A bombona de butano bate todos os rexistros e sobe case un 5 %, ata os 19,55 euros

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

PACO RODRÍGUEZ

O prezo medrou un 40 % no último ano e Facua esixe ao Goberno que modifique o cálculo da tarifa

17 may 2022 . Actualizado a las 00:56 h.

Dende a electricidade ao gas e os carburantes, os prezos enerxéticos este 2022 baten todos os récords. E a bombona de butano non é unha excepción.

O Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou hoxe a nova tarifa para o envase, que entra este martes en vigor. Segundo consta no documento, os consumidores terán que abonar 19,55 euros por cada unidade, un 4,94 % máis —as oscilacións de prezos cada dous meses non poden superar o 5 %—. Con esta subida, a bombona de butano acada a súa marca máis alta na historia.

A que se debe a escalada? Principalmente ás fortes cotizacións da materia prima (propano e butano). Encarecéronse un 6,13 %. A subida tamén se explica polo encarecemento dos fretes un 9,83 % e a depreciación do euro fronte ó dólar (-3,61 %).

De non existir a limitación do 5 %, a bombona de butano, que é utilizada como alternativa ao gas natural nos núcleos de poboación sen acceso ás infraestruturas, tería subido un 8,19 %, sinalaron fontes do Ministerio de Transición Energética a Efe.

Na actualidade España consume 68 millóns de envases de GLP e 53 deles están suxeitos ao prezo máximo regulado. Non obstante, o uso deste combustible decaeu un 20 % entre o ano 2009 e o 2018. Hai case dous millóns de fogares que poderían percibir o bono social térmico este ano. O Goberno reservou 228 millóns de euros para esta partida, na que se inclúen os gastos en butano.

Un 40 % máis cara que no 2021

O prezo da bombona xa é un 40 % máis cara que hai un ano. A organización de consumidores Facua denunciou hoxe que este é o terceiro récord que acada o butano. A estas alturas do ano 2021, os españois apenas tiñan que desembolsar 13,96 euros polo mesmo produto. A asociación esixe ao Goberno que modifique o cálculo das tarifas.