«Ninguén pode queixarse de falta de cartos para un grao novo»

S. C. REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

José Diez de Castro, secretario xeral de Universidades
José Diez de Castro, secretario xeral de Universidades PACO RODRÍGUEZ

José Díez de Castro, secretario xeral de Universidades: «Este verán imos perdirlle os resultados detallados das simultaneidades para facer un balance»

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Díez de Castro, secretario xeral de Universidades, recoñece que hai algúns estudos que aínda non puxeron ao alumno no centro da aprendizaxe como esixe Boloña, e nese sentido espera que as cousas cambien. Non obstante, quitando iso e o dramático descenso poboacional, cre que a universidade galega presenta un expedente de alto nivel.

 -A universidade galega perde alumnos cada ano. 

-Nos vindeiros vinte anos nacerá menos xente e, polo tanto, haberá menos persoas que vaian á universidade. Hai unha premisa: fagamos o que fagamos irá a menos, o único que podemos facer é amortecer a caída. E da bolsa de bacharelato de Galicia saen para todo: FP e universidade. E hai anos que van máis rapaces á FP de grao medio que ao bacharelato. 

-Hai variedade no catálogo de títulos de Galicia?

-Os títulos que van mal irán a peor. Os títulos hainos que equilibrar, porque o alumnado non aparece da nada. Se se matriculan nun grao deixan de facelo noutro. E algúns títulos novos quedan obsoletos en poucos anos, por iso tiñamos e temos moitas titulacións multiplicadas. Agora, cos pactos, hai 14 novos graos en tres anos e acordouse retirar os graos que non funcionaban. Hai moitas situacións moi diferentes en cada campus e en cada título. Nós miramos as tendencias, pero hai que ir amodo.

-Pero o sistema galego vai lento na oferta de novos graos.

-Lento? Depende como se vexa o ritmo. Eu creo que somos dos máis rápidos de España: racionalizamos os mestrados e a adaptación ao doutoramento polo Plan Boloña en oito anos; non o fixo ninguén en España. O noso problema é que temos que consensuar todo coas universidades. Son elas as que teñen que aprobar os novos graos, e calquera cambio que se propoña provoca unha reacción negativa; iso hai que equilibralo todo. Por iso non creo que sexamos lentos, senón ao contrario: non vin algo así en ningunha parte de España.

 «Imos perdirlle os resultados detallados das simultaneidades para facer un balance» 

-Tamén considera suficiente a oferta de dobres graos?

-O que se chama dobre grao non é tal, é unha simultaneidade horaria. Nin sequera figura na memoria de verificación se a titulación vai en dobre grao ou sinxelo. Ao principio nós queriamos impulsar as simultaneidades e algunha universidade era reticente, pero agora hai que frear porque isto non é para todo o mundo. Primeiro, hai que ver que graos poden ser simultáneos, ten que haber unha sinerxía e un valor engadido; por outra banda, estes cinco anos supoñen unha carga moi superior á normal, polo que necesítase de xente bastante capacitada e motivada. Este verán imos pedir ás universidades os resultados detallados das simultaneidades para facer un balance que ata o de agora non se podía facer porque non pasaran os cinco anos e medio que duran os dobres graos.

-Un 10 % dos alumnos galegos marchan a estudar fóra.

-Que a xente marche da universidade galega pasou toda a vida e vai seguir pasando. Non sei se é o 10 % ou canto.

-Pénsase no éxito entre os alumnos cando se pon Bioquímica en Lugo? Porque primeiro ía ser agroforestal, e entón si tiña sentido, pero agora, sendo xeral, parece que Santiago é o seu lugar lóxico.

-Bioquímica sempre foi unha titulación xeral, aínda que terá unha mención agroforestal. Non penso que importe que sexa ou non en Lugo, a xente vai cando a titulación é atractiva, e o exemplo e Enxeñaría Aeroespacial en Ourense. Tamén é certo que o primeiro ano as titulacións non son tan coñecidas e teñen que asentarse. Pero nós non decidimos, non podemos impoñer unha planificación das titulacións.

«Calquera cousa que se necesite para unha nova titulación vaina ter o decano»

-Algún decano quéixase de que a Xunta non quere gastar un euro máis, e que se hai un grao novo hai que pechar outro.

-Esas queixas non valen para hoxe. Hai dez anos talvez si, pero agora hai cartos. Calquera cousa que se necesite para unha nova titulación vaina ter o decano. Hai cartos para equipamentos e profesores. Acaba de comezar o grao de Robótica, que vai gastar un millón de euros en equipamento en catro anos. Ninguén poderá queixarse de que non hai cartos para iso. Ademais, no plan de financiamento o diñeiro da universidade está garantido.

-A oferta de inglés é escasa aínda, e os graos bilingües teñen moito éxito por aí adiante.

-A oferta académica que temos en inglés é dun nivel medio-alto se o comparamos coas outras comunidades, é correcto. E o inglés é fundamental para Galicia, e temos subvencións para que as titulacións con moitas prazas teñan un grupo grande en inglés: pasou en Vigo coas enxeñarías de Telecomunicacións e Tecnoloxías Industriais, que empataron a puntos no concurso que fixemos; en Santiago o ten Química e na UDC, Enxeñaría Informática. Non hai moito alumnado interesado aínda, non sei por que.

-Colaboran as universidades entre elas?

-O grao interuniversitario ten pouco éxito aínda, pero creo que é unha cousa de mentalidade. Xa pasou cos mestrados e agora son cada vez máis habituais os interuniversitarios. Tamén estamos rematando as táboas de convalidación automática entre campus para as carreiras iguais; a semana que vén iso estará pechado, pero hai que ir pouco a pouco.