A Universidade de Santiago contou 4.200 asasinatos entre 1936 e 1939
28 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 presenta hoxe, no Marco a partir das 19.30 horas, a xeografía da represión en Galicia (1936-1939), parte do proxecto Nomes e voces, no que participaron os historiadores Lourenzo Fernández Prieto, Dionisio Pereira e Chus Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela.
-¿Cal é o marco deste mapa?
-Parte dun convenio co Ministerio de Xustiza, e quixemos desenvolver a terceira parte do proxecto Nomes e voces. Este partía coa confección dunha base de datos dos represaliados polo franquismo en territorio galego, entre 1936-39, que temos agora en torno aos 14.000 rexistros. O segundo obxectivo era facer entrevistas a persoas obxecto de represión ou ás súas familias, e agora superan as 500. Por último, quedaban os lugares. Queríamos facer unha relación de lugares de morte e de enterramento.
-¿Non coinciden os lugares de enterramento e de morte?
-Non. Nos enterramentos distínguense as fosas en campo aberto e os cemiterios. Nas primeiras hai gran diferenza respecto ao resto do Estado. Aquí hai documentadas 26 e con pouca xente inhumada, en torno as 80 persoas. A máis grande de que temos noticia é a que estaba á beira do cemiterio de Mos, con 22 persoas inhumadas en varios momentos. Pero é que nas Pozas de Caudé, en Teruel, hai centenares de persoas; e en Oviedo hai máis de 700 persoas.
-¿Que significa iso?
-Galicia estaba lonxe da fronte de guerra. Tamén a dispersión da poboación é importante porque fai que haxa máis cemiterios que en Castela. Aquí, foi moito máis normal deixar os cadáveres preto dun cemiterio que se acaban soterrando dentro, se o acordaba o párroco, ou fóra, soterrados, coma se dicía antes, coma os porcos.
-¿Hai zonas máis destacadas?
-O litoral é con moito onde maior represión houbo, concretamente as contornas das cidades de Ferrol, A Coruña e Vigo. Que tamén se podería incrementar coa inclusión da zona do Baixo Miño.
-¿Teñen porcentaxes dos mortos paralegais?
-Dos 14.000 represaliados temos documentada a morte de 4.200 en territorio galego entre 1936 e 1939. A terceira parte destes foi mediante execución dun consello de guerra ou aplicación inmediata dos bandos de guerra, é dicir, mediante a legalidade que os propios golpistas implementaron. O resto son desaparecidos, os que morren nas cadeas e campos de concentración, as vítimas dos malos tratos durante unha detención, as vítimas das confrontacións armadas dos primeiros días da guerra (unhas cen persoas ata o 30 de xullo do 36), e, o que é máis importante, o resultante da represión paralegal. Esta represión tivo lugar no 80% do territorio galego, o cal dá idea do efecto multiplicador do terror nunha xeografía de poboamento disperso coma é Galicia.
-¿Onde se pode obter esa información?
-O resultado pódese ver na páxina web de Nomes e voces, onde hai un apartado dedicado a xeografía da represión.
-¿Cal é o lugar de Vigo máis representativo da represión?
-Eu diría que é Pereiró. Alberga un mínimo de 343 persoas soterradas relacionadas coa represión. Aquí si coincide o lugar de enterramento co de morte, como no cemiterio de Puxeiros ou o de Lavadores.