Valentín González Formoso e as sete vidas de As Pontes, a gran vila galega da enerxía

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida AS PONTES / LA VOZ

ELECCIONES 28M

CESAR TOIMIL

Dorme cinco horas para levar tres axendas, centrado tamén en recuncar na alcaldía. Tarda media hora en percorrer 400 metros entre charlas veciñais: «Ninguén coñece isto coma min»

21 may 2023 . Actualizado a las 15:24 h.

Cantas vidas pode ter un pobo como As Pontes? Como mínimo sete. Pola súa historia xa pasaron desde a pequena planta de carbón de trinta megavatios en 1946, ata a macrotérmica de 1.400 megas con futuro incerto, a extinta mina de lignito pardo ou o novísimo lago que atrae a 50.000 visitantes no mes de agosto. «E ninguén coñece esta vila coma min», asegura Valentín González Formoso, que dorme cada día cinco horas para compaxinar tres axendas. Preside a Deputación de A Coruña, fai campaña como candidato do PSdeG a nivel local e á vez é o secretario xeral dos socialistas galegos, con actos repartidos por toda Galicia (hoxe, entre Ourense y Pontevedra). Da súa casa no barrio Canal 4 ata o Concello hai 400 metros, pero tarda entre vinte minutos e media hora en percorrelos para charlar cos veciños.

«Como xestiono o estrés? Cada noite paseo cuns amigos por estas rúas, e andar en bici tamén me libera bastante», indica mentres amosa unha nova pasarela sobre o Eume ou as rehabilitacións no casco antigo (coñecido como A Vila). Os veciños cos que se cruza preguntan polos seus problemas e falan da vida. E sobre o peche da térmica de Endesa? «É unha situación asumida e toda a esperanza está posta en proxectos en tramitación como a planta de hidróxeno de Reganosa, a fábrica de neumáticos, Ence», apunta.

Mantense o carácter enerxético pontés, aínda que sexa en transición: «Desde a mina ata a térmica, ou o ciclo combinado e as dúas centrais hidráulicas ou os catro parques eólicos, estamos sempre transicionando e agora a novos modelos enerxéticos». O alcalde e candidato socialista cita iniciativas como Prometal, «que fará novas estancias en Pena Purreira, Allied Steel ou Delicias Coruña».

Unha perspectiva distinta aportan as candidatas do BNG e o PP. A nacionalista Carmela Franco ten 23 anos e di ver «un futuro complicado». «Pero quero vivir aquí, temos o peche da térmica á volta da esquina e os últimos 16 anos caracterizáronse por falta de transparencia». Segundo a popular María del Carmen Dopico, «xubilados de Endesa teñen que manter a fillos e netos. Moitos camioneiros e operarios das auxiliares marcharon do pobo».

Pero Formoso mantén o optimismo. «Nas Pontes naceron Gadis ou industriais como Sergio Rivera Chao, que foi o home máis rico de Galicia como maior empresario aurífero. Temos 4.000 traballadores e máis de 800 autónomos», indica mentres pasea por A Vila onde se rehabilitaron 45 casas en dez anos xunto a unha ponte do século XV. Xa na Taberna de Pancho charla con José Manuel e José Antonio: «Tes que vir o 10 de xuño a unha xuntanza do Club Deportivo Endesa». Diante dun café, o rexedor deixa claro o seu reto local: «No mandato pasado xa batemos o récord dos 12 concelleiros e agora queremos manter a maioría absoluta como garantía de estabilidade».

Pontés de toda a vida, fillo dun obreiro da antiga Calvo Sotelo, indica que «nos 70 na térmica traballaban 4.000 persoas, con mil máis no verán e 500 camións que durmían aquí». Presume do único cine comercial de Galicia e dun lago artificial con bandeira azul. E evita falar de candidaturas para as autonómicas: «É moi cedo!». E queda na Taberna de Pancho rodeado de amigos.

A FICHA

Poboación

As Pontes ten actualmente 9.975 habitantes.

Consistorio

Ata agora As Pontes tiña 17 concelleiros: 12 do PSOE, tres do BNG, un do PP e outro de Xuntos por As Pontes. Ao baixar de 10.000 habitantes, pasan a 13 neste vindeiro mandato.