Alberto Varela: «Defendemos cidades máis sostibles e feministas»

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIONES 28M

PACO RODRÍGUEZ

O alcalde de Vilagarcía coordinou a ponencia marco do PSdeG para as eleccións municipais xunto a rexidora de Betanzos, María Barral, e o ministro de Sanidade, José Miñones

11 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela (1975), encargouse da ponencia do programa do PSdeG para os comicios locais xunto a rexidora de Betanzos, María Barral, e o actual ministro de Sanidade, José Miñones. O resultado é un documento con 120 liñas mestras para os máis de 300 candidatos socialistas para o 28M.

—Como traballaron estes meses para elaborar o programa?

—Non é froito duns meses, realmente son moitos anos. Decisións plasmadas neste documento se están poñendo en marcha xa por gobernos socialistas en moitos concellos. A maiores tivemos reunións con colectivos, con entidades de distintos sectores e con compañeiros con especialidades en diversas áreas. Despois, cada territorio deberá adaptar as súas liñas programáticas. Non son o mesmo as propostas nunha gran cidade que nun concello rural.

—Que en cada concello aporten tamén as súas ideas.

—Si, defendemos cidades máis amables, máis sostibles co medioambiente, feministas... Son principios irrenunciables para calquera representante socialista, pero cada un ten que adaptalo á súa zona. Hai municipios con maior peso do sector turístico, outros con problemas de emisións... Deben adaptarse a súa realidade.

—Recollen que servizos como a xestión do auga debería ser público. Propoñen remunicipalizala onde haxa concesións privadas?

—Nun concello non partes de cero. Pode haber contratos con concesións a moitos anos. Todo o que se poida xestionar dende o público está ben, pero despois hai que ver se iso é posible porque non sempre se pode levar adiante polas circunstancias do teu concello.

—Insisten nos uso dos fondos europeos. Cara onde habería que enfocalos?

—Un dos obxectivos que se persegue é ter cidades máis sostibles, máis humanas, sen tanta contaminación. Os concellos estamos sendo obxecto de cantidades moi importantes porque sabemos xestionalo e facendoo mellor que outras administracións.

—Na presentación do programa falaba do novo papel que teñen os concellos dende hai 20 anos. En que sentido o ve así?

—Temos retos novos que non tiñamos, ou non estaban tanto, na axenda política, como é o cambio climático. Nos últimos vinte anos, cada vez ten un maior peso as novas tecnoloxías, por exemplo. Todo isto ten que estar enriba da mesa. Ou a economía. Debemos levar medidas nos concellos que fortalezan o noso tecido local.