Néstor Rego: «Lugo terá representación nacionalista no Congreso para defender os seus intereses»
ELECCIONES 23J
Critica o incumprimento do PSOE de parte do acordo de investidura, que recollía a creación dun xulgado de violencia machista na capital lucense
09 jun 2023 . Actualizado a las 16:10 h.O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal en Lugo, Rubén Arroxo, realizaron un balance do traballo realizado pola frente nacionalista nesta lexislatura «na defensa dos intereses da cidade de Lugo e a súa comarca», enumerando os logros, sinalando as materias pendentes e estabelecendo as prioridades despois do 23X.
O BNG márcase como obxectivo conseguir un grupo parlamentario propio «e forte en Madrid e as persoas que votaron o BNG o 28 de maio darían representación nacionalista pola provincia de Lugo polo que é perfectamente posíbel obtela».
A organización nacionalista criticou a actitude dos partidos de ámbito estatal (PSOE, PP e Unidas Podemos) «que actuaron sempre ás ordes das súas direccións de Madrid e rexeitaron as propostas do BNG para superar o déficit histórico que sofre Lugo en materia de infraestruturas». Rego denunciou «o incumprimento do PSOE de parte do acordo de Investidura que, entre outras medidas, recollía a creación dun xulgado de violencia machista na cidade».
Valoración de Arroxo
Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, cualifica o traballo de Néstor Rego no Congreso con «matrícula de honra» porque, a pesar de ter unha soa acta das 350 da cámara baixa, «a presenza da Galiza e a defensa dos intereses de Lugo foi incríbel». Concretamente, no caso de Lugo, sinala as diversas iniciativas rexistradas para resolver os problemas da cidade, sobre todo no eido das comunicacións. «Vendo o exemplo dos vascos e cataláns, temos que ter un grupo galego forte para condicionar o Goberno e reclamar maior investimento e execución orzamentaria para que Lugo poida desenvolver todo o seu potencial a nivel económico e social», destaca Arroxo.
Rego salientou que «só o BNG defendeu no Congreso as infraestruturas de comunicación que Lugo precisa para saír do illamento frente a un PP que non actuou nos seis anos que estivo no goberno e frente a un PSOE que mesmo actuou en contra dos intereses de Lugo rexeitando as emendas que o BNG veu presentando aos orzamentos nos últimos tres anos».
Por estes motivos, Rego sinalou que, nun previsíbel escenario sen maiorías absolutas, «é necesario un grupo galego forte en Madrid, que utilice os seus votos decisivos para defender os intereses da Galiza e de Lugo».