Alberto Sacido, profesor gañador do premio Xornalismo na Escola: «Facendo unha reportaxe os rapaces aprenden a cooperar, non a competir»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

Alberto Sacido, profesor de Lingua Castelá no IES Rosalía de Castro, en Santiago
Alberto Sacido, profesor de Lingua Castelá no IES Rosalía de Castro, en Santiago Sandra Alonso

Dirixiu aos rapaces do IES Rosalía de Castro, de Santiago, nun traballo sobre o covid

18 oct 2021 . Actualizado a las 12:02 h.

Alberto Sacido (Outes, 1964) ten cando menos unha vida curiosa, que comezou en Tállara (Lousame) pero se desenvolveu en Estados Unidos, logo duns anos estudando en Santiago (no antigo instituto de Conxo, hoxe chamado Eduardo Pondal). Despois do seu paso pola prestixiosa Brown University, recalou na Estrada, despois máis tempo en Val do Dubra, e leva anos no IES Rosalía de Castro, unha das referencias da educación pública galega, onde dá clase de Lingua Castelá. Sacido vén a estas páxinas porque os seus rapaces gañaron a segunda fase (a pandemia obrigou a dividir o galardón) do premio Xornalismo na Escola, no que eles fixeron unha reportaxe. El recorda que non o fixo só, senón que contou coas súas compañeiras Laura Pérez Codesido (Bioloxía e Xeoloxía), Rocío Figueroa Guisande (Xeografía e Historia), Lourdes Costa Ferrer (Matemáticas) e Johanna Otero García (Pedagoxía Terapéutica).

—Estivo anos en Brown, da Ivy League [as oito universidades máis importantes de EE. UU.], pero cando chegou a Galicia tiña cero puntos nas oposicións.

—Nada do que tiña, as clases, a tese a medio rematar, valeu. Cero puntos.

—Pero fíxose profesor.

—Si, ao principio de Inglés, pero non me gustaba nada a forma de ensinar, aínda que entón xunto con Miguel Giráldez, un compañeiro que colaboraba en El Correo Gallego, montamos moitas cousas, como o Galician Weekly Mail, un diario semanal coas novas que facían os rapaces; ou gravabamos o xornal de Peter Jennings e con cartolinas faciamos os subtítulos.

—O seu co xornalismo non é novo.

—Non, non. Eu facía o que vía en Estados Unidos, o que fixera eu en COU. Despois cando fun profesor de Lingua Castelá tamén elaboraban un diario os nenos, A Chave, con moitas reportaxes e fotos, e eles conseguían publicidade da súas familias e xuntaban moitos cartos.

—Con Xornalismo na Escola os rapaces fan unha reportaxe de verdade. Que aprenden?

—Pois, por primeira vez, teñen conciencia práctica do que é comunicar ben, facendo unha noticia aprenden a estrutura dun texto, que sexa coherente de principio a fin; aprenden a traballar de modo cooperativo, que iso é moi importante, porque non están acostumados a cooperar, senón a competir; e usan as ferramentas dixitais.

—Fixeron unha reportaxe impresionante sobre o covid.

—Si, feita a partir de 15 testemuñas, con xente moi interesante, dende unha enfermeira da uci na pandemia ata Fernando Simón. Foi un produto feito 100% por eles.

—Algún alumno acabou na carreira de xornalismo?

—Non recordo a ninguén, pero é que xa sabían que é unha profesión moi dura.