Os colexios galegos do mañá: flexibles, diversos, sostibles e abertos á sociedade

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

Participantes no foro sobre o Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica: Ana Sotelo, xefa de Supervisión de Proxectos da consellería; Juan Iglesias, arquitecto do estudo Iglesias y Veiga e coautor do plan; Sara Carreira, xornalista de La Voz e moderadora da charla;  Manuel Vila, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Na pantalla, porque por seguridade non había máis de catro persoas no plató, Eva López Tarrío, directora do IES Valadares, de Vigo
Participantes no foro sobre o Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica: Ana Sotelo, xefa de Supervisión de Proxectos da consellería; Juan Iglesias, arquitecto do estudo Iglesias y Veiga e coautor do plan; Sara Carreira, xornalista de La Voz e moderadora da charla; Manuel Vila, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Na pantalla, porque por seguridade non había máis de catro persoas no plató, Eva López Tarrío, directora do IES Valadares, de Vigo GONZALO BARRAL

La Voz organizou un foro sobre o Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica

19 jun 2021 . Actualizado a las 12:19 h.

Como van ser fisicamente os colexios do mañá? Os galegos xa poden ter unha idea do futuro porque, dun xeito pioneiro en España, a comunidade conta cunha guía específica para a construción e reforma dos centros de ensino. É o Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, que analizouse nun foro organizado por La Voz de Galicia e ao que asistiron: Manuel Vila, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que desenrola o plan; Juan Iglesias, arquitecto do estudo Iglesias y Veiga, que participou na súa redacción; Ana Sotelo, xefa de servizo de Supervisión de Proxectos e Xestión Patrimonial da consellería; e Eva López Tarrío, directora do IES Valadares de Vigo e membro do Comité Educativo de Galicia. O foro estivo moderado pola xornalista Sara Carreira e tivo lugar na redacción central de La Voz de Galicia en Sabón (Arteixo), aínda que por redución de aforo por seguridade ante o covid, Eva López participou de xeito telemático.

Durante unha hora os expertos repasaron as características do plan a partir das partes dun centro educativo, aínda que, como explicou Manuel Vila, este ten que ser considerado como un todo, onde o espazo estea ao servizo das persoas e dos procesos, e aberto á comunidade.

aula

Como vai ser. Máis grande, porque a nova forma de aprender non acepta o deseño de un profesor falando para rapaces que miran para el. As aulas serán «flexibles e confortables», di Iglesias, con tabiques móbiles, zonas de paso, ventilación natural, de cores claros, falsos teitos que melloren a acústica, espazos para traballar por recantos...

zonas de paso

Foro, non corredores. Esa imaxe típica dun corredor longo con aulas a ambos lados pasará á historia. Nos colexios que se fan dende xa e nas reformas dos existentes manéxase outro concepto: o do foro. Trátase dun espazo central, amplo e flexible, que sirve como ampliación da aula, área de charla, de espera ou de traballo conxunto, como explicou Juan Iglesias.

Aula fóra da aula. A idea é que a aula saia das catro paredes tradicionais, e que mediante lamas de madeira, portas correderas e cristais se poidan conectar diferentes ambientes (mesmo dous aulas) cando sexa preciso.

espazos especiais

A biblioteca, na planta baixa. A biblioteca é, para este colexio (ou instituto) do futuro, o corazón. Un motor de cambio que segundo recalcou Ana Sotelo ten case duplicado o seu espazo nos colexios galegos. Manuel Vila explicou que dos 1.100 centros públicos da comunidade, en 750 hai bibliotecas con persoal con liberación horaria para a organización da vida deste lugar que é central, fisicamente, porque debe estar colocado na planta baixa, preto do vestíbulo ou do auditorio, con moito vidro e tecnoloxía para conectar co centro, coa sociedade e co mundo. «Non é un espazo só de lectura, tamén de investigación e incluso de expansión», apuntou Juan Iglesias, No IES Valadares a obra de ampliación da biblioteca, que ten un estudo de radio e unhas gradas incluídas, supuxo tirar a zona dos departamentos do profesorado. Agora os docentes comparten sala, que tamén ten taburetes, terraza e mesmo sofás. «É confortable e invita ao traballo en equipo», recoñecía Eva López sobre o novo espazo.

patio

Con «paredes». Para sacar o máximo partido ao exterior dun centro, o patio vai ter un papel fundamental. Será cuberto, parcialmente ao menos, e terá, senón paredes, si elementos de protección lateral, tipo lamas de madeira. Alí poderanse celebrar talleres, encontros, actos públicos e mesmo clases se é necesario. Manuel Vila quere que estean abertos á comunidade escolar e tamén a toda a sociedade.

Concurso de ideas. Haberá un concurso de ideas para que se deseñen diferentes modelos, en función da zona e das idades dos usuarios, porque non é o mesmo un patio delimitado e cun pavimento brando para infantil que unha zona deportiva para os rapaces da ESO.

pistas polideportivas

Non só fútbol. «Temos unha formación específica para que os profesores —comentou Manuel Vila— organicen patios inclusivos». En estes non hai só fútbol, que o ocupa todo, senón tamén outros deportes e posibilidades.

Aberto á sociedade. Hai uns días o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, firmou un convenio co presidente dos municipios galegos, a Fegamp, para que estes usen e constrúan as pistas dos colexios, abertas en moitos centros xa aos veciños fóra do horario lectivo.