La Voz ofrece ás bibliotecas escolares unha acción de alfabetización mediática
EDUCACIÓN
Enviaremos periodicamente material para aprender a buscar información e contrastala, e proporcionaremos tarxetas con actividades que leven á reflexión sobre a comunicación segundo o currículo AMI da Unesco
31 ago 2026 . Actualizado a las 16:21 h.No curso que comeza nunha semana, as bibliotecas escolares galegas enfrontan un ano máis o reto da Alfabetización Mediática e Informacional (AMI) dos seus usuarios, para o que deben deseñar actividades e proxectos. Para botarlles unha man, La Voz de Galicia organiza a través do Programa Prensa-Escuela unha iniciativa única: o Obradoiro de Verificación Prensa-Escuela.
En que consiste?
A idea central é facer reflexionar o alumnado sobre a comunicación, e transformalos en xornalistas na escola. A biblioteca convértese nunha redacción de fact-checking (comprobación de datos) e nun lugar contra a desinformación.
Quen pode participar?
Calquera biblioteca escolar galega: de primaria aos centros de adultos, pasando polas de FP, ESO, bacharelato, idiomas ou ensinanzas artísticas. Mesmo pode aplicarse ás familias, xa que moitas teñen a biblioteca do colexio ou do instituto dos seus fillos como un centro cultural máis.
Que van facer os estudantes?
Como todas as actividades de Prensa-Escuela, os nosos interlocutores son os profesores, neste caso os coordinadores das bibliotecas. Eles decidirán como e quen participa nesta acción. A nosa proposta é que sexan os alumnos os que, coa axuda dos docentes, fagan o traballo tomando un papel activo e central na súa aprendizaxe.
Nós propoñerémoslles tres accións para desenvolver: un panel de Alerta AMI, desafíos AMI e lupa AMI. Cada profesor participante decidirá ata que punto traballar cos rapaces, e mesmo poderá cambiar de acción en función da idade ou interese do estudantado.
O panel de Alerta AMI farao o colexio como mellor lle conveña (nun encerado, nun taboleiro de cortiza, nunha parede...), pero debe ter tres columnas dinámicas: na primeira unha noticia ou un anuncio para consultar a súa veracidade; na segunda e terceira columnas, o resultado da investigación (na segunda se é desinformación, e na terceira se é un feito real comprobado).
O desafío AMI desenrólase con tarxetas facilitadas por Prensa-Escuela con actividades moi diferentes: desde a busca das fontes nunha noticia ata a análise de películas e cancións, pasando pola revisión de mapas sobre liberdade de prensa no mundo... moitas accións que o profesor decidirá como repartir. Teñen diferentes niveis de dificultade pensando na variedade do alumnado que hai nas bibliotecas galegas. Hai propostas de accións por cada un dos dez módulos de AMI do currículo para docentes que promove a Unesco.
A lupa AMI é unha proposta máis tradicional: o profesor ofreceralles aos rapaces unha noticia e eles terán que responder ás 5 (ou 7) W: que? quen? cando? por que? onde? (como? para que?).
Onde conseguen os feitos que hai que comprobar?
Hai dous xeitos de obter feitos que hai que comprobar: por peticións dos compañeiros ou polas informacións que enviaremos nós. O primeiro pode facerse de xeito físico (mesmo nunha caixa de zapatos para deixar a dúbida) ou virtual (como decida o docente, ben nun formulario na nube, ou cun correo electrónico, por exemplo) onde os rapaces poidan enviar feitos sobre os que sospeiten que poden non ser certos. Pola súa banda, Prensa-Escuela enviará cada 15 días aos profesores unha proposta de tres casos nos que haberá sempre unha mentira e unha verdade. Os profesores poden compartilos cos alumnos ou non, ou facelo noutra semana; teñen total liberdade co material enviado.
Con cada nova proposta de exemplos, enviaremos ademais a resolución dos casos anteriores.
Unha vez comprobados, que se fai?
Completar o panel de alerta AMI, e ademais o profesor pode enviar ao noso correo electrónico o feito resolto, unha foto do seu panel ou algunha dúbida que poida ter sobre a resolución do caso.
No suplemento educativo que desde outubro publica o xornal, La Voz de la Escuela, sairán periodicamente casos resoltos.
Como saberán os rapaces distinguir os feitos reais da desinformación?
O Programa Prensa-Escuela enviaralle a cada profesor inscrito nesta acción AMI uns pequenos vídeos nos que se explican os pasos que hai que seguir para comprobar a veracidade dunha noticia ou mesmo dunha fotografía.
Hai apoio en caso de dúbida?
Por suposto. No correo electrónico de referencia, os xornalistas de Prensa-Escuela contestarán a todas as dúbidas do profesorado. Se as cuestións son máis da dinámica da clase, Alejandro Limeres, responsable da biblioteca do IES Urbano Lugrís de Malpica e colaborador de Prensa-Escuela nesta acción, pode botar unha man aos seus compañeiros a través do mesmo correo electrónico.
Ten algún custo?
Non, é totalmente gratuíto.
Ten o profesor algunha obriga?
Ningunha. Pode deixar o proxecto para outra ocasión, só usar unha parte ou amplialo pola súa conta. Prensa-Escuela só lle propón accións para apoiar a alfabetización mediática da mocidade.
Como hai que facer para anotarse?
O profesor interesado ten que comunicarse con nós desde xa enviando antes do día 25 de setembro un correo a obradoirodeverificacion@prensaescuela.es. Debe incluír os seus datos: nome, apelidos, teléfono e correo electrónico (fundamental para recibir as nosas comunicacións), centro educativo, localidade e posto que desempeña.
Hai que estar no Programa Prensa-Escuela para anotarse?
Non, só ten que pertencer ao equipo da biblioteca dun centro educativo galego.