Un estudo realizado pola Universidade Rey Juan Carlos, a partir dos datos de PISA 2022, ten detectado unha correlación significativa entre un mellor rendemento en Matemáticas e o alumnado que comparte a comida principal coa familia polo menos dúas ou tres veces por semana. Nada novo, pois xa no ano 2014 un traballo do Consejo Escolar del Estado sobre a participación dos pais na educación escolar concluía que comer cos fillos mellora o seu rendemento académico. Interesarse nestes encontros pola súa marcha nas clases e no centro educativo, polas relacións cos amigos, así como animalos a estudar e mellorar as notas ten unha influencia moi beneficiosa no seu éxito escolar.
A pesar de ser un acto tan sinxelo e fácil, cada día resulta máis infrecuente ver a unha familia reunida en torno á mesa, charlando con acougo. Este é un dos momentos no que máis se manifesta o calor do fogar e a permanente proximidade e apoio emocional dos pais, imprescindibles para a normal maduración da persoa. As repousadas sobremesas permiten coñecer as inquedanzas dos fillos e a súa decisiva integración social, así como inculcar valores que os menores asimilan de maneira inconsciente e que lles quedan gravados para toda a vida, condicionando a súa conciencia e actuacións futuras.
Certo que as circunstancias actuais de vida impiden xuntarse acotío cos fillos e prestarlles a atención que precisan, pero as ocasións que pode haber non están a ser aproveitadas. É mellor calidade que cantidade, e, se a familia non pode reunirse no almorzo ou xantar, sempre haberá ceas ou ben fins de semana para unha comunicación estreita e tranquila, na que se escoiten as vivencias e opinións de todos e se aproveite para que os pais eduquen e, xa que logo, inflúan nos fillos co fin de impedir que outras instancias leven a cabo esta tarefa.
Hai, porén, se non se controla, un importante inimigo deste decisivo labor: as tecnoloxías, que se teñen convertido nos auténticos educadores. Os modelos a seguir xa non están no fogar, no exemplo e consellos dos pais, senón na televisión, en internet ou nas redes sociais. En xeral impera nestes medios unha cultura hedonista, do facilísimo e da irresponsabilidade, que prende con facilidade na mente inmatura dos fillos. Un paso esencial para evitalo sería simplemente apagar os televisores e os móbiles cando a familia estea reunida para comer, e de seguro que pouco a pouco este acto converterase en algo normal e moi positivo para o éxito persoal e escolar dos rapaces.