«A EXB ten un carácter histórico e xa demanda un lugar no museo»

O centro, que depende de Educación, é un buque insignia en España

Emilio, nunha das aulas que recrean as distintas etapas educativas na comunidade<span lang= es-es >. </span>
Emilio, nunha das aulas que recrean as distintas etapas educativas na comunidade.

santiago / la voz

Emilio Castro (Ferrol, 1954), é o responsable do Museo Pedagóxico de Galicia dende xa fai un tempo, aínda que de momento en funcións. Os dous mil metros cadrados que ocupa este centro no barrio de San Lázaro albergan a historia dun dos patrimonios máis ricos de todo pobo que se prece, o da educación, dende as escolas de ferrado ata as aulas franquistas.

-¿Cantos rapaces pasan anualmente polo museo?

-Uns dez mil, este ano houbo un pequeno retroceso porque algún centro de primaria declinou facer actividades extraordinaria polo aumento da xornada lectiva, pero aumentaron as visitas dos centros de terceira idade. Aquí veñen dende os máis pequenos ata o ensino universitario, vinculado iso si a estudios de ciencias da educación.

-¿Hai xa unha rede de museos en España?

-Non como tal, pero si hai un número importante de museos que con diferentes nomes teñen a mesma filosofía e contidos.

-¿E o galego como se posiciona?

-Recoñécese ao Mupega como o buque insignia dos museos de educación en canto a que temos quizais o maior número de pezas desde que se inaugurou no 2004, unhas 40.000.

-¿Hai moitas doazóns novas?

-Houbo moitas incorporacións de persoas a nivel individual. Os fondos que nos recollemos proceden das escolas que se foron pechando a partir de 1970 coas concentracións escolares. De aí ven o noso fondo patrimonial maioritario, das escolas que foron pechando por defunción. Por iso agradecemos moito este outro material íntimo e familiar que nos van ofrecendo as persoas que veñen de visita, os cadernos, catecismos, cabás, pizarriñas, porque adoeciamos dese material nun principio.

-¿Hai diferenza en como os nenos e os maiores ven o museo?

-Para os escolares temos programas diferenciados. Hai programas específicos cos xogos tradicionais galegos, porque un dos distintivos deste museo é que consideramos moi importante a recuperación do xogo e do xoguete tradicional. Co cadro da escola de Doloriñas, unha xoia da pintura galega dos anos 40, recreamos unha escola típica de Galicia. No caso dos rapaces de secundaria facemos énfase no ensino secundario, xa que temos unha rede cos primeiros seis institutos históricos de Galicia do século XIX. Agora fálase da gratuidade da educación, pero no XIX os institutos públicos sobrevivían grazas ás matrículas, ás aportacións das deputacións provinciais, á venda dalgunha memoria dos catedráticos, e ás permanencias que se daban, clases suplementarias polas tardes. Era un ensino non gratuíto e selectivo.

-¿Que proxectos ten o museo?

-Entre outros, incardinarnos nun programa de xestión museográfica que se chama domus; facer a asociación de amigos do Mupega; volver a visibilizarnos fora; establecer acordos de colaboración coas universidades galegas; ou recoller xa os fondos patrimoniais que corresponden á escola da democracia, porque xa forma parte da historia, a EXB ten un carácter histórico que demanda a súa musealización, un lugar no museo.

emilio castro fustes director en funcións do mupega

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
1 votos

«A EXB ten un carácter histórico e xa demanda un lugar no museo»