O Monitor de educación 2024, realizado pola consultora Ipsos, que analiza datos dos 30 países máis importantes do mundo, chegou á conclusión de que xa é maioritario o número de pais que consideran excesiva a presenza da tecnoloxía na educación dos fillos e, sobre todo, que esta vai en detrimento da súa formación básica, ao afectar negativamente á lectura, escritura e cálculo.
Aínda que é certo que hai posturas encontradas en canto aos cambios que as competencias dixitais poidan ter na actividade mental, está claro que sen o dominio desas competencias esenciais non é posible un bo traballo intelectual, coa consecuente aprendizaxe.
Estanse a escribir mensaxes de texto que non respectan a morfoloxía, sintaxe ou ortografía. A linguaxe icónica ou audiovisual despraza á textual, relegando lectura e escritura a un segundo plano e a información recíbese con moita rapidez, en pequenas doses e sen ningún tipo de normas, o que diminúe a capacidade de atención, reflexión e memoria. O alumno é incapaz de ler textos longos e, ademais, apraza constantemente as súas responsabilidades, pois o seu único interese está na pantalla.
Aumenta o número de estudantes que non entenden o que len, escriben mal e con lentitude, son incapaces de expresar con coherencia e corrección o que pensan ou carecen de competencia para razoar ou calcular mentalmente. Os bos mestres saben ben que a única maneira de evitar isto é dedicar o tempo que sexa preciso á lectura, escritura e cálculo. É imprescindible ler en voz alta e en silencio; escribir copiando, ao ditado e de maneira creativa, con frecuentes redaccións; e practicar moito o cálculo mental e a resolución de problemas matemáticos, empregando os correspondentes algoritmos. Para levar a cabo isto, nas primeiras etapas escolares hai que esquecerse de horarios ríxidos, da obsesión por abarcar tódolos programas e de perder tempo co uso da tecnoloxía, mentres non estea conseguida esa sólida base. A familia ten que colaborar neste labor, controlando o uso dos aparellos no fogar e fomentando o hábito lector, con acougo e constancia.
Defendo as tecnoloxías. Son un dos maiores progresos e deben integrarse na vida e no ensino, pero é urxente racionalizar o seu uso para que sexan un medio, unha axuda, e non un fin en si mesmas. Hai que evitar que obstaculicen o estudo e a aprendizaxe, ao favorecer a perda de tempo ou mesmo a adicción. O sistema educativo segue demandando un fondo dominio da lectura, escritura e cálculo, coma xa contemplou, hai ben anos, a Constitución de 1812.