Educando en Familia crea un servizo para detectar dificultades psicopedagóxicas

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

EDUCACIÓN

<span lang= gl >Imaxe de parte das familias e os nenos participantes no anterior curso de Educando en Familia</span>
Imaxe de parte das familias e os nenos participantes no anterior curso de Educando en Familia EDUCANDO EN FAMILIA

O programa educativo asesorou o curso pasado a 341 familias da Mariña e Terra Chá

07 sep 2026 . Actualizado a las 14:03 h.

O programa educativo Educando en Familia iniciará este mes de setembro o novo curso en municipios da Mariña e da Terra Chá incorporando un servizo de acompañamento psicopedagóxico ás familias, co obxectivo de detectar dificultades desde idades temperás. «O novo servizo nace como resposta á necesidade de ofrecer unha atención máis específica cando aparecen dúbidas ou sinais de alerta relacionados co desenvolvemento, a aprendizaxe, a adaptación escolar ou o benestar emocional das crianzas», indican desde un colectivo sen ánimo de lucro que conta actualmente con orientadoras que contan máis de 30 anos de traxectoria traballando canda as familias, especialmente durante os primeiros anos de vida das crianzas, entre os 0 e os 6 anos. «A través deste recurso, as familias poderán recibir atención individualizada para a detección temperá de posibles dificultades, valoración e orientación psicopedagóxica e asesoramento ante esas necesidades, como poden ser dificultades da linguaxe ou da aprendizaxe, TEA, TDAH, altas capacidades ou outras situacións», engaden. O servizo ofrecerá tamén orientación ás familias sobre as estratexias e recursos máis axeitados en cada caso. Cando sexa necesario, subliñan, facilitará «a coordinación cos centros educativos e con outros profesionais e servizos, favorecendo unha intervención o máis temperá e integral posible».

Programa gratuíto

Desde Educando en Familia recordan que o programa «constitúe un recurso gratuíto e próximo» ó que as familias da Mariña e Terra Chá poden acudir para recibir orientación e acompañamento nas diferentes etapas da crianza.

Catro orientadoras guiarán espazos educativos e charlas nos concellos

Catro orientadoras estarán presentes este curso en diferentes concellos da Mariña e da Terra Chá, así como no centro penitenciario de Teixeiro, guiando espazos educativos e charlas. «O programa desenvolve boa parte da súa actividade en centros educativos, achegando ás familias espazos de orientación, prevención, formación e acompañamento de maneira totalmente gratuíta», relatan desde Educando en Familia.

En detalle, o curso pasado o proxecto desenvolveu actividades en Foz (escola unitaria de Vilaronte, Casa da Cultura, CEIP Fondo Nois e CEIP O Cantel), Ribadeo (Escola de Música, CEIP Gregorio Sanz e Escola da Devesa), Barreiros (centro social de Barreiros, Escola de San Xusto, CEIP de San Miguel e CEIP de Barreiros), Riotorto (Casa da Cultura e CEIP), Mondoñedo (auditorio e CEIP Álvaro Cunqueiro Mora), O Valadouro e Alfoz (IES Alfoz-O Valadouro), Ourol (antigo CEIP), Burela (Casa da Cultura, CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e CEIP Plurilingüe Vista Alegre), Cervo (CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e auditorio de San Cibrao), Xove (CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, aula de formación do concello e biblioteca), O Vicedo (Casa da Cultura e CEIP), Viveiro (IES Vilar Ponte), Guitiriz (CEIP Plurilingüe Lagostelle, CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga e Escola Ventisca de Buriz), Xermade (biblioteca e CEIP Plurilingüe), Begonte (Casa da Cultura e CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño), Vilalba (CEIP Plurilingüe Antonio Insua), Castro de Rei (biblioteca Castro Ribeiras de Lea e CEIP Veleiro Docampo), Outeiro de Rei (centro cultural e CEIP Laverde Ruiz) e Teixeiro (módulo Isla do Centro Penitenciario).