie na nosa cidade.

—Sabe vostede que é un anónimo?

—Algo cuxo autor é descoñecido. Aplicado a unha obra intelectual pode ser unha fórmula perfecta para eludir consecuencias non desexadas en determinados contextos políticos. Aplicado a unha denuncia dun representante público en democracia, un acto de covardía.

— Algunha vez un «gorrilla» pediulle cartos e que fixo?

—Si. Pediume cartos, non llos dei e raioume o coche. Foi no HULA. Creo que non son a única lucense que se tivo que enfrontar a esta situación. A pesar das queixas veciñais, este goberno local foi incapaz de poñer solución. É algo sintomático do que pasa en materia de seguridade noutras zonas da cidade, como na Milagrosa ou no Castiñeiro.

—Que medida do programa de Rubén Arroxo lle parece atinada e lle gustaría facer se é alcaldesa?

—Arroxo leva algunhas medidas moi necesarias para a cidade nas que todos coincidimos. O problema é que non as cumpre. A hemeroteca está aí. Pasou no 2019 cando prometeu unha praia fluvial no seu primeiro ano no goberno, solucionar os problemas do transporte público ou dotar a banda municipal de música dun director. A realidade é que catro anos despois non temos praia fluvial, o transporte público non mellorou e a Banda Municipal continúa sen director e leva sete anos sen tocar. A Arroxo non lle criticamos as propostas, criticámoslle que minta aos lucenses e non as cumpra. Agora critica o carril bici, pero levantou a man en Xunta de Goberno como edil de Mobilidade para aprobar a obra. Pon unha camiseta para defender o Rato, pero votou a favor do proxecto da Rolda Leste no pleno. Fala de gobernar para todos, pero só contrata con afíns.

—Ademais do Garañón, que outra cousa derrubaría de Lugo?

— As barreiras hainas tanxibles e intanxibles. E temos que rematar con todas elas se queremos unha cidade igualitaria. O Garañón, ademais dun símbolo da xestión nefasta da nosa cidade, é unha barreira tanxible. Pero existen moitas intanxibles que son aínda máis prexudiciais para Lugo. Derrubaría o caciquismo, o clientelismo, o escurantismo na xestión pública, a falta de transparencia e os muros levantados para impedir a participación veciñal.

—Foi ou irá a bañarse ás Caldas?

—Sinceramente non fun. É un proxecto no que non creo. Non digo que estea mal, só creo que o diñeiro que se destinou a esas bañeiras de auga requentada estaría mellor invertido nos nosos barrios ou en facer saneamento no rural. Agora temos unhas caldas con auga da traída, pero é que en moitos sitios de Lugo aínda non chegou a traída. É unha cuestión de prioridades. Cando todo o mundo teña abastecemento e saneamento, entón poderemos falar de proxectos como o das caldas. Por certo, dixéronme que a auga está moi fría.

—Cantas veces pensou que está no partido equivocado?

—Nunca. A verdade é que os partidos facémolos as persoas. Os valores cos que me identifico, os que me animaron a participar na política son os que defende exclusivamente o meu partido desde o seu nacemento. É certo que non estamos no noso mellor momento, pero que ninguén se equivoque, somos a única alternativa para que no noso país e na nosa cidade se leven a cabo as reformas necesarias para saír da crise na que estamos instalados.

—Albert Rivera foi unha decepción para vostede?

—Non. A min os que me decepcionan son os que intentan comprar vontades, os que se aferran a unha cadeira e, aínda que erren, seguen apoltronados. Os que están en política para a toda a vida e hoxe son de Mondoñedo, mañá de Lugo e pasado de Alcobendas se é necesario. A forma de abandonar a política de Albert dignifica a súa figura. Moitos deberían aprender da súa integridade. Todos erramos, pero non todos asumen as consecuencias dos seus erros.

—A que personalidade, de calquera parte do mundo, traería a Lugo?

—A todos os lucenses que para acadar un futuro profesional tiveron que marchar e agora non poden volver. Ese é patrimonio humano que necesitamos para mudar Lugo. As personalidades do noso futuro.

—Se volvera nacer,,,

—Tería unha infancia moito máis difícil da que tiven. Tiven a sorte de criarme na Residencia, nun barrio onde todos nos coñeciamos. Onde había un sensación de seguridade e confianza. Onde podiamos xogar na rúa ou ir á tenda sen os nosos pais. Se volvera nacer en 2023, tería que criarme nunha cidade máis dura, onde a sensación de soidade e inseguridade é moito maior que hai 40 anos, e iso é consecuencia de moitos anos de políticas erradas.