Retos da nova ministra de Educación

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

Alejandro Martínez Vélez | EUROPAPRESS

É a primeira vez que, na súa toma de posesión, un ministro de Educación non propón reformas en profundidade, coas que busca máis pasar á historia que acometer cambios e melloras necesarias, con independencia do seu nivel de conflitividade para este departamento ministerial. Os resultados dos bandazos lexislativos e pedagóxicos nos xa longos anos de democracia están aí, e non fai falta analizar os principais indicadores internacionais da educación, senón simplemente observar o pésimo nivel de formación dunha maioría de alumnos.

Quédome con tres retos da nova ministra, Milagros Tolón. O primeiro é a reforma do estatuto docente, imprescindible aínda que non sexa máis que pola necesidade de actualizalo. Tanto a selección como a formación inicial e continua do profesorado están desfasadas, demandando unha maior preparación na atención á diversidade dos alumnos, na utilización das tecnoloxías da información e comunicación, ou na coordinación do profesorado de primaria e secundaria, que seguen a ser compartimentos estancos. As bases da futura capacitación profesional están no documento Propuesta de marco de competencias profesionales docentes (2024), elaborado polos ministerios competentes, comunidades autónomas e a Conferencia de Decanos de Facultades de Educación.

Todos os profesores que accedan á función pública docente deberán integrarse no grupo A1, tendo en conta que na actualidade todos deben cursar un grao universitario, ao ter desaparecido os títulos de diplomado e de licenciado. E urxente a revisión das oposicións de acceso aos corpos docentes, cuxa estrutura e temarios quedaron obsoletos. Aspectos a renovar tamén, nos que por certo Galicia xa se ten adiantado, son a revisión salarial, a redución do número máximo de alumnos por aula ou a racionalización da burocracia no ámbito educativo.

O segundo obxectivo é mellorar a atención á diversidade dos alumnos na aula, que ten aumentado un 70 % no último lustro, mentres que non o fixo nesta proporción o número de especialistas e de apoios. Ademais o profesorado precisa dunha formación específica para este labor.

Por último, pénsase no aumento da escolarización obrigatoria ata os 18 anos, como ocorre en varios países europeos, coa fin de paliar a taxa de abandono escolar, que se refire á porcentaxe de alumnos, de 18 a 25 anos, que non acadaron estudos postobrigatrorios e que en está en España no 13 %. A medio prazo, esta decisión non sería acertada, pois vai incrementar o número de alumnos que non queren estudar, que non están satisfeitos na aula. Ademais, non hai resultados claros sobre a incidencia desta medida na taxa de graduados.

Antes de obrigar aos mozos a estar dous anos máis nos centros habería que pasar, como en Alemaña, por unha fase na que se potencie a formación profesional (FP), sobre todo a dual, para que o alumno estude e traballe ao mesmo tempo. Galicia tamén ten avanzado moito neste sentido, pois desde finais do pasado século potenciouse esta modalidade educativa, cuns resultados hoxe tan excelentes coma un 85 % de inserción laboral ou un 50 % dos mozos de 18-19 anos matriculados na FP.