Beatriz Estévez, candidata do Partido Galego por Santiago: «A xente está cansa da política vella, aínda que veña con caras novas»

Álvaro Sevilla Gómez
Á. Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

PACO RODRÍGUEZ

Aposta por chegar á corporación: «O sábado fixemos unha mesa na praza de Abastos e foi incrible a xente que me dixo que me ía a votar, que estaba farta e que se necesita un cambio»

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Beatriz Estévez confía ao 100 % en que o Partido Galego conseguirá representación na corporación compostelán. Cree que os veciños da capital galega están cansos e precisan un cambio urxente. Avogada e profesora de lexislación no Centro Superior de Hostelería de Galicia, da as claves do seu programa electoral.

-Cal é o seu proxecto?

-Simplificando: vivenda, transporte, servizos sociais e rural. Temos que revisar onde o plan especial do casco histórico é protector e onde impide a rehabilitación. Queremos que volva o comercio, que sexa unha zona viva. Tamén que o concello estea a carón da xente, non en contra. Ten que ser áxil, amable, educado e non prepotente. Que é unha queixa que recibimos de moitos sectores. Débense revisar as liñas de buses, queremos facer unha vila deportiva nas Brañas do Sar. O noso presidente é o presidente da Federación Galega de Tenis e vocal da nacional. É factible traer a Copa David a Santiago con pistas desmontables. Que Lavacolla volva a ser o aeroporto dos galegos, que a xente que vén a Santiago se quede a vivir...

-Vese sacando unha acta de edil?

-Absolutamente. Despois de Goretti e María Rozas, son a segunda candidata máis valorada. Non facemos unha campaña habitual. Estamos a pé de obra, falando coa xente. Case non facemos mitines porque non queremos que a xente veña, nós imos á xente. O sábado fixemos unha mesa na praza de Abastos e foi incrible a xente que me dixo que me ía a votar, que estaba farta e que se necesita un cambio. A xente está cansa da política vella, aínda que veña con caras novas.

-Refírese a tódolos partidos da corporación?

-Si, pero non me vou a meter nun corpo a corpo con eles. Queremos facer política con educación e dignidade. Cando falamos de que queremos revisar as concesións é porque sabemos que o diñeiro público é de todos. Hai que comprobar en que se gasta, fiscalizalo e vixialo. O Concello é unha casa grande, e hai que saber levala. Claro que hai un desgaste. O que nos di a xente é que está cansa de pagar, que esta é unha cidade moi cara en impostos locais e que os servizos non están en consonancia. A xente, ademáis de cansa, está enfadada. Agora a ver que pasa o 28M. A xente que se acerca a falar con nós non pide grandes cousas, só que o Concello os trate con educación.

-E no eido turístico?

-Fai falla unha persoa no Concello que leve 30 anos no sector. Apostamos polo comercio, polos polígonos e pola zona vella. O turismo hai que desestacionalizalo. Os hostaleiros quéixanse de toda a normativa á que están expostos. Co tema do lixo e os horarios hai que resorbelo. Logo están falando dunha taxa turística e onde a van a utilizala. Primeiro hai que emitir unha lei que non é competencia do Concello.