Román Rodríguez: «Ir á escola é unha obrigación»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

O conselleiro Román Rodríguez apunta que só 26 dos 1.100 centros públicos non teñen en funcionamento a aula virtual
O conselleiro Román Rodríguez apunta que só 26 dos 1.100 centros públicos non teñen en funcionamento a aula virtual Sandra Alonso

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, cre que a porcentaxe de positivos na escola se está a aplanar 

31 ene 2021 . Actualizado a las 20:53 h.

Román Rodríguez repite unha e outra vez que os centros educativos son «lugares seguros», e aporta datos para corroborar o que, recalca, «non é unha apreciación»: por exemplo, que só deu positivo en covid menos do 0,6% da poboación que entra nos colexios e institutos, que son case 500.000 persoas, cando a media estatal está no 1,4%. Pero o conselleiro tamén sabe que os 3.511 casos nas escolas galegas que onte tiña rexistrados a Xunta non son estatística, son persoas, con familias e amigos preocupados; e que as 169 aulas pechadas poñen en alerta a unhas 4.000 persoas.

—Os colexios van seguir abertos. Que tería que pasar para pechalos?

—Van seguir abertos porque é unha decisión sanitaria. Nós apostamos (como fixo a ministra estes días, que en outras cousas non estou de acordo con ela, pero nesta si), pola presencialidade. A comunidade educativa de Galicia, as familias, os traballadores e os rapaces seguindo o que se lles di, están a facer un magnífico esforzo, e a porcentaxe de casos positivos, que non de contaxios, sobre o total de persoas que entran cada día nos centros escolares galegos é do 0,6% cando a media de España está no 1,4%. Sobre que debería pasar para pechar, é o comité clínico o que ten que decidilo, pero en calquera caso polo impacto que tería unha medida así debería estar consensuada e pactada.

«Nós pechamos o curso con 800 positivos e volvemos o día 8 de xaneiro con 1.100 casos»

—Ve unha tendencia ao control do pico nestas últimas horas?

—A tendencia á baixa a tiñamos antes e mudou o 1 de xaneiro, cando as persoas da comunidade escolar, que entón non estaban na escola, comezaron a dar positivo. Nós pechamos o curso con 800 positivos e volvemos o día 8 con 1.100 casos; a escola segue a tendencia da sociedade. As dúas primeiras semanas do curso foron moi duras e agora hai a sensación de que a porcentaxe de incremento se aplanou algo, que se está a controlar.

—Non tería sido mellor pechar a escola estes quince días?

—O 87% dos positivos xa non chegaron á escola. Por esa regla de tres, habería que pechar o país estas dúas semanas.

«Eu tamén son pai e comparto as mesmas preocupacións dos demais, son lóxicas»

—Entende que unha familia non queira levar aos seus fillos á escola estes días? Haberá comprensión neste tempo?

—Eu tamén son pai e comparto as mesmas preocupacións dos demais, son lóxicas. Pero vemos que os contaxios foron no ámbito das familias, no ámbito social, e ir á clase é unha obrigación. Agora ben, hai casos que hai que valorar.

—Como vai o traballo das comisións provinciais sobre o absentismo?

—Sabemos que nalgunhas provincias hai más casos que noutras. Eu comprometinme a dar un informe trimestral no Parlamento. As comisións empezaron a principios de decembro, e cando toque faremos o balance. Pero que quede claro que as súas decisións non son arbitrarias, son equipos específicos de vixilancia.