«Unha fortaleza do centro é a boa relación con empresas»

EDUCACIÓN

O próximo curso van potenciar a formación en idiomas e a incorporación de novas tecnoloxías para os estudos de FP

16 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES As Fontiñas prevé manter o próximo curso 51 docentes e máis de 500 estudantes. Neste centro «os bacharelatos Científico-tecnolóxico e de Humanidades e ciencias sociais supoñen un 30 %, e a maiores está a oferta de formación profesional, cun 40 % para os ciclos da familia de Administración e un 30 % os de edificación e obra civil. Ter docentes e alumnado de bacharelato é un riqueza en moitos aspectos e favorece que haxa un ambiente moi preuniversitario», afirma José Antonio Sumai, o seu novo director. No curso 2016-2017 conmemoran o vintecinco aniversario.

-Releva a un dos directores máis veteranos da cidade, ¿como é o cambio?

-Son o terceiro director da historia do centro, aínda que todo o equipo directivo é novo, con docentes que xa exercían aquí. Juan Hombre estivo máis de 20 anos na dirección, e continúa con nós como docente.

-¿Vén alumnado a bacharelato coa intención de facer despois ciclos de FP neste instituto?

-O centro ofrece a posibilidade de que parte do alumnado poda continuar estudos. Hai estudantes de bacharelatos que ao acabar escollen algún ciclo; ou que finalizan un ciclo e logo fan outro da mesma familia, ou da outra; porque para un titulado de Edificación pode ser tamén valioso un ciclo de Administración.

-¿Que é máis prioritario para o novo equipo directivo?

-Unha das nosas preocupacións é potenciar a área de idiomas, cun novo laboratorio, que xa se está a acondicionar cun investimento importante. Queremos ampliar a oferta actual de inglés e francés. É interesante para o bacharelato, e tamén para a FP, porque participamos en proxectos europeos, e desde hai anos un grupo de estudantes vai facer prácticas en empresas de Malta, Alemaña e Bélxica.

-¿Como resultan esas prácticas nas empresas estranxeiras?

-Resultan ben. Hai estudantes que se instalaron para traballar no país onde fixeron as prácticas. É pena que non encontren traballo aquí e que se vaian, mais iso proba tamén como o ensino que ofrecemos está a nivel internacional.

-¿E teñen aquí demanda?

-Unha fortaleza do noso centro é a boa relación con empresas da zona, que en ocasións nos preguntan se hai alumnado que poda ser candidato para un emprego. A pesar da crise, os ciclos da construción notaron menos o desemprego que os de outras familias de FP. Incorporaremos novas tecnoloxías para eses ciclos, e continuaremos coa participación en concursos, programas europeos ou proxectos de investigación; iniciativas que buscan o beneficio do alumnado.