Unha tese recolle a necesidade de que os galegos saiban xestionar o seu territorio
29 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os lumes do ano pasado en Ourense (hoxe nos arredores de Madrid) demostran que a xestión do territorio é vital para unha comunidade, pero hai unha enorme falla de coñecemento xeral na sociedade de como aproveitar o espazo rural. Un profesor galego de secundaria leva anos loitando contra esa ignorancia no seu centro con bastante éxito, tanto que decidiu dar o salto e preguntar a expertos para saber se daban respaldo científico ao que el vira que funcionaba nun colexio concreto. O resultado é unha tese defendida estes días en Santiago co título O aproveitamento dos recursos do medio natural no ensino secundario: unha ferramenta contra o despoboamento e para lograr a equidade entre o alumnado rural e o urbano.
Mario Outeiro Iglesias, que é o seu autor, estivo dirixido polo profesor Felipe Trillo e obtivo sobresaliente cum laude dun tribunal presidido por Jesús Rodríguez Rodríguez, da Universidade de Santiago. No seu estudo foi quen de poñer de acordo a 71 expertos en educación e medio rural (mesmo Xunta e sindicatos), que concordaron que Galicia necesita unha materia obrigatoria na secundaria sobre a xestión do rural. «As persoas expertas optaron por introducir aquelas competencias máis básicas nos currículos das materias existentes, para traballalas de maneira conxunta con proxectos interdisciplinarios, mentres que as máis avanzadas deberían traballarse con materias específicas obrigatorias e optativas», dixo. Os mellores cursos para estas competencias foron, por orde de preferencia, 3.º e 4.º da ESO mais 1.º de bacharelato, optando «por metodoloxías activas baixo un modelo de aprendizaxe baseado en competencias e ligado á contorna que rodea o alumnado».
Cen contidos curriculares
«A materia tería que ser obrigatoria un ou dous anos da secundaria para coñecer os contidos básicos e despois optativa para profundar máis», explica Outeiro, que atopou 113 contidos culturais relevantes que tiñan que ser incorporados ao currículo da secundaria. Son asuntos de educación ambiental, agronomía, gandaría, turismo... A lista é moi longa. Ao final, e case con unanimidade, os expertos apuntaron 47 tarefas que se poden desenvolver na clase.
Esta materia tería moito de práctica, e niso Outeiro ten experiencia. Conta, por exemplo, unha das actividades que ten máis éxito nos grupos onde as ofrece: «Facemos un xogo de rol sobre unha asemblea dunha comunidade de montes. Tres cuartas partes do rural galego [que é o 80 % do territorio] é monte en man común, pero iso non o saben nin os rapaces do rural, xa non imaxino os das cidades. Os rapaces tiveron que prepararse e cada un tiña un papel: o ecoloxista, o que quería plantar eucaliptos... Ao final, debían decidir en que investir os cartos. É moi interesante ver como sacan ideas, negocian acordos e aprenden».
Noutra ocasión, facían enxertos de maceiras para crear mellores variedades e, se saían adiante, levábanos para a casa. A relación coas familias, e tamén cos maiores, é fundamental para Outeiro: «Nós temos mesmo ao lado unha residencia de maiores e facemos moitas cousas xuntos». A memoria é fundamental, por exemplo, para saber cando plantar, reinxertar ou recoller: «Cada zona é diferente. Non vale con mirar en internet».
Recuperar unha materia antiga
Recorda Outeiro que durante décadas, ata a chegada da democracia, «a agronomía entrou nos currículos do ensino obrigatorio para, a través dos nenos (e non das nenas), dar a coñecer unha agronomía moderna e industrializada que remataría derivando na denominada revolución verde». Fronte a isto, di, a proposta que se recolle no estudo é introducir unhas competencias máis amplas (derivadas dun rural que na actualidade é economicamente máis diverso), dende un punto de vista sostible, aliñado coas directrices ambientais internacionais como a Axenda 2030.
Como chegou Outeiro a firmar esta tese ten moita lóxica. Natural do Corgo, este enxeñeiro químico impartiu a materia de Tecnoloxía no CPI de Cervantes e agora de Física e Química no IES Pedregal de Irimia (Meira), onde tamén é director. Sempre considerou necesario que os rapaces entendesen o medio rural, e ao amparo da antiga lei educativa (Lomce) propuxo unha materia optativa en 1.º e 2.º da ESO (Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural) na que acabaron apuntándose todos os nenos do instituto e que lle valeu un premio de Innovagal. Co cambio de lei, a materia converteuse nun proxecto interdisciplinario.
Foi por iso que Outeiro se animou a facer unha investigación: que pensan os expertos de ter unha materia sobre o aproveitamento rural? Só lle funcionou a el porque está en Meira? Este enxeñeiro químico decidiu preguntar, pero seguindo un método amplamente aceptado pola comunidade académica para estudar problemas complexos: a técnica Delphi. O propio Outeiro explica por que é interesante: «E un método de cuestionarios anónimo e individualizado, porque se xuntas a xente, sempre hai alguén que leva a voz cantante e impón, aínda que sexa de xeito natural, a súa visión».
Centrarse nas cuestións que teñen máis votos
No método Delphi, os cuestionarios son tres: o primeiro son preguntas abertas. Destas, pasan ao segundo cuestionario as que teñen respostas masivamente parecidas; nesta segunda enquisa, os expertos valoran as diferentes cuestións a través de estrelas. Finalmente, no terceiro cuestionario cada un sabe o que contestou e cal foi a media e a mediana das respostas.
En cada fase, as cuestións ían limitándose a aquelas que tiñan máis acordo. De aí que as conclusións fosen obtidas por consenso. O traballo de campo custou un ano, e a tese, desde o inicio ata este xullo, seis.