«É agradable aprender moitas formas de facer o pan que inflúen no sabor»

A subcampeona de España de Panadaría estuda o último ano no CIFP Compostela e antes fixo o ciclo de Cociña

.

santiago / la voz

Moitos meses de esforzo, con xornadas entre as 9.00 e as 22.30 horas, para preparar as finais galegas e española das respectivas Olimpíadas de Panadaría, tiveron como premio para Alba Triñanes dúas medallas. É de Boiro, ten 21 anos e estuda no Centro Integrado de FP Compostela, onde fixo o ciclo medio de Cociña e está próxima a finalizar o de Panadaría, Repostaría e Confeitaría.

-¿Como é que estuda Panadaría?

-Desde moi nova, sempre me sentín atraída polas masas na cociña; e tamén influíu que o meu irmán traballa en hostalería.

-Estuda Panadaría, Repostaría e Confeitaría, ¿que prefire?

-Todo ten interese. Dediquei máis esforzos os últimos meses a Panadaría, e é agradable aprender moitas formas de facer o pan, que inflúen no sabor e na conservación.

-¿Que inflúe para un bo pan?

-O que se emprega para a súa elaboración e como se fai. Depende de se usas fermentos naturais, masas nais ou fariñas de muíño de pedra, por exemplo; ou o tempo de fermentación.

-¿Temos aquí bo pan?

-Si, en Galicia hai moi bo pan e mesmo se traballa nunha denominación de orixe. A hidratación é o que fai que sexan diferentes o de Cea ou o de Carballo.

-¿O pan engorda?

-Todo engorda, se te pasas. Hai que seguir unha boa dieta. Eu levo todo o curso comendo pan e penso que aínda perdín peso.

-¿E cal é o seu doce preferido?

-Non sabería dicir. Todo o que leve chocolate é do meu gusto.

-¿O que estuda no ciclo de Panadería serviu para as Olimpíadas?

-Si, totalmente. Antes de estudar elaboraba masas de follado, que compraba feitas. Agora sei como se fan, e gusto de probar e improvisar. En Madrid, unha das bolarías de masa de follado da Olimpíada española nunca a fixera antes. Partín da fórmula que aprendín no ciclo e saíu moi ben.

-¿Está satisfeita destas dúas Olimpíadas?

-Para min foi mellor a Olimpíada galega que a española. En Madrid reduciron a competición, de 24 a 12 horas, e houbo outras mudanzas na competición, que non me favoreceron. Houbo momentos duros, sobre todo por non saber como influirían as modificacións nas normas que se fixeron alí mesmo, durante a proba.

-¿Como foi a proba de Madrid?

-Para facer o pan, por exemplo, estiven condicionada polo tipo de fariña, moi diferente da de aquí. Unha parte da proba consistía en facer un pan tradicional. Outra era facer catro tipos de pan, dous deles relacionados co mundo do mar. E fixen unha concha de vieira, cun recheo de ovas de ourizo, e unha caracola de mar con algas, e dous de elección libre, e escollín un de sementes e unha flor de queixo. E tamén diferentes tipos de bolaría. Todo sen molde, feito a man. E todos os produtos que se facían debían ser comestibles. Non permitían tampouco azucres para as decoracións.

-¿Como valora a experiencia?

-Moi ben. Nunca esquecerei o apoio do CIFP Compostela e a enorme dedicación que tivo comigo a profesora Luísa Fontela, e que me ofrecesen estas oportunidades. E tamén os compañeiros, que sempre me apoiaron e non lles importou que moitas veces me prestasen máis atención.

-¿En que futuro pensa, ao finalizar os estudos de FP?

-Non teño unha idea fixa. Penso comezar no mundo laboral, sen esquecer a formación, pois sempre saen cousas novas. Non me importaría saír fóra para aprender, porque non son o mesmo o pan de Galicia, Cantabria, Madrid Francia ou outros. Estou aberta a aproveitar oportunidades. E no futuro tamén me interesaría traballar no ensino.

Alumna e profesora. Alba Triñanes Dieste está no último curso do ciclo medio de Panadaría, Confeitaría e Repostaría no CIFP Compostela. A súa profesora María Luísa Fontela foi quen a preparou para as Olimpíadas galega e española de Panadaría.

Os premios. Gañou a medalla de ouro na Olimpíada galega, en Silleda; e a de prata, o sábado día 4, na española, en Madrid.

Votación
0 votos
Comentarios

«É agradable aprender moitas formas de facer o pan que inflúen no sabor»