Galicia segue medrando no dominio de competencias dixitais avanzadas

María Meizoso REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

La Voz

Un foro organizado por La Voz e Amtega analizou o novo marco autonómico

30 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia ten feitos os deberes no eido das competencias dixitais. Fomentar este tipo de habilidades entre todos os cidadáns, residan onde residan e teñan a idade que teñan, foi e continúa a ser un dos grandes desafíos aos que vén dirixindo os seus esforzos a Axencia para a Modernización Dixital de Galicia (Amtega).

Na actualidade, segundo datos do estudo Competencias dixitais da poboación galega 2020, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), dependente de Amtega, o 35,3 % dos galegos de entre 16 e 75 anos contan con competencias dixitais avanzadas, ou o que é o mesmo, esa porcentaxe de galegos móvese dun modo competente á hora de buscar información en Internet, na comunicación dixital e no uso de software.

Do Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor en xaneiro, e do que se ten feito no ámbito formativo e na educación falouse nun foro tecnolóxico organizado no Museo da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A directora da Amtega, Mar Pereira, aludiu ao crecemento que se deu, entre o 2019 e o 2020, do número de cidadáns que melloraron o seu nivel competencial. «Estamos crecendo máis que a media estatal, cun 20 % no ultimo ano, esa é unha boa noticia porque tamén entre os mozos estamos mellor». Pero, a pesar de que as cifras confirman esa tendencia positiva, Pereira subliñou que «hai que poñer o foco nas competencias básicas e na xente sen habilidades deste tipo, que se concentra maioritariamente entre as persoas de máis idade». Neses perfís será onde a Amtega redobre os seus esforzos. O obxectivo? Acadar o 70 % de poboación global con aptitudes básicas.

Acompañamento

A estratexia é clara. Os cidadáns teñen que formarse en competencias dixitais desde as idades máis temperás. Nunha primeira etapa en habilidades básicas, para a posteriori ir mellorando a súa especialización en aras de optimizar a futura incorporación ao mercado laboral. Pero, sen dúbida, o gran reto, tal e como apuntou Pereira, é garantir que «ninguén quede atrás no que é a inclusión dixital da sociedade, que toda a xente que non tivo a oportunidade de manexarse na tecnoloxía poida achegarse agora a ela».

Ese é o punto de partida do Marco Galego de Competencias Dixitais, publicado en setembro. Como traballo previo aprobouse a Estratexia Galicia Dixital, «aberta á cooperación e coordinación de todas as Administracións públicas», cuxo papel será determinante á hora de xestionar os Fondos de Recuperación Next Generation da Unión Europea. Por outro lado, púxose en marcha un plan de especialización en temas de intelixencia artificial porque «non hai dubida de que é unha das tecnoloxías que máis van impactar na nosa economía e nas nosas vidas». E, por último, o propio Marco Galego de Competencias Dixitais, baseado na directiva europea Digcomp, que establece cinco ámbitos de dominio e 21 competencias. O decreto, explicou Pereira, «regula o modo de certificar as competencias para que teñan formalidade». Para a súa aplicación, a Xunta creou un plan de posta en marcha integrado por representantes das Consellerías de Educación e Emprego e tamén das escolas de formación das Administración públicas. Tamén está aberto á colaboración privada.

Na súa intervención, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, lembrou que en pleno confinamento puxeron en marcha o proxecto Aula Dixital, que «abrangue diversos programas de formación especializada a través da Rede». Un plan integrado polos programas Autónomos Dixitais, co que se conseguiu «formar a 1.200 persoas», e formadores dixitais, que chegou a 200 docentes que actualizaron a súa formación no emprego.

Outro dos sectores no que se vén traballando con intensidade é o educativo. O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira, retrocedeu ata o 2009 para falar do proxecto Abalar, «que incorporou ás aulas equipamento que permite ao profesor dar clase coas novas tecnoloxías e ao alumno aprender case sen papeis». Un plan que medrou ata que, no 2014, pasou a chamarse E-Dixgal. «Temos a 551 centros e están a seguir este procedemento formativo de ensino 5.210 alumnos. É un cambio tremendo no sistema educativo. Sentaron unhas bases sólidas e os centros xa se incorporan de xeito voluntario».

Múltiples plans de capacitación para a sociedade e para os profesionais do futuro

Ante o novo reto dixital, que mecanismos se poden utilizar para capacitar, dun xeito uniforme, a toda a sociedade? Nos eidos da educación e da formación déronse grandes pasos nos últimos tempos. Así, nun contexto marcado pola aceleración dos procesos despois da pandemia, a Secretaría Xeral para a Educación traballa nunha estratexia dixital específica coa vista posta no 2030. Ademais, tal e como indicou Mira, están «impartindo moitos ciclos de maneira especializada». En concreto, este curso, comezaron os másteres de formación profesional no campo da ciberseguridade e a intelixencia artificial, entre outros. Na súa intervención, o secretario xeral avanzou que «hai varios plans con Amtega, e un, presupostado en 19 millóns de euros, servirá para crear un plan dixital en todos os centros educativos». Para poder levar a cabo a iniciativa, vaise crear unha rede de centros dixitais en Galicia. «Serán os mentores de todos os centros, 78 persoas a tempo completo dedicadas a asesorar sobre como facer esta transformación dixital», apuntou.

No tocante ás políticas formativas, a directora xeral insistiu en que «este é un camiño que hai que percorrer traballando todos xuntos». De aí o estudo de impacto das tecnoloxías emerxentes nos distintos sectores que puxeron en marcha coa intención de determinar «unha proposta das cualificacións profesionais que van ser necesarias para facer fronte aos empregos do futuro». Un traballo no que se analizaron 15 sectores «de gran impacto no tecido produtivo», desde a aeronáutica, a alimentación ou o téxtil até a biotecnoloxía.

Á marxe dese informe, a Secretaría Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade ultima unha iniciativa que, perfilou Lado, queren «que sexa capaz de determinar cales van ser as necesidades de man de obra do tecido produtivo». «Contémplanse como un gran pacto galego pola capacitación, será un marco colaborativo na mellora da formación laboral, e nesta iniciativa buscamos unha implicación activa de todos os axentes, tanto públicos como privados, para conseguir unha mellor empregabilidade para toda a cidadanía», explicó. Así, está previsto que se definan itinerarios formativos para dar resposta ás necesidades actuais, pero tamén do futuro. Da man de Amtega tamén acaban de lanzar un campus virtual de formación para o emprego.