Los líderes de Unións Agrarias, el Sindicato Labrego Galego y la Asociación Agraria de Galicia analizan la situación del campo

Las protestas de los agricultores y ganaderos españoles, que denuncian que sus productos multiplican por cuatro el valor en el supermercado y reclaman unos precios justos, han copado la actualidad. Los líderes de Unións Agrarias, el Sindicato Labrego Galego y la Asociación Agraria de Galicia analizan la situación.


firma invitada

É a economía, estúpido!

As mobilizacións masivas que mantivemos en Galicia no ano 2015 deron lugar a uns acordos para o sector lácteo. Estes contiñan compromisos de reducir os desequilibrios existentes entre os prezos do leite en orixe e os de consumo, e foron compartidos entre as tres partes, organizacións agrarias, industrias e empresas de distribución, co respaldo do Ministerio de Agricultura. Como resultado destes protocolos establecéronse novas normativas sobre os contratos, a orixe dos produtos, o papel das organizacións de produtores para a negociación coas industrias, a información dos prezos de cesión entre as industrias e a distribución e o control de prácticas comerciais desleais por parte da distribución. Unhas prácticas ilegais e monopolistas que, lembremos, foron posibles grazas á complicidade da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que informe tras informe impedía a negociación colectiva por parte dos produtores.

 

Desde entón, os avances son aínda moi limitados pola necesidade de que se faga obrigatorio fixar os acordos contractuais co amparo, o control e a sanción da Administración en caso de incumprimento. Neste momento a organización de produtores lácteos Ulega (Unión Leiteira Galega) -promovida por Unións Agrarias, e que agrupa o maior volume de produtores da UE- comeza a realizar unhas negociacións coas industrias lácteas grazas á obriga que agora teñen estas de sentaren a negociar, tal e como establece o regulamento do paquete lácteo, e logo de ser desatendidas durante os últimos tres anos. Así, neste momento ábrese un espazo de oportunidade pola tipificación que establece a ilegalidade das prácticas comerciais que vaian contra a lei da cadea alimentaria.

Porén, nas primeiras horas xa puidemos constatar que a falta da figura dun mediador independente na resolución de posibles conflitos, como si existe en Francia, Italia e Portugal, vai facer moi difícil que os contratos permitan unha formación equilibrada dos prezos. Porque, ademais, seguimos sen un observatorio de prezos que permita ter información actualizada e real sobre os custos de produción e a formación de prezos ao longo da cadea desde a produción ao consumo. O actual calendario de mobilizacións, no que está Unións Agrarias-UPA, posibilita que, no caso de fracasar a mesa de negociación coa industria láctea, imos retomar a denuncia pública dos contratos de adhesión que quere manter a industria, ante a pasividade das administracións.

Autor Roberto García Secretario xeral de Unións Agrarias

acotío

Dignificar o noso labor

O produtor é o elo máis débil da cadea de valor agroalimentaria. Este feito, como é constatado e recoñecido pola maioría da sociedade, xa parece algo asumido por todos, e polo tanto ese sambenito semella algo imposible de mudar, algo normal ou unha cuestión irresoluble. É certo que o tema resulta complexo. Son moitas as variables que inflúen ou acentúan esta circunstancia, como por exemplo a mínima capacidade de influencia na negociación e conformación do prezo percibido, as imposicións da industria e da distribución, as normas europeas, nacionais e autonómicas de obrigado cumprimento en materia de produción, sanidade, calidade, consumo etc. Pero tamén non é menos certo que o produtor, xa sexa pequeno ou mediano empresario, contribúe a xerar e distribuír riqueza nas aldeas e nas vilas do medio rural, e de non ser por iso o despoboamento e a perda de empregos e riqueza sería insostible para o resto da sociedade.

Na UE os estándares de salubridade e calidade dos alimentos que producimos son os máis esixentes do mundo. Os nosos produtos gozan dun alto nivel de seguridade alimentaria e dun recoñecido prestixio nos mercados. Resulta evidente que o bo facer de todos os elos da cadea fai posible este recoñecemento.

Entón, se sabemos producir, transformar e comercializar os nosos produtos, por que os produtores non percibimos un prezo xusto que remunere os custos e o noso bo facer dun xeito equitativo?

O poder da gran distribución é determinante na fixación dos prezos ao consumidor, pero á hora de aprovisionarse tamén exerce presión cara abaixo ás industrias ou aos transformadores, que á súa vez trasladan a presión ao produtor, sen que este teña ningunha capacidade de seguir trasladando cara abaixo a presión, porque el é o último elo.

Polo tanto, o produtor, en moitas ocasións, malvende a perdas, ou sen beneficio suficiente para obter unha renda digna polo seu traballo e polo servizo que presta á sociedade.

Levamos tempo pedindo melloras normativas que reforcen o poder do produtor e distribúan equitativamente un beneficio xusto ao longo de toda a cadea de valor. Tamén temos reclamado medidas de concienciación dos consumidores á hora de implicalos na compra e consumo de produto nacional, e reivindicamos necesidades de mellora en materia de fiscalización, mantemento e simplificación das axudas europeas, da lei da cadea alimentaria, das normativas sectoriais etcétera. Todas elas son medidas necesarias, pero as Administracións e os cidadáns en xeral deben ser conscientes de que ademais de políticas de apoio tamén precisamos valorización social. Non esquezamos que somos os primeiros coidadores do medio ambiente: garantimos o benestar animal e a produción sostible cun xeito de vida que nos é propio. Aínda así, actualmente aínda sobran actitudes e accións de desprezo cara ao noso traballo, a nosa cultura e o noso bo facer por parte dalgúns individuos ou colectivos de ignorantes, que mesmo semella que pretenden arruinarnos e condenarnos á Idade de Pedra.

Os produtores loitamos polo noso. Polo que é xusto.

Autor Francisco Bello Bello Presidente da Asociación Agraria de Galicia

EN VIVO

As políticas que afogan o agro

Estes días, nos diferentes territorios do Estado as persoas agricultoras e gandeiras están saíndo masivamente á rúa para denunciar de xeito unánime a situación desesperada pola que está a pasar o sector, en gran medida debido aos prezos ruinosos que se pagan en orixe e á imposibilidade de repercutir as subas dos custos de produción (enerxía, insumos, novas esixencias ambientais, custos sociais...). Á unanimidade neste diagnóstico hai que sumar a frustración pola acción duns gobernos que están a usar o sector como moeda de cambio, negociando tratados comerciais como o de Mercosur, que incrementarían a entrada de carne e doutros alimentos de terceiros países, xunto ao incremento de esixencias e á incerteza do brexit e das negociacións da próxima PAC.

O propio ministro recoñece o mal funcionamento da cadea de valor, pero isto tampouco é nada novo, e en Galicia sabémolo ben. A directiva comunitaria de prácticas desleais na cadea alimentaria e a propia lei da cadea alimentaria española nacían, en teoría, co fin de protexer á parte máis débil da mesma, o sector produtor, e eliminar prácticas abusivas. Na práctica, e despois de moitas reunións, declaracións de intencións e fotografías para a galería, nunca chegaron a desenvolverse fórmulas que implicasen ningún avance para garantir a marxe das persoas produtoras. Coa escusa da lexislación de competencia, o Goberno permitiu que houbese cárteles como o do sector lácteo, que operaron con total impunidade máis de dez anos sen que ata o momento o sector recibise ningunha reparación, impagos por parte de moitas industrias ou adegas, prezos que estaban claramente por debaixo dos custos de produción… A contestación do ministro ás mobilizacións resulta bastante timorata e decepcionante, pois limítase a anunciar unha convocatoria urxente do Observatorio de Prezos da Cadea Alimentaria para analizar a formación de prezos -cando se sabe que, con carácter habitual, hai unha diferenza media dun 400 % entre os prezos pagados en orixe e os que se lles cobran ás persoas consumidoras- ou propor que nos contratos figure con carácter obrigatorio o prezo, unha obriga que existe desde hai anos en sectores como o lácteo, e que non nos protexeu de cobrar os prezos máis baixos do Estado e de Europa, mesmo en anos como o 2019, no que as industrias están a recoñecer que foi para elas un período histórico en canto a beneficios.

Pola contra, noutros lugares como Francia deben xogar noutra liga, pois xa no 2018 aprobouse a lei para o equilibrio das relacións comerciais no sector agrario. A lei introducía a posibilidade de establecer prezos de referencia por parte das organizacións interprofesionais, con prezos de referencia mínimos e unha parte garantida para remunerar o traballo. As políticas neoliberais, que pretenden obter cantidades enormes de materias primas a prezos ruinosos, están afogando o sector, acabando co medio rural e eliminando a posibilidade de que unha agricultura e unha gandaría verdadeiramente sostibles acheguen os alimentos saudables e de calidade que a sociedade precisa. E nós preguntámonos: por que en Francia se pode lexislar para garantir a marxe das persoas produtoras e no Estado español non? Por que o Goberno segue sen comprometerse con solucións reais para o sector?

Autor Isabel Vilalba Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego
Votación
0 votos
Comentarios

La revuelta del campo: los sindicatos gallegos opinan