«Non somos gurús»

S. C.

EDUCACIÓN

José Antonio Fraga é profesor nun centro de Ourense
José Antonio Fraga é profesor nun centro de Ourense MIGUEL VILLAR

josé antonio fraga, miembro de Aulablog

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Fraga, @o_fragha nas redes (Celanova, 1968) é un dos membros do Nodo Finisterrae de Aulablog, un colectivo de profesores de toda España que se reúne de cando en vez para compartir experiencias do que fan nas aulas. Non lles gusta nada o protagonismo persoal, pero ás veces é necesario para contar de que va a súa agrupación.

-Son gurús educativos?

-Non o somos. Nós estamos todos nas aulas e gurús son aqueles que levan tempo sen dar clase. O que din o podo ler nun libro e eu necesito outra cousa. Falar cun compañeiro e preguntarlle «ti que fas neste caso?» ou dicirlle a outro «eu fago así, a min resúltame ao mellor a ti non».

-E resulta?

-Si funciona. Eu defendo o AACC (adoptar, adaptar, crear e compartir). Hai moitas cousas que repensar na aula.

-Que cre que non debe faltar na súa clase?

-O traballo por proxectos. Iso supón máis ca tecnoloxía para min. Esixe traballar en equipo, avaliar o seu traballo, recibir axuda (que a moitos rapaces lles resulta difícil) e axudar a saber.

-Falando de avaliar, que lle parece que os rapaces poidan avaliar aos profesores?

-Hoxe hai que respectar a un rapaz de secundaria, oír a súa opinión. Non hai alternativa, non pode ser todo imperativo. Un rapaz ten que vir contento ao colexio e saír do colexio contento.

-Ten actividades pedindo aos rapaces a súa opinión?

-O venres escriben un folio coas cinco cosas que aprenderon na semana. Ás veces, o que eu lle dediquei dous ou tres días só o destacan o 10% dos rapaces e o resto nomea outra cousa que eu case nin me parei. Outras veces lles digo que poñan o que non lles gustou, e nos exames lles fago unha pregunta máis: «Que máis aprendiches?» e é un exercicio moi interesante.

-Para os rapaces é estupendo poder contar o que queiran?

-O rapaz ten que ser protagonista da súa educación, porque vai ter que aprender toda a vida, e por iso é moi importante que lle guste aprender. Non se pode castigar os fallos.

-Os profesores galegos son moi activos?

-Hai moitos pero non somos un grupo unido. Está nacendo o @Grupo10Ensino, a ver se lle damos un pulo porque o primeiro trimestre sempre é moi complicado e non hai tempo.

-Que podería facer a Xunta?

-Escoitar máis aos profesores, incluír a formación no horario docente. Necesitamos máis profesores. Unha ratio de menos de 25 alumnos está ben, pero eu prefiro ter un compañeiro na aula, mellor se é de artística o música.