Ence, futuro despexado

Jacobo Feijoo PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN FORESTAL GALEGA

ECONOMÍA

Vista de la factoría de ENCE en Lourizán, en la ría de Pontevedra
Vista de la factoría de ENCE en Lourizán, en la ría de Pontevedra CAPOTILLO

08 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A sentenza do Tribunal Supremo do día de onte vén de despexar, dun xeito que xa parece definitivo, a continuidade da fábrica de Ence nos terreos de dominio público marítimo terrestre de Lourizán. Non cabe senón felicitar a toda a plantilla, especialmente aos comités de empresa, que nunca baixaron os brazos ante os continuos reveses, e que en boa medida souberon gañarse un gran apoio social en Pontevedra e comarca, onde nunca lles faltaron mostras de apoio e simpatía pola súa causa. Defendendo que era difícil imaxinar un destino máis lóxico, nin tampouco máis social, a unhas 17 hectáreas dun terreo público, que ser soporte de 400 empregos directos, e case que 5.100 indirectos en toda Galicia. Toda vez que hai décadas que o proceso produtivo de Ence mudou cara a produción de pasta ECF, ou libre de efluentes, e se someteu a monitorización ambiental continua, impulsada polo mercado e pola lexislación da UE.

No que atinxe á propiedade forestal, a permanencia dunha fábrica de proximidade, con capacidade para transformar o 20 % da madeira producida en Galicia, apuntala o valor do prezo da madeira ao propietario. Garante actividade no medio rural, nos postos de traballo vencellados ao monte, aos aproveitamentos forestais, produción de planta e mellora e mantemento das plantacións, e tamén na prevención de incendios. Pois non esquezamos que pese ás posverdades caídas sobre os eucalyptus, os datos son tozudos: de cada 100 hectáreas que arden en Galicia nas últimas dúas décadas, 88 non son desta especie. Sendo ademais un feito que é a que máis CO2 capta.

Dous millóns de toneladas de madeira producida nos nosos montes van poder ser transformadas en Galicia, deixando aquí o emprego, o valor engadido e as cotizacións sociais. Despéxase a posibilidade de repensar e plantexar proxectos industriais que poderán dar máis valor engadido e máis empregos á transformación da nosa madeira, nun momento moi interesante pola dispoñibilidade de fondos Next Generation para investimentos innovadores en áreas da economía circular e da descarbonización, aspectos ambos intrínsecos da actividade forestal e da transformación da madeira.

Non queda senón felicitar a todas as familias que viñan dependendo para o seu sustento da permanencia da fábrica en Lourizán, que tanta incerteza pasaron, tanto os traballadores directos como as empresas de mantemento, subministros e servizos, transportistas, porto de Marín e autónomos, e recoller a palabra dada onte pola empresa, por medio do seu presidente, Ignacio de Colmenares, quen prometía profundizar nos compromisos sociais e medioambientais, e tendía a man aos colectivos que viñan sendo máis belixerantes coa presenza da fábrica en Lourizán. Para iniciar así un novo tempo de diálogo e de entendemento dentro dun marco construtivo cara o futuro. Con 60 anos por diante despexados para traballar, e polo ben de todos, desexamos que así sexa.