Vilagarcía será unha das 16 vilas nas que se farán as oposicións de Educación

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

EDUCACIÓN

Ramón Leiro

A primeira fase das probas desenvolverase entre o 19 e o 25 de xuño

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As oposicións de Educación, con 3.894 prazas tras a ampliación da oferta pública de emprego no corpo de profesores técnicos de FP, celebraranse en arredor de dezaseis localidades diferentes, con sedes nas catro provincias. Así o anunciou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial Docente non Universitaria. Os lugares aínda se están a perfilar, aínda que algunhas destas sedes periféricas serán Oleiros, Viveiro, Lalín, Vilagarcía e O Carballiño. A Xunta coordinará coas tres universidades a cesión de espazos destas institucións para o desenvolvemento das probas.

O obxectivo é evitar as aglomeracións nunhas probas nas que están inscritas 26.744 persoas, un 50% máis que en 2019, cando se presentaron 17.814. Ademais, e tamén co fin de garantir a garantía sanitaria nas probas, a Xunta tomou a decisión de realizar os exames de forma escalonada e de duplicar os tribunais. A primeira fase das probas desenvolverase do 19 ao 25 de xuño de xeito escalonado para evitar a concorrencia dun elevado número de persoas nun mesmo lugar. Os tribunais, a través da web da Consellería, comunicarán a data de realización da proba, a hora e o lugar. A realización da parte práctica da proba, cuxa data é fixada por cada tribunal, ten como data límite o 23 de xullo.