Efrén Castro, candidato do BNG en Sarria: «Nós temos o proxecto para o pobo que non tivo o goberno actual»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

ELECCIONES 28M

CEDIDA

O alcaldable do BNG está ilusionado e confía en aumentar a súa representación no Concello

18 may 2023 . Actualizado a las 23:26 h.

Nun concello dividido como Sarria, calquera formación política poder ser decisiva para conformar un goberno. O candidato do BNG, Efrén Castro, non quere definir ao partido como «chave» pero o que si ten claro é que van a subir dos dous concelleiros que teñen actualmente. Como? Cun proxecto a longo prazo para transformar o pobo.

—Como afronta as eleccións?

—Con moitísima ilusión. Incorporamos xente nova ao proxecto e polo ambiente que percibimos poderiamos ter unha suba significativa. Poderiamos conseguir un resultado histórico para o BNG de Sarria. 

—Cre que sumarán máis de dous concelleiros?

—Si, estamos seguros de que os imos aumentar.

—Que tipo de perfís se incluíron na candidatura?

—Buscamos xente que comparta o proxecto con nós, que teña moito amor por Sarria. Comparten a nosa idea de pegarlle unha transformación a Sarria.

—Como viu estes catro anos de mandato de Camiña Sarria?

—Foi un mandato moi mellorable, para nós o que houbo é unha falta de proxecto. Foi unha mera xestión, nunhas cousas mellor e outras peor, pero non hai un proxecto para Sarria, que é o que temos nós a longo prazo. Para conseguir certas transformacións catro anos non chegan, e Sarria adoleceu eso nos seus últimos gobernos. Non houbo continuidade e os pobos que conseguen avanzar son con gobernos na mente posta a longo prazo. Cando estabamos nós no anterior goberno, en áreas como cultura a diferenza foi grande e a xente bótanos de menos.

—Cal é o proxecto do BNG para Sarria?

—En liñas xerais, hai que cuidar as zonas verdes, que están abandonadas, e tratar de aumentalas e humanizar os espazos. O espazo público é para as personas, con modelos como o que se está aplicando en Lugo ou o en Pontevedra pero adaptados a Sarria. Hai que levar a programación cultural ao rural, e tamén servizos máis alá dos básicos, como a traída de augas ou as estradas, senón cousas como a chegada de fibra óptima. O método do BNG son as transformacións.

—Na presentación da súa candidatura destacaba como un dos obxectivos establecer un PXOM.

—É un tema técnico no que Sarria adoece. Non é que teña un PXOM antigo senón que non ten, iso provoca problemas como o que pasou co IBI. Cun PXOM aprobado non tería pasado nos grandes núcleos. Evidentemente, se hai unha maioría suficiente para sacalo adiante, é algo que hai que tratar de conseguir.

—Foi responsable da residencia, que seguiu sendo polémica este goberno. Que solución ve?

—A solución eu creo que está clara. Hai que apartar a parte política da xestión diaria, ten que ser un funcionario o que dirixa o centro. Hai que levar recursos, é un edificio antigo e fan falta investimentos. Hai que intentar involucrar a outras administracións como a Xunta de Galicia, que os servizos sociais son competencia súa e non está aportando nada. Para mellorar hai que apartar a política, os políticos teñen que decidir nunhas cousas como investimentos, pero na xestión diaria non poden ser os que tomen as decisións.

—Sarria encadea varios gobernos de coalición. Cre que é prexudicial?

—As coalicións non son malas e boas de por si. Hai exemplos que funcionaron moi ben e outros que non consiguen funcionar, o que determina é que o proxecto e a prioridade dos que entran na coalición sexa Sarria e non intereses persoais. Vemos como Lugo conseguiu ter unha lexistatura moi boa ou a Deputación. Se se pon no centro Sarria, non sería un problema. Éo cando priman os intereses personais por encima dos intereses dos políticos. 

—O escenario preséntase dividido de novo, cre que o BNG podería ser a chave de goberno?

—O que fai o BNG sempre é unha vez pasadas as eleccións. Vendo cales son os resultados, faremos o mellor para Sarria pensando no interese dos veciños e non no interese persoal. Son unhas eleccións moi abertas e non quero facer cábalas, é difícil acertar como vai ser o mapa.

—Algún partido co que non pactaría?

—Co PP nunca houbo coalición e estamos nas antípodas. O resto está aberto, pero non nos gusta facer cábalas.