«A IXP foi clave para a recuperación da imaxe e do prestixio da nosa carne»

La Voz

ECONOMÍA

24 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai trinta anos que se puxo en marcha a IXP Ternera Gallega, unha medida que revolucionou o sector e que lle deu valor á carne que se produce na comunidade. «A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega foi clave na recuperación da imaxe e do prestixio da nosa carne, e tamén na superación das diferentes crises alimentarias que sufriu o sector nas últimas décadas. Complementariamente, o labor informativo e de promoción fomentou o consumo e permitiu pouco a pouco o posicionamento da carne de Ternera Gallega e a súa consolidación no mercado, influíndo nos prezos en orixe e na rendibilidade das explotacións, cuestións fundamentais para o mantemento e a continuidade da actividade gandeira, a protección do medio ambiente e a fixación de poboación no medio rural galego, sobre todo nas zonas de montaña e desfavorecidas. Polo tanto, a influencia da IXP foi positiva para o sector, e non só polas cifras de actividade, senón porque significa unha oportunidade real de futuro para todos os que apostan pola produción de carne de vacún no rural galego», explica González.

-Como ve o futuro do sector de vacún de carne galego? Cales son os retos e proxectos da IXP a curto e medio prazo?

-A nivel produtivo, é necesario seguir avanzando na profesionalización do sector, no redimensionamento das explotacións, na planificación dos partos e no asociacionismo para mellorar a comercialización, aínda que os principais retos a superar son o relevo xeracional á fronte das gandarías e a redución do despoboamento no medio rural. No caso da industria cárnica, bótase en falta unha certa reconversión e especialización, tanto para lograr un maior aproveitamento do valor engadido que pode xerar o canal como para o desenvolvemento de produtos cárnicos elaborados, ou incluso precociñados, na liña das novas tendencias de consumo. Así mesmo, tanto a IXP Ternera Gallega como o sector no seu conxunto teñen que seguir apostando pola calidade, polo control e a diferenciación da nosa carne nos establecementos de venda, polo aproveitamento das oportunidades de mercado e pola información e promoción do produto para dalo a coñecer e aumentar a demanda. É necesario seguir contando coa confianza dos consumidores e, ao mesmo tempo, defender uns prezos razoables que permitan a xeración de riqueza en beneficio de toda a cadea produtiva.