O xadrez na escola

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

17 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco a pouco o xadrez vai conseguindo facerse un oco no sistema educativo. A Universidade de Vigo será pioneira o próximo curso na convocatoria do primeiro máster nesta disciplina e a Xunta ten previsto ofertala como materia de libre configuración na ESO. Gobernos, Parlamentos e diversas institucións de ámbito europeo, estatal e autonómico, veñen levando a cabo iniciativas para potenciar a implantación deste xogo nas aulas. En Galicia temos xa unha longa tradición neste sentido, pero principalmente como actividade extraescolar. Coa inclusión do xadrez nos currículos oficiais, daríase un paso moi importante que nos achegaría a países veciños nos que incluso chega a ser disciplina obrigatoria. En Alemaña, por exemplo, unha das horas semanais de Matemáticas dedícase a este xogo, o que permite mellorar notablemente o rendemento do estudante nesta materia.

Son varias as capacidades do alumno que se benefician coa práctica do xadrez: razoamento lóxico-matemático, memoria, imaxinación, orientación espacial e incluso a maduración da lectoescritura. Por iso é recomendable que os nenos aprendan a xogar xa nos primeiros anos do ensino primario. Ningún xogo resulta ser unha ferramenta pedagóxica tan eficaz e accesible, pois taboleiros e pezas son baratos e doados de utilizar en calquera espazo.

Contribúe tamén o xadrez á formación do carácter polas súas connotacións de rigor e exactitude. O autocontrol, a análise profunda e serea das xogadas e ter que responsabilizarse das consecuencias dos propios movementos, van conformando unhas actitudes e hábitos de comportamento moi útiles na vida, dentro e fóra da aula. Saber que unha vez movida a peza non hai marcha atrás é un bo antídoto contra a irreflexión. Ter que concentrarse de xeito sostido no xogo, o é contra a dispersión mental, tan frecuente hoxe nos rapaces. Respectar as súas regras rigorosas o é, en fin, contra a tendencia destes a saltarse as normas establecidas.

Como deporte que é tamén, no ámbito da competición, o xadrez ensina a saber perder, fomentando no alumno un espírito deportivo e afán de superación, que melloran a tolerancia ás frustracións, outro dos puntos débiles da educación, especialmente na familia. É unha boa práctica para sobrepoñerse ás situacións adversas e evitar caer facilmente no desánimo. Sexa benvido, xa que logo, o auxe do xadrez, e esperemos que cada día se practique máis nos centros docentes promovendo ademais das referidas virtudes pedagóxicas, o descanso por un tempo dos omnipresentes móbiles.