As petroleiras absorberon a metade da bonificación á gasolina dende abril
17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O sector da loxística galega vive pendente dos monolitos das gasolineiras. Dende o inicio da invasión de Ucraína, os prezos dos carburantes medraron ata límites endexamais vistos en España. Dende entón, e aínda que o crú pisou o freo nos mercados internacionais, esa moderación non se trasladou nin aos petos dos camioneiros nin dos particulares. Gasolina e diésel non baixan dos 1,8 euros o litro de media en Galicia.
Os prezos mínimos enquistáronse nesa liña vermella poñendo contra ás cordas a moitos profesionais das estradas: «O gasóil págase dous meses antes de prestar o servizo. Coas marxes tan pequenas coas que traballa o sector, iso supón un problema para a tesourería das empresas, que tiveron que subir as tarifas nas últimas semanas», advirte o xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Iago Domínguez. Para encher hoxe un depósito de 55 litros de gasolina hai que pagar 106,26 euros de media, segundo o Portal de Hidrocarburos do Ministerio para la Transición Ecológica. Dous menos se é de diésel. Son prezos que levantan sospeitas no sector: «Temos serias dúbidas de que a axuda dos 20 céntimos por litro chegue verdadeiramente a quen é obxecto da bonificación. Sorpréndenos que os prezos fiquen por riba da media europea porque antes non era así. Se o desconto desaparece en xuño, a situación será insostible», denuncia. Queren que as autoridades investiguen se as distribuidoras están absorbendo ese desconto. De ser así, a ministra de Economía, Nadia Calviño, ameazou con retirar a axuda. Os datos indican que, desde a entrada en vigor da medida, as petroleiras xa absorberon a metade da bonificación á gasolina.
O certo é que as custos non deixan de medrar e o protagonismo é dos carburantes. As facturas de diésel e gasolina supuñan entre o 30 e o 35 % do total dos custos para os transportistas, pero esa porcentaxe acadou xa entre o 40 e o 50 %, segundo Domínguez, quen anticipa problemas para toda a economía galega se a situación perdura. «Somos máis dependentes do transporte para sacar as mercadorías de Galicia. O facemos a un custo moi superior que o das empresas que están preto dos centros de consumo», explica.
Como axustar os custos? As compañías de loxística optan por subir tarifas e optimizar gastos: «Un camión que antes saía ao 80 %, hoxe agarda ata ter cheo o 95 % da súa capacidade», aclara Domínguez.
Gasolineiras en apuros
As empresas de loxística apuntan co dedo ás gasolineiras, e estas negan estar detrás das subidas: «Baixamos as nosas marxes estes meses», apunta o presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), Julio López. De feito, os propietarios quéixanse de que moitas nin tan sequera recibiron da Administración os cartos que tiveron que adiantar en abril para sufragar o desconto de 20 céntimos aos seus clientes. Segundo os seus cálculos, seis de cada dez pequenas estacións de servizo agardan en Galicia polo diñeiro. «Falamos duns 30.000 euros de media, ou máis», subliña. E as poucas que recibiron adiantos tan só contaron con diñeiro para 20 días. O propio López está á espera de recibir a liquidación de abril, cando xa levamos 15 días de maio: «É gravísimo. Estamos nunha situación moi complexa», advirte.
E as cousas poderían complicarse máis dende o mes de xullo se o Goberno decide distribuír a axuda en función da renda. As estacións de servizo terían que adaptar de novo os seus sistemas informáticos, cando hai moitas que aínda tratan de cadrar as contas dos primeiros días, cando tiveron que estender os recibos cos descontos aplicados a man porque apenas tiveron 24 horas para prepararse.
A gran pregunta é: quen se está a facer de ouro cos carburantes? A Asociación Española de Operadores de Productos Petrolíferos (AOP), explica que, no mes de marzo, cando os prezos comezaron a despegar, o 50 % do prezo cubría os gastos de adquisición de crú e refinado do diésel. O 11 % foi para os custos de distribución e marxes de beneficio. O 39 % para impostos. No caso da gasolina, o reparto foi do 42, 44 e 44 %.
O Goberno estuda que está a pasar cos prezos dos carburantes en España, hoxe por riba da media da Unión Europea (UE), segundo o Boletín Semanal do Petróleo, que publica a Comisión Europea no seu portal web.
Julio López pon en cuestión a veracidade dos datos. Os propios documentos indican que «son de validez limitada». «Portugal e Francia teñen prezos máis caros», asegura. Mais os últimos datos apuntan que, mentres en Francia pagan antes de impostos 863,5 euros por cada 1.000 litros de gasolina e en Portugal uns 1.072, en España o prezo é de 1.080. Co diésel acontece o mesmo. O prezo en Francia é de 1.011 euros; 1.157,4 en Portugal e 1.200 en España.