Non dar clase

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

06 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada día é maior o número de docentes que queren fuxir da aula. Buscan unha redución das horas de clase, ou ben outras actividades diferentes ao ensino presencial. A pesar de que os profesionais da educación do noso país son dos mellor retribuídos da UE e teñen un dos números máis baixos de alumnos por aula, estanse a converter en rara avis os profesores que se atopan satisfeitos no estreito contacto cos seus alumnos e que non teñen inconveniente en pasar o maior tempo posible con eles. Non hai tantos anos, isto era o normal, pois impartir o máximo número de horas de clase considerábase inherente a esta actividade profesional, e todo o demais, como burocracia, funcións directivas ou diversos cargos, secundario.

Por que temos chegado a esta situación? Hai varias razóns, pero voume centrar en tres. En primeiro lugar, o absoluto divorcio entre familia e escola. Os pais non só non apoian ao mestre, senón que, á mínima, formalizan unha denuncia, por non estar de acordo coas cualificacións dos fillos, por exceso de disciplina ou mesmo por non saber ensinarlles como é debido. A presión chega a ser tan forte, que moitos e o que é peor, moi bos docentes, acaban tirando a toalla, cansos de que se lles esixa conseguir na aula o que non se practica nos fogares. Aínda que pareza mentira, canto máis se esforza e traballa un mestre cos seus alumnos, máis probabilidades ten hoxe en día de ter problemas coa familia.

En segundo lugar, o que está máis recoñecido e retribuído non é a docencia, senón todo o demais. Os cargos ou a participación en programas de innovación teñen compensacións económicas e/ou reducións horarias, aínda que coa crise se teñan reducido. Nos concursos de traslados ou de méritos o que interesa especialmente son eses postos, cursos de formación ou publicacións. No ámbito universitario, os tan ansiados sexenios ou cartos extra, tampouco se atopan na aula. Cando se vai valorar realmente o auténtico labor docente?

Por último, a tolemia burocrática na que estamos inmersos é tal que cada día fai falta máis xente para cubrir papeis, real e virtualmente. As novas tecnoloxías, en vez de reducir a carga administrativa, como era de esperar, viñeron a incrementala. Non fai falta máis que ver a inxente cantidade de papel que se está malgastando na impresión, moitas veces innecesaria, de documentos. Os proxectos, plans, programacións, medidas, regulamentos ou avaliacións, non deixan de medrar, mentres o verdadeiro forno da educación, a aula de clase, segue sen recibir a atención prioritaria que merece. Non é de estrañar, xa que logo, que os resultados académicos dos alumnos e a súa motivación deixen moito que desexar e, aínda que temos mellorado, sigamos estando mal situados en relación cos países veciños.