Francisco Rodríguez, candidato do PSOE en Ourense: «Cheguei a preparar unha maleta para irme cos músicos dunha orquestra»

Pablo Carballo
PABLO CARBALLO OURENSE / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Senén Rouco

Xa fora alcalde da cidade entre os anos 2007 e 2012: «Son amigo de Cabezas e iso pódeme axudar chegado o momento»

19 may 2023 . Actualizado a las 10:18 h.

Nado na parroquia de San Mamede de Palmés, Francisco Rodríguez (Ourense, 1954) regresou á política activa para encabezar a lista do PSOE en Ourense, a cidade que gobernou entre os anos 2007 e 2012. El prefire que o chamen Paco.

—A que se dedicou cando se apartou da política?

—Acabo de xubilarme. Fun profesor de tecnoloxía nun instituto do Carballiño.

—O territorio de Pachi Vázquez. Canto hai que non fala con el?

—Non moito. Traballei 40 anos no Carballiño e durante 15 fun director do instituto e concelleiro alí tamén. Teño moitas relacións persoais e vou con certa frecuencia. Pois igual hai dous meses que o atopei na rúa e nos saudamos.

—Mellorou esa relación?

—Eu procuro non manter rancores con ninguén e non os teño máis alá do dano que no seu momento me puido causar.

—Di que acaba de xubilarse. Que fai outra vez na escena política?

—Cando levas unha vocación dentro é moi difícil pórse de perfil en determinadas situacións como a que estamos a vivir. A de agora mesmo en Ourense é de anormalidade democrática. É difícil encontrar en España unha cidade de máis de 100.000 habitantes que estea gobernada por tres concelleiros.

—Quen o convenceu no seu partido para volver ser candidato?

—Había sectores da sociedade que me insistían cando andaba pola rúa. Pero eu pensaba: «Aparta de aí ese cáliz». Se teño que responderche, foi Valentín González Formoso. Eu non estaba convencido. A decisión tomouse no último minuto.

—Foi candidato sen primarias.

—Si, pero está contemplado nos estatutos do partido. Había unha situación orgánica con certas diferenzas entre dous sectores e optouse por unha terceira vía.

—Volve vostede e volve Cabezas. Volve a vella política?

—Non. O que volve é a política. O que había no concello era antipolítica. Precisamos moderación e mesura.

—Mantén a amizade co candidato do PP?

—Si. Teño unha relación persoal con Manolo de hai moitos anos e mantéñoa. Representamos opcións políticas diferentes, pero creo que esa relación pode axudar para que, chegado o momento, poidamos sentarnos nunha mesa a falar dos proxectos para esta cidade.

—Deuse de baixa do PSOE cando foi imputado. É militante agora?

—Non, pero o importante é o compromiso. O outro é un papel.

«Cando me detiveron na porta da miña casa, fíxoseme un dano que non era necesario causar. Non facía falta tanta parafernalia se querían preguntarme algo»

—Como foi aquela detención?

—A Policía Xudicial díxome na porta da miña casa que había unha orde.

—Saíu absolto de todos os cargos. Que quedou en vostede de todo aquilo?

—Moita tristeza, dor. E o convencemento absoluto dunha grande inxustiza. Foi todo desmesurado. Se tiñan que preguntarme algo, non facía falta tanta parafernalia. Fíxoseme moito dano que non era necesario causar. Non o vou esquecer nunca.

—Deixou de chamalo moita xente?

—Obviamente, o teléfono non funciona igual. As chamadas pasan a ser distintas. Da familia, dos amigos. Logo pasou algo emotivo: a xente pasou a abrazarme moito máis. Non é fácil, eh? Cando estás sometido, que a xente te siga crendo. Iso foi clave na decisión que tomei de volver. Serlle útil a esa xente que sempre confiou en min.

—Recuperou a actividade dese teléfono?

—Vexo os titulares das noticias. É un costume que tiven sempre e sígoo facendo. A partir de aí, úsoo pouco. O Facebook, para non esquecerme dos aniversarios dos amigos.

<span lang= gl >Francisco Rodríguez, candidato do PSOE en Ourense.</span>
Francisco Rodríguez, candidato do PSOE en Ourense. Santi M. Amil

—De que xeito busca desconectar agora da vida política?

—Teño unha horta e animais na parroquia rural na que vivo. Gozo moito con eles, dándolles de comer aos pitos e aos coellos. Agora teño que esperar a que remate a campaña para facer algunha plantación. E tamén vou xogar a partida ao bar cos amigos.

—A que xoga?

—Ao tute ou ao subastado.

—Dáselle ben?

—Non. Cando xogo de compañeiro sempre me botan a bronca. Pero para min o de menos son as cartas. O que me gusta é o tempo que paso con eles.

—Que recorda da súa infancia?

—Que quería ser músico. Cando eu era neno, recordo a orquestra; nas festas, comía e durmía sempre na casa dos veciños. Logo, nunca fun capaz de aprender a tocar un instrumento.

—Pero intentouno?

—Non, nin o intentei. E é algo do que me arrepinto. Daquela cheguei a preparar unha maleta para irme cos músicos. A miña nai, cando a viu, preguntoume que onde ía. Era unha persoa de profundas crenzas relixiosas. Dicíame que, se fose un pouco máis crente, sería o fillo ideal. Non me esquezo nunca diso. O meu pai fora estudante no seminario e odiaba os curas. Crieime así.

—Nunha dialéctica relixiosa.

—Si. Os meus pais traballaban no campo e deixábanme cunha curmá da miña nai, que estaba nunha cadeira de rodas, e era unha persoa moi relixiosa. Ensinoume a rezar o rosario de moi pequeniño. Daquela velábanse na casa os mortos. Eu, con seis anos, rezaba o rosario aos defuntos. Agora non sabería facelo.

—Co tempo, entón, foi estando máis preto do seu pai.

—Mentres a miña nai viviu, por darlle esa satisfacción, acompañábaa á misa na vila. Era algo que a ilusionaba; eu sabíao, así que o facía. Pero non son crente. Aínda así, e é algo que tamén fun percibindo cos rapaces no instituto, creo que é importante preservar os valores. É algo que non estamos coidando, co rápido que avanzan algunhas cousas. E o valor máis importante é o respecto.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.