José María Seijas: «O comercio non desaparecerá, porque onde está, hai vida»
A informatización e as redes sociais son dúas das materias pendentes das pequenas tendas, defende o presidente da Federación Galega de Comercio
lugo / la voz
Os pequenos comercios de Galicia teñen que adaptarse aos novos hábitos de consumo, nos que Internet xoga un papel moi importante. A aposta pola dixitalización debe ser inmediata para que os negocios poidan competir cos xigantes empresariais. Así o explica o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas.
-Cal é a situación actual do pequeno comercio en Galicia?
-É coma a de moitos outros sectores. Agora case todo está en retroceso, algo que eu achaco a varias circunstancias. En primeiro lugar, á incerteza política, posto que non sabemos nin o que vai acontecer nin quen vai dirixir o país. Hai tempo pedimos unha entrevista coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para regular as datas das rebaixas. Estamos agardando a poder resolvela.
-En que inflúe o que vostede denomina como incerteza política?
-Pois en que a confianza do consumidor baixou notablemente, por iso non hai unha subida nas ventas que mereza a pena destacar.
-Cales son as perspectivas de futuro?
-Nesto é no que estamos a traballar. Hai unha transformación dos hábitos de compra dos consumidores e temos que adaptarnos. O comerciante ten que potenciar a venta física e a on-line, e ten que prepararse para estar nas redes sociais como fan os demais.
-A transformación dixital é algo que acontece en moitos ámbitos dende hai anos.
-Así é. Cando chegaron as primeiras grandes superficies, xa houbo que facer unha gran transformación. Agora acontece o mesmo. Dende a federación estamos traballando para informatizar os comercios para actualizalos e así estar á altura dos demais.
-Empresas como Amazon danan o pequeno comercio dalgún xeito?
-Amazon e Aliexpress danan o pequeno comercio e tamén o grande. Estamos vendo que grandes firmas como Inditex venden grande parte dos seus produtos por Internet. Agora este é o espazo que hai que cubrir.
-Que precisan os pequenos comerciantes?
-Informatización e redes sociais. É moi importante que se dean a coñecer e que poidan ensinar os seus produtos á xente de todo o país. Tamén é preciso regular as rebaixas, algo que depende do Goberno directamente. Teríamos que facer un estudo e mirar se fai falla cambiar as datas en que se fan.
-As grandes cidades de Galicia ven como as súas tendas pechan a diario.
-Este é un problema a nivel nacional e tamén xeracional. Hai xente nova abrindo comercios con novas metodoloxías e especialidades e os demais deben actualizarse. O comercio non pode desaparecer, porque onde hai comercio, hai vida.
-Cal é o papel das administracións?
-Deben buscar solucións. A xente vai mercar onde hai aparcamento e bancos para sentarse. É dicir, os concellos deben poñer mobiliario cómodo nas rúas.
-A peonalización dos centros urbanos é prexudicial?
-Para peonalizar ten que haber reunións e sentido común para así buscar solucións. Entón resultaría beneficiosa, pero non chega con por unha sinal e que non pasen coches.
-É fácil emprender hoxe?
-Hai axudas para o comercio. O problema é que o 99 % dos comerciantes somos autónomos con moi poucos dereitos na práctica.
«O comerciante ten que prepararse para estar nas redes sociais, tal como fan os demais»
Comentarios