Paula Uría: «A situación cos prazos dos fondos Next Generation é moi crítica»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

MALENA FERNÁNDEZ

A secretaria xeral de Industria di que a Xunta advertiu ao Goberno dos problemas da transición enerxética

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Paula Uría Traba é enxeñeira industrial especialista en enerxía pola Escola Politécnica Superior de Ferrol, onde naceu en 1975, e máster en Enerxías Renovables pola Universidade de Cádiz. Tras distintas responsabilidades na Xunta, foi nomeada directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais no 2020. O pasado 9 de xuño, Alfonso Rueda anunciou que lle ía confiar un novo departamento creado trala súa chegada á presidencia, a Secretaría Xeral de Industria, unha peza clave en plena transición enerxética e ante os peches das centrais térmicas e de plantas electrointensivas.

—Para que é necesaria esta nova secretaría xeral?

—Hai necesidade dun órgano directivo que desenvolva, coordine e promova a implantación de proxectos industriais tractores, que atraian investimentos, xeren emprego e dinamicen pequenos proxectos desenvoltos por pemes. No contexto que marca Europa cos fondos Next Generation afloraron iniciativas empresarias maduras. O sector empresarial leva moitos meses traballando con esa visión, e agora estamos á espera de que o Goberno central vaia xestionando eses fondos. Pretendemos captar investimentos e que iso se blinde no territorio con pegada industrial e xeración de emprego.

—É posible implantar industria coa enerxía nestes prezos?

—Estamos nun contexto agravado pola invasión rusa de Ucraína, pero dende hai meses ou anos víñase vendo que ía pasar. Estivéronse tomando decisións de transición enerxética, sobre todo en España, sen ter tecnoloxía de respaldo que asegurase o subministro. Iso tensa os mercados e fai que o custe enerxético aumente. As decisións do Goberno central dende hai tres anos foron moi de tirar cara adiante cando non hai tecnoloxía que substitúa. Nós dixemos que non se podía desconectar antes de contar coa tecnoloxía de respaldo, porque é preciso asegurar o subministro a un prezo competitivo. Agora estase demostrando que era así, con esta tensión xeopolítica marcando sobre todo o mercado do gas. A Unión Europea está pensando en dar axudas ao carbón, mais é moi importante insistir nas renovables e todos estamos de acordo en que hai que chegar a un novo mix enerxético, pero mentres non se acade un prezo competitivo é preciso que todas as tecnoloxías estean en funcionamento para lograr unha transición real.

—Que pode ofertar Galicia aos inversores que outros non teñen?

—En Galicia hai un Goberno estable que aposta pola industria e por todo o que ten que ver con reducir trámites e acompañar iniciativas. Temos a Oficina Galicia Empresa para estudar xunto a eses inversores a implantación de proxectos, que foi moi ben acollida. E ademais temos enriba da mesa unha lei de simplificación administrativa que é clave neste momento. Os inversores precisan todas as axudas, pero tamén seguridade e certezas. O Goberno galego aposta por ese camiño de simplificar e axilizar, e de aí tamén a creación desta secretaría xeral.

—Falaba dos Next Generation, o Goberno aínda non confirmou os proxectos que propuxo Galicia.

—Estamos bastante preocupados por como se están a xestionar os fondos. Consideramos, e así se lle ten trasladado ao Goberno nos diferentes foros convocados, que necesitamos unha cogobernanza real e efectiva. Cada territorio coñece as súas necesidades. Se existira unha cogobernanza real co ministerio e puidéramos traballar xuntos sería máis doado que os fondos chegasen ao tecido empresarial.

—De que prazo falamos?

—O compromiso do plan de recuperación do Goberno é que o gasto ten que estar comprometido no 2023, que é dentro de dous días, e moitos destes fondos non están nin sequera convocados. Agora mesmo a situación cos prazos é moi crítica. Dende o Goberno central anuncian Pertes [proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica], pero non convocan as ordes das axudas, co cal non se poden solicitar os proxectos a esas axudas. A Unión Europea ten uns prazos moi firmes e marcados que agora mesmo son críticos para o desenvolvemento de proxectos e para facer real en Galicia e noutras rexións a oportunidade dos Next Generation.

«Os eólicos facilitan prezos competitivos para a industria»

As pequenas e medianas empresas, segundo a opinión de Paula Uría, deben ser as impulsoras dos novos grandes proxectos.

—Onde haberá oportunidades?

—As TIC, a innovación, a dixitalización, a eficiencia enerxética, a sostibilidade ou a economía circular son parámetros claves para o reforzo das empresas. E existen proxectos tractores que van arrastrar fortes cadeas de valor. No hidróxeno verde hai iniciativas empresariais firmes que van xerar unha pegada industrial importante nos compoñentes. Temos a eólica mariña, que é unha industria intensiva, pero levará ligado un desenvolvemento nas auxiliares moi importante se chega a crecer segundo o previsto. Temos loxística, industria, portos e profesionais con capacidade e talento, e vaise traballar moito na formación de novas capacidades para que se adapten.

—O conselleiro de Educación anunciou hai uns días unha FP máis próxima á industria.

—O obxectivo é achegar a formación ao tecido empresarial, e que as necesidades das empresas estean reflectidas nela. Nesa liña tamén a conselleira de Emprego presentou a axenda de novas capacidades. A meta é que o tecido empresarial e a formación estean coordinados, de xeito que aquel que se forma atope emprego, e que quen precise un empregado, tamén dea con el.

—Hai críticas aos eólicos, seguen a ser estratéxicos para Galicia?

—É un sector estratéxico, tanto a eólica terrestre como a mariña, sempre que poida coexistir co sector pesqueiro. Os eólicos facilitan prezos competitivos para a industria. Recentemente foi anunciado un contrato de longa duración nunha empresa clave para a comarca da Coruña, Showa Denko, grazas a unha iniciativa eólica. Así, os promotores teñen que desenvolver ben os proxectos e teñen que explicalos localmente, de xeito que os concellos e a veciñanza perciban que a instalación ten unha repercusión certamente beneficiosa.

«Hai que apostar polo biometano ou o hidróxeno verde, non chega solo con electrificar»

A secretaria xeral subliña a necesidade de investir rápido nas zonas que perderon industria para evitar a perda de cualificación.

—Cal é a marxe nas zonas onde pecharon as térmicas ou Alcoa?

—Nas zonas máis afectadas, As Pontes, Ferrolterra ou Meirama, estase a traballar en proxectos alternativos, con formación ad hoc para os profesionais. A planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP, a de pneumáticos de Sentury, o acordo de Navantia, Siemens e Repsol para fabricar electrolizadores ou o plan de Ence para As Pontes. O que pretendemos é que eses proxectos sexan realidade e teñamos unha transición real e sen perda de emprego cando se produza a desconexión da central térmica.

—Imaxino que se o paréntese entre peche e apertura é longo a reactivación será máis difícil.

—Claro, é ademais a central de Endesa investiu 200 millóns para cumprir a norma europea. Por iso nunca se entendeu que se acelerara a autorización de peche. É unha batería para o subministro nacional de 1.400 megavatios, que é unha tecnoloxía de respaldo importante. Hai que ir cara a descarbonización e as renovables, si, todos estamos de acordo en que é preciso un novo mix. Pero, mentres non estea, non se pode prescindir doutras tecnoloxías, como ocorre coa nuclear nos territorios onde existe, porque pode haber un problema grave de subministro.

—De ocorrer, ten Galicia plans específicos para a situación?

—Galicia non está illada no sistema enerxético. O plan de continxencia depende do Goberno central e da UE, que xa fixo recomendacións. España ten características de interdependencia enerxética co resto da UE. Non está illada aínda que se fale da excepción ibérica. Non é real. Temos plantas de regasificación que agora hai que ver de onde pode chegar o subministro. Estamos nun contexto no que temos que apostar polas novas tecnoloxías, por biocombustibles e gases renovables como o hidróxeno verde ou o biometano, porque non chega solo con electrificar. Pero no Goberno central non percibimos outra aposta. E hai moitos sectores industrias que non se poden electrificar, que son calorintensivos. A neutralidade tecnolóxica é importante. Hai que aproveitar a tecnoloxía existente e investir no desenvolvemento de tecnoloxías que están chamadas a entrar no novo modelo enerxético. É un traballo que se ten que facer, e en Galicia, no que nos corresponda, imos facelo.