So hai una transición enerxética posible: xusta e que non destrúa emprego

Francisco Conde CONSELLEIRO DE ECONOMÍA

ECONOMÍA

JOSE PARDO

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha etapa complicada como a actual, a industria galega ten ante si o reto de adaptarse ao novo contexto socioeconómico, tratando de anticiparse e apostando por unha verdadeira transformación. É o mellor xeito de afrontar a transición ecolóxica e a modernización dos procesos produtivos coa transformación dixital. A Xunta seguirá como ata agora, ofrecendo a súa colaboración para acadar estes obxectivos, sendo conscientes da necesidade de achegar as axudas directas, mobilizando liñas de financiamento para que conten con liquidez, e promovendo, da man dos sectores, proxectos tractores que poidan optar aos fondos europeos. Ata agora, os principias indicadores conclúen que o noso tecido empresarial está sabendo xestionar mellor a situación, permitindo que a economía galega teña un mellor comportamento que o conxunto do Estado. Así, a facturación da industria galega en outubro medrou un 7,4 %, fronte a un descenso medio en España do 2,4 %. Esta tendencia podemos extrapolala a outros indicadores, como as exportacións ou o PIB.

De feito, estudos recentes evidencian que é o propio tecido empresarial o primeiro que cre en Galicia e nas súas potencialidades: sete de cada dez empresarios confían en que a economía galega crecerá máis que a española; unha cifra ratificada esta mesma semana polo INE, que destacou que a confianza empresarial medrou un 2,7 % no primeiro trimestre deste ano en Galicia.

Neste contexto, no que debemos traballar desde a prudencia de combinar a saúde das persoas co desenvolvemento económico, é certo que en Galicia temos unha serie de casos que evidencian as consecuencias dunha transición enerxética do Goberno que, ao noso entender, é errónea. Non se pode pretender transformar un modelo industrial desde a falta de planificación e sen dar oportunidades ao noso tecido empresarial.

Os casos de Siemens nas Somozas ou das centrais térmicas de Endesa e Naturgy demostran que, ante a falta dunha estratexia clara por parte do Goberno, as empresas teñen a escusa perfecta para anunciar peches sen ofrecer proxectos alternativos de futuro. Non debemos esquecernos da conflitividade na industria hiperelectrointensiva e que ten un mínimo común denominador: a ausencia dun prezo eléctrico competitivo.

Por desgraza, esta inacción non só afecta ao ámbito enerxético. Tamén se están a producir outros desaxustes importantes pola inacción do Goberno e a súa ausencia dunha axenda industrial para o noso país. Navantia non ten carga de traballo comprometida para os próximos dous anos (no mellor dos casos), ata que se inicie a construción das fragatas F-110, e tampouco se pon data de inicio para o desenvolvemento do dique cuberto e, polo tanto, do estaleiro 4.0.

Inacción que tamén afecta de cheo á industria da automoción. A venda de vehículos está en caída libre e o 2021 non parece que será o do punto de inflexión porque o Goberno negouse a modificar os tramos fiscais do imposto de matriculación para adecualo ao novo sistema de medición de emisións WLTP que entrou en vigor este mes. Polo tanto, a automoción volve a ser prexudicada, neste caso pola vía da fiscalidade. Galicia non está a pedir nada que non fagan países como Italia, Francia ou Portugal.

En definitiva, Galicia si achega estabilidade e confianza ao tecido empresarial, pero necesitamos tamén da colaboración do Goberno. So hai unha transición enerxética posible: unha que sexa xusta e que non supoña destruír emprego e actividade económica. Do mesmo xeito que temos unha oportunidade para a transformación e modernización do noso tecido industrial, un reto que é preciso levar adiante desde a cooperación entre todos os axentes socioeconómicos e entre todas as Administracións.