Carmen Pomar: «A consellería analiza o tema para que ninguén teña que matricularse en Relixión para facer Robótica»

Cre que o problema do rural non é que pechen colexios, é que non hai nenos, e defende a equidade do sistema galego

Carmen Pomar afronta o seu primeiro curso completo coma conselleira de Educación
Carmen Pomar afronta o seu primeiro curso completo coma conselleira de Educación

Santiago / La Voz

Carmen Pomar está de estrea, porque a conselleira aínda non leva un ano no cargo, e este que comezou agora é o seu primeiro curso: «Ás veces paréceme que levo tres ou catro anos, aínda que o que máis noto é non ir á facultade. Penso que hai anos que non vou». Recoñece que o inicio de curso cando unha leva sobre as súas costas 1.100 centros, 300.000 rapaces e 30.000 profesores «é unha experiencia». E combina as súas facetas de conselleira e investigadora ao dicir que «temos en Galicia unha escola pública de primeira calidade, pero intento ser obxectiva e penso que hai cousas que mellorar».

—Vostede é especialista en altas capacidades e sempre fixo da atención aos rapaces con necesidades educativas especiais o centro do seu traballo. E agora, coma conselleira, que ten en marcha?

—Na consellería estamos apostando pola formación para orientadores, AL (logopedas) e PT (pedagogos terapeutas). E potenciamos a figura dos orientadores coa dotación dun segundo orientador nos centros máis grandes. Non pode unha sola persoa atender a 900 rapaces de ESO e bacharelato. En Galicia hai 800 orientadores que atenden os 1.100 centros públicos, algúns o fan en dous centros, porque son pequenos, pero estamos a reforzar os centros grandes: oito nas provincias da Coruña e Pontevedra e dous nas de Lugo e Ourense. Nos IES o segundo orientador está vinculado ao plan de reforzo da orientación laboral, porque se tes mil rapaces a orientación vocacional queda nun terceiro lugar...

—E o diagnóstico de rapaces con necesidades educativas? Iso faise en infantil e primaria, pero hai que ter máis xente.

—É certo que habería que reforzar os equipos de orientación específica, que son provinciais e deben asumir a diagnose dos rapaces. Ben podería ser unha segunda medida a tomar despois do reforzo dos orientadores. Mentres, a vindeira semana celebraremos a firma do protocolo de actuación en altas capacidades, para regular á actuación nestes casos.

«Non podemos converter os colexios nun maremagnum de profesións»

—En Baleares nos colexios incorporouse a figura dos educadores sociais, e agora a teñen un de cada tres institutos.

—Non podemos converter os colexios nun maremagnum de profesións. Creo que a clave está nunha boa coordinación coas administracións locais, e os contidos de hixiene, vida saudable ou ecoloxía, por exemplo, son transversais. É certo que a igualdade de xénero esixe unha mellor formación dos profesores e niso estamos. Nós fomentamos os acordos: con Vicepresidencia para que as oenegués para o desenrolo leven información aos rapaces; con as consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural a para fomentar os programas de entorno rural e coa de Mar, por exemplo, para que os rapaces introduzan as conservas na súa dieta, que teño que dicir que tivo moi boa acollida.

—Nesta semana reunirase a mesa sectorial e a CIG leva o tema das 18 horas lectivas.

—Cando se fala diso non recordan toda a recomendación do Ministerio de Educación, que din que o Estado facilitará a nivel organizativo as cantidades necesarias para rebaixar as horas lectivas. E neste momento de inestabilidade política, cun anteproxecto de lei dende hai meses e unha débeda da Administración central con Galicia de 700 millóns, penso que non é o momento de tratalo. Nós fixemos co superávit que tiñamos obras en 22 centros, pero foi grazas a o adianto da Tesourería da Xunta, grazas á Consellería de Facenda.

«Poderíamos prantexar o análise real das 18 horas cando haxa estabilidade política»

—Se mañá a Administración central devolve eses 700 millóns que debe, a consellería podería estudar a redución das horas lectivas?

—Creo que nos poderíamos estudar a análise real e operativo e funcional desta situación cando haxa unha estabilidade; non digo que tomemos a decisión de facelo pero si de prantexalo dunha maneira máis real e garantista. Pero está claro que este non é o mellor momento, e levamos en mal momento varios meses.

—O peche de escolas no rural, de que depende?

—Temos un problema no rural pero non é porque pechen as escolas, senón porque non nacen nenos. Esta é unha aposta de Goberno, non da Consellería de Educación. É unha tarefa conxunta varias consellerías, como é a lei de impulso demográfico, pero favorecer á natalidade é moi complexo: as familias dos centros das cidades son as que menos fillos teñen, e algunhas dos núcleos rurais levan aos seus a colexios periurbanos, e viceversa. Nós con Medio Rural estamos a dar facilidades aos CRA para que teñan máis recursos, pero é un asunto global.

—Cada ano pechan moitas unidades da escola pública, aínda que menos da concertada. Como foi este ano?

Fixemos o concerto con 25 unidades, moitas nun proceso natural de ampliar as seguintes etapas, e abriron 33 novas unidades da escola pública. É certo que as supresións foron na pública, unhas 60, e non houbo na concertada. Pero é partir dunha realidade e a min, coma conselleira, me preocupa garantir esa liberdade dos pais de elixir centro, e en Galicia o 90% das familias manda aos seus fillos ao colexio que elixe en primeiro lugar. E me preocupa cumprir o principio de equidade, que non haxa desequilibrios por cuestións económicas e o sistema educativo público en Galicia é o máis equitativo de España, ao nivel de Finlandia, onde todos os rapaces son fineses. Aquí non temos moitos emigrantes pero si hai multiculturalidade. Estiven inaugurando o curso en Maside nun colexio no que o 42% do alumnado é de etnia xitana e en Verín hai outro centro, que visitei hai pouco, ca mesma situación. En Maside reduciron o absentismo escolar do 60% ao 4%, e por primeira vez en Verín matricularon a rapaces de tres anos desta etnia; iso é equidade.

«A alternativa a que os interinos den materias afíns é a súa precarización»

—Hai outras queixas, como é a docencia de materias afíns entre os interinos, que a CIG din que afecta ao 50%.

—Os nosos datos din que os interinos son o 28% das vacantes. Hai uns 1.200 vacantes e estamos a falar de 30.000 profesores, non parece moito. Sorprende que os sindicatos clamen por isto porque cal é a alternativa? a precarización do profesorado. Se un profesor interino non ten máis de cinco horas dunha materia, que fai? desprazarse a outros institutos, a outros concellos, e a meirande parte non o quere, ou dar outras materias. E se traballar cinco horas cobras en proporción, por iso digo o da precarización. Ademais os docentes din antes da asignación se queren dar materias afíns voluntariamente. E finalmente, do que se trata é da capacidade pedagóxica do mestre, que é o que a min me preocupa.

—Hai unhas semana coñecíase unha sentenza que obrigaba a un rapaz a matricularse en Relixión se quería facer Robótica en segundo de bacharelato. Que ten que dicir a conselleira?

—Primeiro, temos que falar con propiedade. A literalidade non é que sexa obrigatorio matricularse en Relixión para facer Robótica, aínda que neste caso, e noutros moitos, sexa así. Isto dáse en centros pequenos, con pouca oferta de materias dunha hora semanal. Pero analizando o caso polo miúdo, pódese resolver a nivel curricular. A consellería analiza o tema para que non teña que ocorrer máis esta circunstancia. A solución, aínda que non a temos tomada, é favorecer a oferta para evitar a obrigatoriedade da Relixión para eses rapaces.

«Para que haxa unha universidade privada, ten que aprobarse unha lei no Parlamento»

—Cando terá Galicia unha universidade privada?

—Non creo que sexa pronto. Estamos na segunda fase dese proceso, cunha consulta pública da pertinencia desa universidade en función da normativa estatal e galega, que é moito máis restritiva. O informe cos criterios técnicos é positivo porque isto é pertinente. Pero para que haxa unha universidade, que é algo común en outras comunidades, ten que aprobarse unha lei no Parlamento de Galicia, algo que a xente penso que non sabe. Ata entón non se pode nin sequera falar da oferta.

—Poderá ter grados repetidos?

—Terá que cumprir a lei, que di que os grados poden se complementarios pero non repetitivos.

«Queremos chegar en tres anos aos 100 centros en Piteas, que agora vaise chamar SEMGal»

—O programa de innovación Piteas xa está en mans da Xunta, como se va impulsar?

—Piteas foi un programa da Fundación Barrié e agora, que pasa á Xunta, vai chamarse SEMGal, porque é unha adaptación do método SEM. Este é o cuarto ano de Piteas e xa van 28 centros e posiblemente, aínda non está pechado, serán 35. O noso esforzo hoxe é formar a formadores de profesores, porque esa figura e os dos titores son o sostén de SEMGal. Non temos capacidade para atender todas as peticións de docentes que temos, pero o noso obxectivo é que SEMGal creza de forma exponencial e que dentro de dous ou tres anos cheguemos aos 100 centros no programa.

«Queremos ampliar a oferta de Robótica á FP básica»

—Non hai volta atrás na innovación?

—En Galicia, que temos unha moi boa educación, estamos vendo que cada vez é máis frecuente. Temos unha enorme vantaxe nesto. Non estarán facendo SEM nos centros, pero si cousas nese camiño. E nós queremos potencialo, por exemplo co primeiro premio de prácticas inclusivas e cun selo de innovación; queremos que os centros que traballan sexan recoñecidos. E nesa liña estamos pensando en ampliar a oferta de Robótica á FP básica, porque pensamos que esta materia pode ter moito éxito con estes rapaces, son tarefas manuais que de seguro lles interesan, e cando a FP básica funciona dá uns resultados fantásticos, recuperas a vida dos rapaces.

Carmen Pomar: «Os alumnos de Maxisterio deben pensar moi ben se queren ser mestres»

Sara Carreira
Carmen Pomar quere que os profesores teñan mellor formación en intelixencia emocional.
Carmen Pomar quere que os profesores teñan mellor formación en intelixencia emocional.

A nova conselleira de Educación aposta pola inclusión de todos os rapaces e a formación docente

Carmen Pomar (Santiago, 1970) cumpre tres meses no cargo de conselleira de Educación, Universidade e FP, un tempo que adicou a coñecer aos axentes, a visitar colexios ?«iso quero seguir facéndoo todas as semanas», di? e analizar os datos. Cun discurso conciliador e dito a velocidade de vertixe, destaca o traballo do seu equipo, que herdou do anterior conselleiro, Román Rodríguez, e recorda que cando chegou xa estaba o curso andando e os presupostos, deseñados.

-Cales son as liñas estratéxicas para a consellería dende o de agora ata o fin da lexislatura, en principio en setembro do 2020?

Seguir leyendo

 

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
10 votos
Comentarios

Carmen Pomar: «A consellería analiza o tema para que ninguén teña que matricularse en Relixión para facer Robótica»