As tres universidades da vida

Bieito Ledo e Agustín Madarnás, alumno e mestre


OURENSE / LA VOZ

Nin a Universidade de Valencia nin a Complutense nin a de Roma deixaron no editor Bieito Ledo a pegada que si imprimiron as que el recoñece como as súas auténticas universidades: a aldea de Padroso, en Xunqueira de Ambía; o Seminario diocesano de Ourense e a editorial Galaxia, onde, sendo director xerente, achegouse ó sentir dos vellos galeguistas.

No Seminario recibiu formación, educación e vocación. O crego que durante uns anos foi Bieito Ledo, alá pola fronteira dos 60 e os 70, escolle a Catedral de Ourense para a cita cun vello e admirado profesor, Agustín Madarnás, porque «o noso pasado é a Igrexa».

Madarnás, que enseñorea a súa memoria e o seu saber sobre as limitacións da saúde e dos seus 84 anos, deulle a Bieito -daquela Benito, claro- clases de Latín e de Preceptiva literaria. Aquelas exposicións sobre técnicas de escritura e as frecuentes prácticas de redacción «méteronlle o virus de escritor a Carlos Casares», comenta o seu compañeiro de estudos para salientar a calidade docente de Madarnás.

«Recórdoos perfectamente aínda que eran moitos alumnos -asegura o vello profesor-. Tiñamos unha gran esixencia de estudo, traballabamos moito con moi pouquiños medios. En xeral, con todos os alumnos seguín mantendo relación, pero co Bieito tiven unha relación moito máis fluída despois, máis que con outros. A estes alumnos eu teño que agradecerlles o que me fixeron traballar a min para preparar as clases. Había xente moi boa, pero o importante era o grupo, máis que as individualidades; o ambiente de estudo, de grupo, o compañeirismo... Había traballo de equipo e o equipo era toda a clase».

Bieito, que reclama contextualización histórica e social para unha xusta comprensión daquel Seminario dos anos 60, lembra as aulas con tarima -«penso que foi un inmenso erro pedagóxico sacalas»- e a figura de D. Agustín entrando na clase, con sotana, e gardando un solemne silencio ata conseguir captar a atención de todos os alumnos: «Non había o colegueo que hai agora co profesor. Había un respeto enorme, ás veces moi esaxerado, pero había profesores que eran cordiais e sabían exercer a profesión do magister».

Mestres con pouso

Entre eles, o propio Madarnás, Francisco Botana Blanco, José Gómez López e Eladio Garrido, de matemáticas. «Eu onde sacaba mellores notas era en matemáticas, 9 e 10 sen estudar, era por intuición. Eladio era un profesor extraordinario, dos que che deixan un pouso». No mundo das letras do que despois fixo oficio -libreiro, editor, animador cultural...-, Ledo asegura que «nunca sobresaín, tampouco nos idiomas. Eu sobresaía pola intelixencia emotiva». O profesor asinte no da intelixencia intuitiva e lembra a pegada que nel mesmo deixaron outros vellos mestres, como D. José Álvarez, o da súa aldea de Vilardevacas (Cartelle), que foi serrador e músico antes que docente e que explicaba no río os conceptos de bioloxía e ciencias naturais. Quizais daquel espírito obtivo Agustín Madarnás unha capacidade admirada polo alumno: «Ten a gran virtude de crear escola, de crear grupo, empatía».

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
8 votos

As tres universidades da vida