Este é o desafío que fixo tolear o IES María Casares

La Voz

EDUCACIÓN

Estes son os rapaces do equipo de normalización lingüística do instituto María Casares, os que prepararon o Desafío48H
Estes son os rapaces do equipo de normalización lingüística do instituto María Casares, os que prepararon o Desafío48H Marcos Míguez

O instituto mobiliza os seus alumnos con estratexias de xogo e redes sociais

17 may 2019 . Actualizado a las 17:29 h.

Na era dos challenges nas redes sociais, o profesorado do equipo de dinamización e normalización lingüística do instituto María Casares (Oleiros) decidiu empregar a mesma linguaxe da rapazada e ofrecerlles un desafío: falar en galego durante 48 horas. Prepararon unha campaña de expectación, pura mercadotecnia, e o resultado multiplicou sobradamente o esperado, tal e como explica Xabier Rodó, o coordinador do departamento: «Este instituto está localizado nunha zona castelanfalante, cando non de animadversión cara ao galego. Pensabamos que a nosa proposta sería seguida por uns 20 ou 30 rapaces, pero non foi así: dos 600 que hai no instituto anotáronse case 200, un terzo do centro. Foi toda unha sorpresa».

Os rapaces que participaron na iniciativa levaban a chapa indicativa
Os rapaces que participaron na iniciativa levaban a chapa indicativa

Como o conseguiron? Seguindo as estratexias comerciais. Hai unhas seis semanas, no centro apareceron decenas de notas postas en calquera parte con mensaxes crípticas: «Atréveste? 48H», «Talvez sexas un pioneiro. 48H», «Aceptas o cambio? 48H». Frases sen contexto que os rapaces non eran quen de entender e colocadas en encerados, portas, baños, bancos, pupitres, mesas... Aos poucos días, durante o recreo caeron centos de avións de papel con mensaxes do desafío, e como ninguén sabía de que ía -nin sequera a directora, Ángeles Balseiro, quen recibiu o aviso dun administrativo pensando que se trataba dunha protesta-, ese #Desafío48H converteuse no principal tema de conversa.

Os rapaces tiveron que firmar un compromiso de actuación para estas 48H
Os rapaces tiveron que firmar un compromiso de actuación para estas 48H

Un terzo dos alumnos do centro participan no reto

Finalmente foron uns poucos alumnos escolleitos os que desvelaron o segredo: «Serás quen de falar galego durante 48 horas? Cres que serás capaz?» E a partir de aí o experimento converteuse nun éxito. Uns 200 estudantes firmaron o compromiso por escrito para falar 48 horas nun idioma que coñecen perfectamente pero que nunca practican, nin sequera na casa. Había dous niveis: ProGalego (falar galego todo o tempo no IES) e ProGalegoPlus (usalo en todas as situacións, orais e escritas, dentro e fóra do centro). E o reto é tal que a práctica totalidade dos alumnos elixiron a modalidade Plus. É o que fixo Sara Nogueiras, que estuda 3.º de ESO e pertence ao equipo de normalización; o certo é que na súa casa sorprendeu moito porque nin ela nin seu irmán, tamén estudante no María Casares, anunciaron que estes días ían falar en galego. Das actividades do primeiro día gustoulle especialmente a charla de @aqueleGz, un youtubeiro que lles falou de todo o que poden seguir nas redes e que se fai en galego.

A charla de @aqueleGz, youtubeiro, sobre o que se pode encontrar en música en galego foi unha das actividades máis seguidas
A charla de @aqueleGz, youtubeiro, sobre o que se pode encontrar en música en galego foi unha das actividades máis seguidas
 

Nel Vidal, profesor do departamento de Lingua Galega e novo nas lides da docencia, cualifica a participación dos rapaces como «sorprendentemente entusiasta», porque o están a tomar como un reto. El deu boa conta da iniciativa nas redes sociais, retroalimentando a proposta e facendo dela unha noticia interesante entre a comunidade educativa.

 «Hai un ambiente galegófono estraño no instituto»

Ángeles Balseiro, a directora, sinalaba onte como un rapaz de ascendencia canaria falaba en galego contaxiado polo que Xabier Rodó cualificou como «un ambiente galegófono estraño no instituto», e que se espallou máis aló dos asinantes do compromiso, polo que moitos máis remataron por contaxiarse do espírito das Letras Galegas.

«Agora xa estamos a pensar -recoñecía onte algo preocupado Rodó- que imos facer o vindeiro ano, porque estes rapaces buscan novos retos e este puxo o listón moi alto».